II Galeusca Historia

Os vindeiros 2,3 e 4 de xullo desenvolverase en Euskadi o II Galeusca de Historia. A iniciativa que nacera na Galiza diante do 75 aniversario do pacto tripartido que unía ao nacionalismo partidario galego, vasco e catalán, volve a se xuntar.

Historiadoras e historiadores dos tres países debaterán e reflexionarán en Bilbao arredor do pretérito das tres nacións arredor de diversas mesas, caso de Parlamentos, Asembleas representativas e actores. (S. XVI-XXI), Biografías de intelectuais, personalidades con carisma, Relatos e historiografías e O binomio centro-periferia na construción histórica de Galeuzca, entre outras liñas de investigación.

Pola banda galega asistirán Uxío-Breogán Diéguez, profesor da Universidade da Coruña e director de Murguía, Revista Galega de Historia, Xosé Estévez, profesor da Universidade de Deusto, especialista na historia do Galeusca, Lourenzo Fernández Prieto, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e Xoán Carlos Garrido, contemporaneísta ; representación á que somar comunicacións como a achegada polo profesor da Universidade da Coruña Carlos Velasco Souto.

Pola banda catalana, entre outros, estarán presentes o catedrático Jordi Casassas Ymbert e o profesor Carles Santacana, ambos da  Universitat de Barcelona, Enric Pujol da Universitat Autònoma de Barcelona e, entre outros, Agustí Alcoberro i Pericay, modernista e Director del Museu d’Història de Catalunya.

A equipa anfitriona do encontro está formada por Joseba Agirreazkuenga, Eduardo J. Alonso Olea, Joseba Arregi Orue, os tres destacados historiadores e profesores da Euskal Herriko Unibertsitatea, así como Luis de Guezala da Sabino Arana Fundazioa, entre outros.

Ao peche do encontro publicaremos unha sinopse dos traballos achegados ao mesmo. Sexa como for, pódese ollar o programa completo no sitio web do que se dotaron os integrantes da plataforma tripartita, a saber:  www.galeuscahistoria.com .

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman