Murguía, Revista Galega de Historia. Vol.34

O pasado volume de Murguía, Revista Galega de Historia tiña por capa a figura unha instantánea que remitía ao Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL). E faciámolo pola significación que tivo o DRIL contra a ditadura franquista e salazarista, lembrando a figura do arredista galego Xosé Velo Mosquera diante do seu centenario. Infelizmente, non houbo ao longo do ano apenas manifestacións que recordaran e analizaran ao galeguista de Celanova, aproveitando esta súa efeméride. Fica pendente, xa que logo, organizar un encontro (simposio, congreso…) que homenaxee e aborde en profundidade o pensamento e axir de Velo Mosquera; dando lugar a un volume monográfico que recolla todas e cada unha das achegas que porán luz, sen dúbida, a un figura chave do galeguismo no tempo republicano e do exilio. Desde o Instituto Galego de Historia mantemos o compromiso en favor desta tarefa, contribuíndo a que sexa unha realidade en breve.

 

****

 

Abrimos este novo volume de Murguía, Revista Galega de Historia con dous textos da autoría de Aurora Marco, catedrática da Universidade de Santiago de Compostela, diante da entrega que se lle fixo do Premio Galiza Mártir 2016. Realidade que ocupa a sección Fontes.

As páxinas de Investigación presentan unha achega sobre a presenza galega en Paraguai, á que lle damos a capa. É esta unha das poucas achegas en profundidade que hai á emigración galega naquel país de América do Sul, autoría do investigador inglés, asentado na Galiza, Philip Duncan Webb. A seguir, o profesor da Universidade de Vigo Oscar Diaz Fouces afonda na historia da revista infantil ‘Roladas’, nacida en Madrid nos anos ’20 do pasado século. O investigador Dionísio Pereira achéganos á figura do médico e anarquista galego José Pardo Babarro, reflexionando o docente e pesquisador Carlos Méixome a partir das exhumacións  das fosas de San Xián (O Rosal). Pecha a devandita sección o investigador Antom Santos, introducíndonos a figura e obra da activista francesa de esquerdas Simone Weil.

 

Conversamos co veterano historiador galego Xosé Estévez, profesor da Universidade de Deusto, na sección A Entrevista; reproducindo un texto de María Luz Morales Godoy nas páxinas de Lembranzas, directiva de La Vanguardia que pasaría á historia por ser a primeira muller que dirixiría un xornal na península ibérica. En Museos e Arquivos visitamos os fondos teatrais da Biblioteca da Universidade da Coruña, mentres que en Lecturas recensionamos as obras Acta de vítimas, de Victoriano Gutiérrez Aller; O soño da Galiza ideal. Estudos sobre exiliados e emigrantes galegos, de Xosé Manoel Núñez Seixas; Novas do exterior 63.000 quilómetros de viaxes á cadea, de Xosé Luís Santos e Querido Eduardo. Cartas de Suárez Picallo a Blanco Amor, de Antón Lopo.

Pechamos o volume coa visita que realizamos desde A Rede a varios portais-e, nomeadamente http://biosbardia.wordpress.com, http://nuevarevolucion.es e http://historiadegalicia.gal , agardando que os contidos que presentamos sexan do seu, do teu, interese.

 

****

Hai cen anos falecía na Habana (Cuba) José Castro González. Coñecido como mestre ‘Chané’, emigraría a Cuba no 1893, sendo un dos nomes máis destacados da historia da música galega. Catedrático de Belas Artes na Coruña a finais do s.XIX, dirixiría diversos coros na Galiza e alén mar, sendo profesor de música no Centro Galego da Habana, onde mantería relación de íntima amizade con Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal, entre outros destacados galeguistas asentados na capital do país caribeño.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman