Díaz Pardo, homenaxeado.

Isaac Díaz Pardo naceu en 1920 en Compostela. Frecuentou desde moi neno o taller do seu pai, o galeguista Camilo Díaz Baliño, escenógrafo, pintor e cartelista. Sorprendíao o Golpe militar españolista do 1936 cursando os estudos de bacharelato, cando proxectaba acceder á Escola de Arquitectura. Tería de ficar ficar agochado, para non correr a mesma sorte que outras e outros, caso do seu pai, que aparecería entre Arzúa e Melide asasinado no mes de agosto.

No 1939 ingresaría Díaz Pardo na Escola de Belas Artes de San Fernando; ligado ao deseño industrial destacaría como creador. Fundador alén mar do Laboratorio de Formas xunto ao exiliado Luís Seoane, ao que se lle daría forma logo na propria Galiza. Aliás botaría a andar as Cerámicas Sargadelos, Edicións do Castro, o Instituto Galego de Información e outros proxectos de grande relevo, con diversos colegas. Autor de diversos ensaios e texto xornalísticos, entrevistado por Murguía, Revista Galega de Historia en diversas ocasións, a última no Ano da Memoria (2006), morría o pasado ano deixando un importante valeiro…

Homenaxe no cabodano

O sábado 5 de xaneiro vén de ser homenaxeado Isaac Díaz Pardo no cemiterio de Boisaca por multitude de amizades e persoas que valorizaron toda a súa produción. Poetas como Carmen Blanco e David Otero recitaron en homexane ao polifacético creador e Mini e Mero amenizaron musicalmente o encontro, que semella é antesala de outras iniciativas. Entre estas a apresentación da obra coordenada por Xosé Ramón Fandiño Isaac Díaz Pardo. Obra dispersa (Cadernos Ramón Piñeiro), a desenvolver no Museu do Pobo Galego a vindeira cuarta feira 9 de xaneiro.

A unhas e outras iniciativas sumámonos desde Murguía, Revista Galega de Historia ; como humilde contributo a Isaac Díaz Pardo que estivo receptivo ao lanzamento, entre outros, de proxectos en favor do país coma esta propria publicación hai xa unha década.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman