“…todo saber é evolutivo”, Xosé Chao Rego.

Xosé Chao Rego naceu no 1932 en Vilaba. Entra no Seminario de Mondoñedo no 1942, marchando cinco anos despois para Salamanca, para se licenciar en Filosofía. Logo viaxará a Roma de onde regresará, outravolta para Mondoñedo, con vintecinco anos. Promotor de publicacións como Irimia e Encrucillada. Autor de diversos libros, como o clásico Eu Renazo Galego. No outono do 2004 tributouselle unha ‘Homenaxe Nacional’, nucleada pola Asociación compostelá O Galo, pola súa carreira de compromiso co país.

Xohán Fernández Callón/Revista Murguía.- Bon serán, Chao.

Xosé Chao Rego.- Ben vidos.

R.M.-Entrando en materia, falemos do inicio da actividade dun clero comprometido co País e a sociedade. Xorde do espírito do Concilio Vaticano II e da encíclica Populorum Progressio ou existe xa un substrato anterior?

X.C.R.- Realmente, antes diso non existe prácticamente nada nese sentido de compromiso social cristián. Eu penso que empeza a cousa no ano da fundación da UPG (no 1964). Os cregos afectos ou afiliados á UPG non eran ben vistos. Os que eramos máis abertos pensábamos que había unha autonomía no relixioso, e viamos manipulacións por todas partes. A Igrexa estaba totalmente vendida á dereita. En Galiza hai dúas dimensións: Galiza, e logo os curas de Galiza: as parroquias, dioceses,… O movemento cristián como grupo forte, eu diría que empeza no ano 1966. Eu fun actor principal extraendo esta idea de Alemaña, para facer aquí coloquios parroquiais, Coloquios Europeos de Parroquia, así chamados. Moitos dos que empezamos a traballar no ano 1956, saímos ao estranxeiro -daquela non saía ninguén–. Había curas moi definidos neste terreo, como Moncho Valcárcel. Fun o fundador dos Coloquios Europeos, e o presidente durante cinco ou seis anos. Di Paco Carballo que foi o máis importante que se fixo en Galiza en todo o século -nunca antes se reuniran en Galiza cregos-, pero con escasa participación de laicos. No 1966 reuníronse uns 16 cregos, e xa no 1967 reuníronse 100 cregos: a liturxia en galego, a deixar de cobrar, a falar en galego… Paco de Aguiño foi o primeiro que rompeu a falar. Eu tiña problemas, porque nunca falara en galego públicamente, pola educación que tivera.

O cardeal Quiroga Palacios, que era presidente da Conferencia Episcopal, apoiounos, falamos con el para que frease aos bispos para que non interferisen no noso movemento. O bispo de Ourense excomungou a tres ou catro cregos que participaron na primeira Romaxe de Crentes Galegos. Este movemento foi tirando cara á laicidade.
Co Concilio Vaticano II non se inicia nada. A maior parte dos bispos nin se decataron. Tivo un valor inmenso que foi o de romper o monolitismo que existía na Igrexa. A letra e a música do concilio disentían. Realmente houbo un movemento litúrxico, porque era unha cousa xa moi madura na Igrexa, xunto coa participación do pobo; fóra de España, porque en España non había máis ca nacional-catolicismo. Eu daquela estaba estudiando en Salamanca e Roma. Alí en Roma eu atopei a miña liberación espiritual a través dunhas revistas belgas, porque oficialmente a min non me chegou nada do Concilio.

R.M.- Foron os seminarios lugares de pedagoxía do compromiso social, dado que os seminaristas galegos eran na súa maior parte de extracción labrega?

X.C.R.: Non. O 90% eran fillos de labregos. Eu fun profesor do seminario de Mondoñedo durante tres anos. Eran sitios de pasar fame esperando o día en que che asignaran unha parroquia. Tiveron importancia en Galiza porque os segundóns da fidalguía metíanse no seminario ou metíanse no mundo militar. Non había altura intelectual nos seminarios, os profesores impartían asignaturas das que non eran especialistas. Foron positivos porque promoveron moita xente; non atoparedes hoxe en Galiza ningunha persoa de valía que non pasara polo seminario. Eu tiven a fortuna de que o bispo de Mondoñedo fixo dous cursos de preparación para entender a liturxia do Concilio, e escolleume para eles, e comprobei unha cousa que me emociona moito, xa que os cregos querían saber, todo era novo para eles, estaban na inopia; segues na inopinión se non te cultivas, porque, loxicamente, todo saber é evolutivo. Salvábase o seminario de San Carlos da Universidade Pontificia de Salamanca, e o dos xesuítas de Comillas, en Madrid…

…máis en Murguía, Revista Galega de Historia nº6, xaneiro-abril 2005.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman