Murguía, Revista Galega de Historia. Vol.35-36

O pasado 10 de outubro abría as súas portas, no marco do Museo do Mar de Vigo, a exposición “Pergameo Vindel. Un tesouro en sete cantigas”.

Por vez primeira exhíbese na Galiza o Pergameo Vindel, peza única da literatura galega -depositada desde hai 40 anos na Morgan Library & Museum de Nova York-, grazas a colaboración entre a Xunta e a Universidade de Vigo. Parabenizamos a ambas entidades por este feito de grandísimo relevo.

O Pergameo Vindel, que data de finais do século XIII, é un manuscrito que contén sete ‘Cantigas de Amigo’da autoría de Martín Códax, xunto a melodía de seis de elas.

Por este motivo, e malia a súa semellanza co “Cancioneiro de Ajuda”, o Pergameo Vindel é de extraordinaria natureza. Desde Murguía, Revista Galega de Historia animamos ás lectoras e lectores da publicación a que visiten esta mostra, que terá as portas abertas até o 4 de marzo de 2018.

******

No presente número duplo de Murguía, Revista Galega de Historia rescatamos, na sección Fontes, un documento da autoría de Afonso Daniel R. Castelao derivado dunha conferencia de xuño de 1945m en pleno exilio. A seguir reproducimos os discursos que os historiadores Uxío-Breogán Diéguez, profesor da Universidade da Coruña, e Xosé Estévez, profesor emérito da Universidade de Deusto, pronunciaron o 17 de agosto do presente ano, no marco do Día da Galiza Mártir, respectivamente en Poio e Pontevedra. Pechando esta sección Camilo Valdehorras, co seu poema “…os mortos que vós matades gozan de boa saúde”, redixido ad hoc para a mesma data.

A sección Investigación está composta pola metade dos textos presentados no III Galeusca Historia (Universidade da Coruña, setembro de 2015). Abrimos este apartado cun artigo de Justo Beramendi, catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela (USC), arredor da influencia que o exilio tivo na ideoloxía de Castelao. A seguir, o catedrático da Univesitat de Barcelona (UB) Jordi Casassas Ymbert reflexion a sobre as posibilidades dunha historia comparada entre os nacionalismos de Galiza, Euskadi e Catalunya; para o profesor da UB Carles Santacana expor as complexidades de concreción do proxecto Galeusca no exilio, afondando na visión de Josep Tarradellas ao respecto. Agustí Alcoberro, profesor da UB, reflexiona sobre identidades e memoria diante do exilio derivado da guerra de sucesión, mentres Sebastià Serra aborda as migracións e os exilios das Illas Baleares na contemporaneidade. Pecha as páxinas desta sección Ramon Arnabat, profesor da Universitat Rovira i Virgili, que afonda nas sociabilidades e políticas do exilio catalán durante a segunda metade do s. XIX.

A restante metade de textos presentados ao devandito encontro Galeusca Historia serán reproducidos no próximo volume de Murguía, RGH.

Nas páxinas de A Entrevista conversamos co prolífico historiador galego José Antonio Durán.

Recuperando en Lembranzas a figura do lehendakari José Antonio Aguirre Lekube, a partir dun texto do exilio datado no 1945. Visitamos a Biblioteca do Consulado da Coruña en Museos e Arquivos, da man de Pedro Incio; reseñando Prudencio Viveiro e Gustavo Hervella diversas publicacións sobre as Irmandades da Fala e o tempo republicano en Lecturas. Por último, navegamos nas páxinas de A Rede polos portais web do Arquivo do Nacionalismo Galego, o Institut d’Estudis Catalans e Eusko Ikaskuntza .

*****

O pasado 10 de novembro falecía na Coruña Duarte Abade Loxo. Licenciado en Historia pola USC, era colaborador e entusiasta de Murguía, RGH, na que publicou unha abordaxe sobre o historiador Francisco Tettamancy Gastón (vol. 26/ xullo-decembro, 2012).

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman