Historia da Educación na Galiza. Vol. 27/28

Vén de sair do prelo mais un volume de Murguía, Revista Galega de Historia. Con este número duplo celebra a publicación o seu X ANIVERSARIO, realidade que se destaca no editorial da mesma:

“A historia da educación na Galiza é un ámbito de estudo relativamente recente ao que non se ten prestado atención de xeito sistemático até o derradeiro terzo do pasado século XX. Antes de 1980 aparecen dun modo irregular algunhas publicacións, sen obedecer, non obstante, a unha unidade de propósito ou á consolidación dunha liña investigadora, coa excepción quizais dos estudios relativos á historia institucional da Universidade de Santiago. Será, por tanto, a partir dos anos oitenta cando se rexistre un cambio decisivo neste panorama.

 

Podemos afirmar, daquela, que nos finais do pasado século iníciase a configuración dun novo sector de coñecemento dentro da historiografía galega —entendendo como tal as unidades bibliográficas nas que se obxectiva e formaliza o coñecemento sobre o noso pasado educativo, resultado da aplicación do método histórico á análise dun determinado problema— con progresiva identidade e conciencia de si mesmo. Un sector que, de xeito gradual, vai consolidando e ampliando o seu campo de investigación. As razóns que posibilitan a súa emerxencia son basicamente dúas: dunha banda, a implantación na década de 1970 dos estudos de Pedagoxía na Universidade de Santiago, así como nos Colexios Universitarios da Coruña e Ourense, que incorporarán a historia da educación nos seus planos docentes e proxectos de investigación; e doutra, a preocupación existente nestes mesmos anos pola construción dunha historia específica da Galiza, por considerala un elemento fundamental na definición da nosa identidade.

 

Unha e outra circunstancias fan posíbel o desenvolvemento de investigacións monográficas, a publicación de traballos nun variado abano de temáticas histórico-educativas sobre a nosa realidade, ou a edición de artigos en publicacións periódicas, sendo a máis relevante ao respecto Sarmiento, o anuario galego de historia da educación que desde hai dezaseis anos editan conxuntamente as tres universidades galegas; ou as revistas Grial, A Trabe de Ouro ou a propia revista Murguía, ao abeirar ocasionalmente nas súas páxinas, entre outros, traballos de temática educativa desde unha perspectiva histórica.

 

Sobre ese variado elenco ao que antes nos referiamos, con progresiva presenza desde hai uns anos para aquí, debemos destacar unha serie de autores que veñen prestando atención, desde os seus regulares estudos, a unha serie de temáticas variadas e de relevante interese para a reconstrución e conformación da nosa historia educativa, con identidade propia. Deste xeito, convén non esquecer as achegas que teñen realizado Xosé Ramón Barreiro Fernández, José García Oro, Lois Obelleiro Piñón, Antón Costa Rico, Ofelia Rey Castelao, Manuel González Riobó, Pegerto Saavedra ou Pablo Sánchez Ferro aos estudos sobre o ensino na Galiza durante o Antigo Réxime, ou os traballos de María Álvarez Lires, Carmen Benso, Narciso de Gabriel, Margarita Sanz González ou Mercedes Suárez Pazos sobre a educación das mulleres.

 

Sobre a implantación e desenvolvemento do ensino infantil e primario a partir do século XIX son relevantes os traballos de Antón Costa, Narciso de Gabriel e Mercedes Suárez Pazos. Sobre o ensino secundario, dando prioridade á constitución dos institutos provinciais a mediados do XIX e ao seu desenvolvemento na segunda metade deste século, debemos ter en conta as investigacións de Carmen Benso Calvo, Antonio Meijide Pardo ou Antonio Prado Gómez. Así como de destacar é tamén a atención que Rafael Sixto Edreira, Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Xosé Antón Fraga Vázquez lle prestan á presenza das ciencias experimentais no panorama educativo galego. No apartado da escolarización deben terse en conta as achegas de Vicente Peña Saavedra no tocante á intervención escolar dos emigrantes galegos.

 

Como tamén son de destacar as de García Cortés e José Ramón Hernández Figueiredo ao estudo da influencia da Igrexa no panorama educativo galego. Por outro lado, deben citarse os de José Antonio Vázquez Vilanova relacionados coa formación nos seminarios relixiosos; ou os que sobre presenza que tiveron ao longo do tempo as diferentes ordes relixiosas na educación teñen publicado Evaristo Rivera Vázquez no que se refire aos xesuítas, ou Ernesto Zaragoza Pascual sobre a orde bieita. Como tamén son de mencionar as investigacións de Concepción Varela Orol e José Daniel Buján Núñez sobre as bibliotecas universitarias.

 

Non se deben esquecer, así mesmo, os traballos referidos á historia do sistema universitario na Galiza, con especial presenza os dedicados á Universidade de Santiago de Compostela, elaborados por Aurora Cendón Amaro, Antón Costa Rico, Ricardo Gurriarán, Antonio Presedo Garazo, María Jesús Gutiérrez Tosar, A. Marco López, Anxo Porto Ucha, Martínez Rodríguez, Juan Monterroso Montero, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Pegerto Saavedra e Pilar Rodríguez Suárez. Ou as investigacións realizadas sobre a presenza e evolución do libro escolar no noso sistema educativo, a cargo de Antón Costa e Carmen Benso Calvo; ou máis recentemente centrados na narrativa infantil os realizados por Xosé Antonio Neira Cruz, M. Castro González ou Blanca Ana Roig Rechou.

 

Ademais, son tamén relevantes os traballos sobre a formación, a evolución e o desenvolvemento do profesorado na Galiza, nos que se teñen detido María Dolores Cotelo Guerra, José Luis Iglesias Salvado, Narciso de Gabriel ou Anxo Porto Ucha; ou sobre as ensinanzas especializadas e artísticas, técnicas e profesionais, dos que forman parte os realizados por Antonio Meijide Pardo, Sánchez Rodríguez de Castro e Manuel Vieites García, este con respecto á historia da educación dramática; sobre a presenza na Galiza do movemento institucionista son de destacar os realizados por Uxío Otero Urtaza, Raquel Vázquez Ramil ou Anxo Porto Ucha. Por último, os estudos sobre arquitectura escolar a cargo de Ramón Iglesias Veiga, ou sobre influencia da educación na economía da Galiza realizados por Blanca Martínez.

 

O volume monográfico que aquí presentamos aos lectores e lectoras de Murguía, Revista Galega de Historia, e co que a publicación celebra o seu décimo aniversario, ten como obxectivo recoller unha panorámica global das principais cuestións que forman o campo de estudo da Historia da educación no noso país, nomeadamente no referido aos dous últimos séculos. A educación, examinada na súa dimensión histórica, é un ámbito extenso, variado, poliédrico, e polo tanto imposíbel de abranguer en toda a súa atención e complexidade nun monográfico de espazo limitado como o que nos ocupa. Por ese motivo, consideramos acaído dar prioridade a aqueles aspectos que teñen, ao noso entender, un carácter troncal dentro da panorámica educativa deste período. Seguindo este criterio, por tanto, parécenos imprescindíbel abordar de xeito máis detido algúns aspectos claves na evolución do sistema educativo, quer na vertente escolar, quer na extraescolar. Ofrecemos, pois, unha panorámica que reflicte a conformación desde o pasado para poder entender mellor a nosa realidade educativa no presente.

 

Tendo isto en conta, abrimos o presente monográfico coa recuperación da figura de Baltasar Vázquez na sección Fontes da man de Xosé Manuel Cid Fernández, catedrático da Universidade de Vigo no Campus de Ourense. A seguir Ofelia Rey Castelao, catedrática da Universidade de Santiago de Compostela (USC), abre a sección A Investigación ocupándose da evolución da escolarización durante os séculos XVII e XVIII; proceso que completa o texto de Narciso de Gabriel, catedrático da Universidade da Coruña (UDC), atendendo os séculos XIX e XX. Tocante á evolución do ensino secundario, o profesor Antonio Prado Gómez preséntanos unha panorámica daquel na Galiza a partir de mediados do século XIX, con especial atención ao Instituto de Ensino Secundario de Lugo. Pola súa banda, a catedrática da USC Aurora Marco aborda a paulatina presenza feminina no sistema educativo galego a través da súa achega “Mulleres e educación na Galiza”, mentres que o profesor da UdC Xosé M. Malheiro Gutiérrez aborda a análise dunha serie de propostas de escolarización que se levaron a cabo desde a iniciativa non oficial, “A resposta popular alternativa ás eivas educativas na Galiza de entreséculos”, para de seguido a profesora Raquel Vázquez Ramil esculcar nas “mulleres galegas que fixeron parte da Junta de Ampliación de Estudios”. Por último, o investigador Antón Somoza tráenos a colación a “Persecución sobre profesionais do maxisterio e construción do novo réxime a partir do golpe de Estado en Galiza” e o docente e investigador Luis Martínez-Risco Daviña fai unha achega sobre “A influencia do ensino da Historia no proceso de nacionalización española na Galiza”.

 

Na sección A Entrevista conversa Xosé Manuel Malheiro co catedrático da Universidade da Coruña, especializado en Historia da Educación, Antón Costa Rico. En Lembranzas a profesora e investigadora Ana Romero Masiá lembra a figura de María Barbeito e na sección Museos e Arquivos percorremos o Museo das Mariñas sito en Betanzos da man do seu director, o investigador e bibliotecario Alfredo Erias.

 

Recensionamos en Lecturas as actas do IV Congreso Manuel Luís Acuña (2009) e a obra Arquitectura e Indianos na cidade de Vigo e bisbarra (2013), da autoría do profesor e investigador José Ramón Veiga Iglesias Finalmente, visitamos n’A Rede o Centro de Investigación Manes, da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED), Fuentes para la Historia de la Educación adscrito ao departamento de Pedagoxía da Universidade de Granada, así como a Federación Icaria, responsábel da edición da revista Con Ciencia Social.

 

*****

 

Non podemos pechar estas liñas introdutorias sen lembrar a Fidel Diéguez Díez, docente e enxeñeiro de profesión, impulsor de proxectos varios ao longo da súa vida. Falecido cando o presente volume estaba a se xestar, terá de ser recordado como un bon e xeneroso, que contribuíu, entre outros, a alumear e manter Murguía, Revista Galega de Historia, acreditando decididamente na función social do coñecemento histórico”.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman