“Despois da guerra civil difundíronse visións interesadas (…) que a Historia recente desmente”, Dionísio Pereira.

A denuncia da familia do ex-alcalde falanxista e xefe local da Falanxe de Cerdedo Manuel Gutiérrez Torres contra o historiador Dionísio Pereira xerou non só unha masiva resposta solidaria con este investigador, senón tamén un debate sobre os atrancos que aínda hoxe se lle opoñen á liberdade de expresión e de creación científica. Pereira especializouse no estudo do movemento obreiro galego, e é autor de boa parte das obras de referencia sobre o anarquismo no noso país. Reproducimos aquí parte da conversa que mantivemos outrora desde a revista Murguía e da man de Montse Dopico con Pereira.

Revista Murguía.- En relación á demanda que se lle interpuxo por realizar o seu traballo, a xuíza rexeitou que vostede tivese atentado contra o honor das persoas que o denunciaron. Mais a familia denunciante anunciou que ía recorrer.
Como está agora a situación?

Dionísio Pereira.- A titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución da Estrada entende que o meu artigo non ten conteúdo difamatorio nin pretende atentar contra o honor de ninguén e que o que afirmo
sostense nos testemuños das persoas coetáneas aos feitos; algo que non está desconectado da realidade histórica.
Aínda non sabemos cales serán os argumentos da familia de Manuel Gutiérrez para recorrer, mais nós temos novas probas. Eu non teño nada de que retractarme, todo o que dixen está fundamentado. O obxectivo dos denunciantes non era só disuadirme a min e ao resto dos investigadores, senón aos informantes, xente vulnerábel que sufriu moito. Tamén me acusan de estar detrás da proposta do BNG de quitarlle a Gutiérrez a rúa que ten o seu nome en Cercedo, mais iso non é certo. Foi unha decisión do BNG, aínda que eu apoioa, porque unha persoa coma el non é un referente de valores democráticos.

RM.- Mariñeiros e labregos tenderon a ser esquecidos nos estudos sobre o movemento obreiro, e isto se cadra contribuíu a reforzar os tópicos sobre os galegos como traballadores submisos…

DP.- Si. Os libertarios consideraban ao mariñeiro, que non cobraba un xornal, como un compañeiro oprimido máis. No caso dos labregos, si houbo máis prexuízos contra eles no mundo libertario, pois eran pequenos propietarios. Pero xente coma Villaverde, a comezos da República, tentou tender pontes con este pequeno campesinado, defendendo o cooperativismo, a creación dunha comuna campesina… que non chegou a facerse realidade, pero si logrou unha pequena afiliación, aínda que moi importante nalgunhas zonas -Tui, Coruña, Noia-, dos labregos. Despois da guerra civil difundíronse visións interesadas sobre o suposto individualismo de mariñeiros e labregos, que a Historia recente desminte.

RM- Ten destacado o esforzo do anarquismo galego por adaptar o seu programa e propaganda ás condicións específicas do país, un traballo que contradí a crenza de que o movemento libertario galego só foi mímese do doutros territorios do
Estado.

DP.- Os anarquistas, desde finais do XIX, están no xermolo das primeiras sociedades agrarias, e dos primeiros grandes centros sindicais galegos. A CNT tivo moita importancia no mundo do mar, e proba diso son os 18.000 afiliados que tivo na Segunda República a Federación Rexional da Industria Pesqueira. A CNT galega foi punta de lanza no mundo do mar, a nivel estatal.

A galega é a única rexional da CNT que se corresponde cun territorio definido, Galiza. E despois hai que sinalar o papel da xente que, coma Villaverde, entendeu a específica loita de clases do país e tentou adaptarse a ela…

…máis en Murguía, Revista Galega de Historia.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman