“Exilios, Migracións e Fronteiras”, novo libro.

O Instituto Galego de Historia (IGALHIS) vén de editar un novo libro. Baixo o título “Exilios, Migracións e Fronteiras / Exiles, Migrations and Borders”, e no marco da colección ‘Collectivus’, publícanse neste volume dezaoito investigacións da autoría de historiadores e historiadoras de Galiza, Euskadi e Catalunya.

Contracapa da obra

Tal e como se indica no prólogo da obra, este volume é fiel “reflexo do labor que desde 2010 desenvolven as e os historiadores que impulsaron o Galeusca Historia”. Un proxecto que desde hai unha década foi reunindo a un nutrido grupo de investigadores e investigadoras dos tres países para reflexionar conxuntamente sobre a historia e realizaren estudos comparados. A nómina de autores e autoras deste volume, coordenado polo profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez, é patente da calidade da obra; que abre as súas páxinas coas achegas dos catedráticos Justo Beramendi, da Universidade de Santiago de Compostela, Jordi Casassas, da Universitat de Barcelona, e Joseba Agirreazkuenaga, da Universidad del País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea.

A obra estará disponíbel, baixo demanda, na loxa de www.revistamurguia.com en formato papel e en PDF.

Este é o segundo volume da colección ‘Collectivus’, que se inaugurara no 2016 co libro “Represión franquista e memoria histórica. Novos enfoques e achegas”. Colección que se sumara á impulsada no 2010 desde o Instituto Galego de Historia, matriz de Murguía, RGH, baixo a denominación ‘Monografías’ (e na que se editaron obras de Dionísio Pereira ou Carlos Velasco Souto). Un abano editorial que se acrecentará, en breve, cunha nova colección que procurará divulgar a historia de Galiza, fóra do territorio en galego, en inglés e español.

 

ÍNDICE E PRÓLOGO

View Fullscreen

 

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman