A finais de ano sairá do prelo o novo número de Murguía, Revista Galega de Historia. É o volume 33, no que se destaca na capa a figura de Xosé Velo e o Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) .
EDITORIAL.
Ao longo do 2016 están a se organizar diversas actividades que lembran que hai cen anos creábanse as Irmandades da Fala.
Após a publicación do volume monográfico editado por Murguía, Revista Galega de Historia sobre as Irmandades outras obras están a saír do prelo arredor desta temática. Destacamos ao respecto que o volume monográfico da revista Murguía deu lugar a un libro, igualmente colectivo e publicado polo selo editorial Laiovento, intitulado As Irmandades da Fala (1916-1931). Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX. Así mesmo, desenvolveráse entre o 17 e o 19 de novembro o Simposio Repensando Galiza: as Irmandades da Fala, 1916-1931, que abordará a efeméride no marco do Museo do Pobo Galego, congreso que contará con máis de cincuenta achegas e do que participa esta publicación.
Agardamos que estas iniciativas sirvan para resgatar non só a memoria do esforzo que se iniciaba no ano 1916 coas Irmandades no noso país, e que durante década e media alumeou proxectos de enorme talla, caso das Escolas de Primeiro Insiño ou o Seminario de Estudos Galegos, senón tamén o que significou ese esforzo de cara a visibilización e modernización da Galiza e a evolución que experimentou a nosa Terra nas primeiras décadas do século pasado.`
Noutra orde de cousas, queremos manifestar que este é o primeiro volume de Murguía, Revista Galega de Historia no que a profesora e investigadora Alexandra Cabana Outeiro, cofundadora da publicación, non está presente. Agradecemos fondamente todo o tempo que lle adicou a Murguía, sen o cal esta revista non sería o que é. Desexamos, así mesmo, que teña grandes éxitos nos novos proxectos que inicia.
*****
No presente volume de Murguía, Revista Galega de Historia abrimos as páxinas da sección Fontes cun texto inédito, datado no 1936 e recuperado polo profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez, e que dá conta do apoio da Dereita Galeguista ao Plebiscto do Estatuto de Autonomía de Galiza no tempo republicano. O investigador Xurxo Martiz Crespo introduce e edita o documento no que se explicita a expulsión do galeguista exiliado Xosé Velo Mosquera do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL). Na sección Investigación Perfecto Ramos aborda a ‘intentona republicana’ de Crecente do 1905, a partir da figura de Marcelino Gómez Arias. A seguir a investigadora Natalia Jorge Pereira achéganos ao Antón Alonso Ríos agrarista, para o investigador Prudencio Viveiro Mogo abordar a prensa e a edición de libros entre a colectiva galega emigrada na Arxentina, para o arquiveiro e investigador Ángel Arcay afonda na figura de Carlos López García “Picos”, pechando a devandita sección o prolífico historiador Xosé Estévez, profesor xubilado da Universidade de Deusto, quen rememora as súas viaxes e relación fraternal co poeta Manuel María, ao que este ano se lle adicou o Día das Letras Galegas.
Na Entrevista conversamos co arqueólogo, historiador e activista cultural Manuel Gago, profesor da Universidade de Santiago de Compostela; recuperando na sección Lembranzas a figura de Antón Lousada Diéguez e visitando en Museos e Arquivos os fondos galegos da Biblioteca Universitaria da USC . Por último, na sección Lecturas repasamos as obras Correspondencia [1928-1958]. Cartas inéditas e dispersas. Carlos Maside, Historia das historias de Galicia, Alfonso XIII visita España. Monarquía e nación e A política e a organizaçom exterior da UPG (1964-1986) e en A Rede navegamos polas webs http://onosopatrimonio.blogspot.com e http://penafurada.net .
*****
O noso máis sentido pésame polo pasamento do arqueólogo e docente Fernando Acuña Castroviejo. Foi o primeiro catedrático de Arqueoloxía da Universidade galega, exercendo como profesor da USC durante máis de corenta anos, e integrou, entre moitos outros proxectos e institucións, o Consello Consultivo de Murguía, Revista Galega de Historia.