Nomes e Voces. Proxecto Interuniversitario

O ano 2006 foi baptizado pola Consellaría de Cultura da Xunta de Galiza como Ano da Memoria. Ao abeiro deste, entre moitas outras iniciativas lanzadas pola consellaría encabezada por Ánxela Bugallo, lanzábase un tan ambicioso como necesario proxecto intitulado As víctimas, os nomes, as voces e os lugares.

Un proxecto do que participaban as tres universidades galegas e que sob o liderado do catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela Lourenzo Fernández Prieto e a coordenación de Dionisio Pereira, Xulio Prada, Xosé M. Núñez Seixas e Emilio Grandío, tiña a “… intención de estudar a represión franquista durante a Guerra Civil e a ditadura, e ofrecer á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución por mor da súa ideoloxía ou da súa posición favorable á democracia republicana. Esta tarefa abórdase desde a perspectiva da investigación histórica, como parte dun crecente interese dos especialistas polo tema da Guerra Civil e da conseguinte represión”.

A tal efeito o proxecto, repabtizado como Os nomes e as Voces , configurou un amplo grupo de investigación, que deu lugar ao maior acopio de información relativa á represión franquista na Galiza, ponderadamente analisada e divulgada a través de diversos traballos (ponencias, comunicacións, palestras…), dotándose dun site web, www.nomesevoces.net , consultado por miles de persoas.

O director do proxecto interuniversitario, Lourenzo Fernández Prieto, alertaba hai semanas da posíbel desaparación do proxecto, por falta de fondos económicos que o sustentaran, logo do xa duro golpe recibido a partir do 2009, cando se reduciron á minima expresión as axudas públicas á devandita iniciativa.

E é que resulta obvio que as prioridades do actual executivo galego non pasan pola recuperación da memoria democrática, nen o coñecimento exhaustivo do pasado diferencial da Galiza,  e neste senso debemos enmarcar a falta de apoio institucional ao proxecto Nomes e Voces. Malia a exemplaridade do traballo desenvolvido, mercé ao que se artellou unha base de dados con 14.978 nomes relativos á represión franquista , após 404 entrevistas, sumadas ás 108 doadas por investigadores e particulares. Aliás, foron 22.340 dixitalización as realizadas.

Sexa como for, nunha nota afirman desde o proxecto que manterán “… aberta a web www.nomesevoces.net, co mesmo nivel de acceso á información que neste intre existe pero sen actualización, o acceso aos fondos que non estean xa en rede fica choído, non se poderá seguir cos traballos de mantemento interno das bases de datos e tampouco poderemos facer (como aínda facíamos ocasionalmente) recollidas de material inédito y sensible a perderse”.

Desde este portal-e, así como desde Murguía, Revista Galega de Historia, parabenizamos todo o traballo desenvolvido desde Nomes e Voces, agardando que teña unha nova etapa. Sen dúbida algunha acreditamos en que o labor realizado ten de ter continuidade, dando lugar a outras iniciativas que se liguen co mesmo.

Fundación Illa de San Simón

Con sede no campo de concentración que se ergueu na Illa de San Simón, en plena Ría de Vigo, ten como obxectivo a Fundación que leva o nome da Illa “…conservar e promover os valores naturais, patrimoniais e paisaxísticos da illa, referencia natural, artística e da memoria histórica do país”.  O pasado 28 de xuño, simbólica data no imaxinario colectivo galego, o Padroado desta fundación por iniciativa da Consellaría de Cultura decidíu a súa extención.

Malia que desde a Consellaría de Cultura, responsábel da mesma, se indica que a motivación de extinguir a devandita entidade é meramente económica, o certo é que todo parece indicar que planificadamente se están a desarticular todas as referencias memorialísticas de carácter institucional que o anterior goberno da Xunta de Galiza botara a andar. Semella existir unha vontade planificada ao respeito -a ver coa falta de sintonía dos actuais mandatarios na Galiza co espírito da recuperación da memoria histórica-; de non ser isto así, outras fundacións de titularidade autonómica, ben máis custosas para o erario público, estarían sendo eliminadas…

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman