Homenaxe a Pedro Galán Calvete. ‘Da man do corazón’

O pasado 21 de setembro a Coruña volveu homenaxear a figura de Pedro Galán Calvete. Mozo de esquerdas e nacionalista, organizado na Federación das Mocidades Galeguistas (FMG), asasinado a altura do 16 de setembro do 1936.

Con apenas 19 anos, Galán Calvete foi vítima dos golpistas que quixeron calculadamente acabar con aquela República, na que se puñan os cimentos para un Estado galego (1932) e o sufraxio universal (1933), entre outras iniciativas, sería legalizado. Pedro Galán estaría presente na maior parte de actividades reivindicativas que o galeguismo da altura impulsaba, sendo unha das referencias daquel movimento na capital coruñesa, fillo das clases populares e da coruñesa ‘Escola de Primeiro Ensiño’ que Ánxel Casal e María Miramontes puxeran a andar nos finais da primeira década do século XX.

A memoria de Pedro Galán Calvete desde hai unha década é recuperada polos nacionalistas galegos. Mais un ano as agrupacións locais do Bloque Nacionalista Galego e Galiza Nova da Coruña desenvolveron unha nova homenaxe a un daqueles mozos máis reivindicativos e militantes dun tempo que nos foi roubado. Diversas intervencións lembraron a figura daquel secretario de organización das mocidades nacionalistas da Coruña, contábel e estudante de Dereito, apresentando o libro Pedro Galán Calvete. Da man do corazón -en alusión á man que daba ao saudar, por ser a máis sentida…-, do que participan Dionísio Pereira, Goretti Sanmartín, Isabel Risco, Lino Braxe, Lois Diéguez, Manuel Lugrís, Manuel Rei, Pilar García Negro, Mercedes Queixas, Pedro Galán Horro, Pilar Pallarés, Uxío-Breogán Diéguez e Xosé Manuel Carril.

!

Con esta homenaxe, amenizada musicalmente por Moncho d’Orzán, recupérase unha memoria necesaria: a das e dos máis nobres e honestos galegos que asasinados sen xuízo reclamaban e axían en favor do progreso e a liberdade para a nosa Patria.

De interese:

Artigo arredor de Pedro Galán Calvete, da autoría do profesor da Universidade da Coruña Xosé Manuel Carril Vázquez, publicado en Murguía, Revista Galega de Historia (vol.3, 2004):

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman