O mosteiro de San Salvador de Sobrado de Trives: primeira documentación romance (1255-1271)

O mosteiro de Sobrado, pertencente á diocese de Astorga, sitúase na actual freguesía ourensá de S. Salvador de Sobrado de Trives, “en la vertiente norte de la sierra de Queija, entre los rios Bibey y Cabalar, en la carretera de Trives a Manzaneda y en el antiguo camino de Orense a Villafranca del Bierzo” (Duro Peña 1969:8). Do antigo mosteiro hoxe conservamos unicamente a súa fermosa igrexa románica. Os testemuños documentais e mais arqueolóxicos coñecidos na actualidade aínda non permiten desentrañar por completo a historia inicial desta primitiva comunidade dúplice (exclusivamente feminina no baixo medievo), fundada como moi tarde nos inicios da 2ª metade do séc. X baixo o goberno de S. Salvador de Celanova.

A documentación aquí presentada abrangue as primeiras décadas da 2ª metade do séc. XIII, época na que a maior parte dos testemuños remiten aos contratos enfitéuticos (docs. 1-4, 7-8, 10-13) emanados da administración facendística levada a cabo pola abadesa Mariña Rodríguez (presente neste cargo até 1280). Con todo, tamén rexistramos dúas vendas (doc. 5:entre particulares; doc. 6: entre o mosteiro e o bispo de Lugo) e unha avinza ou composizón entre a abadesa e un clérigo da mesma freguesía de Sobrado de Trives (doc.9).

Como é de sobra coñecido, a reforma dos institutos beneditinos posta en marcha a partir de 1494 supuxo a incorporación do mosteiro de Sobrado ao de S. Paio de
Antealtares.

A documentación deste mosteiro bieito foi obxecto de edición, cando menos de maneira conxunta, en dúas oportunidades: en primeiro lugar, nunha pequena escolma documental publicada por Duro Peña en 1967 na que se incluían 20 pezas textuais dos sécs. XIII (a. 1228) a XVI (a. 1565). Case 20 anos despois, en 1988, Martínez Sáez defende como Tese de Doutoramento a colección diplomática íntegra (387 docs.
incluídos os rexestos dos diplomas perdidos) do mosteiro até a súa anexión a S. Paio.

Desde o punto de vista filolóxico é importante mencionar tamén o traballo de Pensado (1969), no que, como o seu propio título indica, se realiza un ‘comentario lingüístico’
dalgúns dos diplomas editados por Duro Peña.

Nesta contribución presento a edición filolóxica (‘interpretativa’, vid. infra) dunha escolma documental integrada por 13 textos que constitúen os primeiros exemplos de escrita instrumental romance do cenobio ourensán. As fontes documentais de S. Salvador de Sobrado de Trives pertencentes a esta primeira época (séc. XIII) atópanse maioritariamente no Arquivo de S. Paio de Antealtares (AA: sección Pergameos, mazo 2A5), mais tamén se custodian algúns diplomas no Arquivo Histórico
Nacional (AHN: sección Clero, A Coruña, S. Paio de Antealtares, carp. 521; e sección Clero, Lugo, Catedral, carps. 1330/C e 1330/G) e no Arquivo Histórico Universitario de Santiago (AHUS: fondo Blanco Cicerón)…

Ricardo Gutiérrez Pichel

Máis en Murguía, RGH na túa libraría!

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman