O testamento de Rodrigo de Moscoso, cabaleiro e pertegueiro maior da Terra de Santiago (†1458)

A localización, transcrición e publicación de fontes é sen dúbida unha das tarefas que debe abordar calquera historiador. Desta forma, non só se contribúe ao avance do coñecemento do pasado dentro da comunidade científica, senón tamén á difusión do mesmo no marco dunha sociedade como a actual que manifesta un grande interese por recuperar e recrear a historia. Por iso, a pretensión deste traballo é dar a coñecer as últimas vontades de Rodrigo de Moscoso, por considerarmos que, como moitos outros testamentos, o deste cabaleiro e pertegueiro maior de Santiago constitúe unha rica fonte informativa sobre a súa figura, a súa liñaxe e a súa época[1]. Precisamente, Rodrigo de Moscoso foi un nobre galego do século XV que, ademais de interesar aos historiadores (García Oro, 1981: 187-190; García Oro e Portela Silva, 2003: 25-27, entre outros), recentemente tamén chegou a adquirir protagonismo nunha novela que evoca a súa época e aos homes e mulleres cos que compartiu tempo e espazo: En tiempo de halcones de Fran Zabaleta (2016), ambientada na Compostela de 1458, ano no que testou e faleceu Rodrigo de Moscoso (Imaxe 1).

Imaxe 1. Portada da novela En tiempo de Halcones, de Fran Zabaleta.

Rodrigo de Moscoso: un nobre na Galiza do século XV.

Antes de editar a copia das últimas vontades de Rodrigo de Moscoso que localizamos recentemente nos fondos da Casa de Baena, resulta pertinente ofrecer un breve retrato ou síntese da traxectoria vital deste aristócrata baixomedieval galego que pertenceu a unha das máis destacadas liñaxes da Galiza do século XV: a dos Moscoso.

Rodrigo foi fillo de Roi Sánchez de Moscoso e de dona Inés de Limia. Esta filiación materna –contraria á aínda divulgada en publicacións recentes, que o consideran fillo de dona Maior de Soutomaior, segunda muller do seu pai (Pardo de Guevara, 2017: 428 y 600)– dedúcese do propio testamento que aquí publicamos ao referirse ao que tiña na Terra de Louriñá por “herença de mina aboa doña Ynés”. Esta non parece ser outra que dona Inés de Soutomaior, casada con Álvaro Rodríguez de Limia. De feito, en 1436 Rodrigo de Moscoso e Pedro Bermúdez reclamaron ao cabido tudense o couto de San Antoniño, sinalando que “dita Inés [de Soutomaior], súa avoa, o doara cando non era dela, senón que eles o recibiran de seu avó, Álvaro Rodrigues de Limia” (Vila, 2010: 63-64; 283). Ademais, isto explicaría mellor que o nome de Inés pasase á seguinte xeración, pois unha das fillas de Rodrigo foi dona Inés de Moscoso, xa falecida en 1458, cando seu pai outorgou testamento. Tamén colle así pleno sentido o preito existente entre Rodrigo e a súa madrasta dona Maior de Soutomaior –ao que alude na parte final do seu testamento (vid. infra)–, que perduraba aínda en 1459 co seu sucesor, Bernal Eáns de Moscoso, sendo este menor de idade (ACS, P. 001, ff. 279r.-283r.; Galbán Malagón, 2011b: 260, nota 174).

Pola súa parte, Roi Sánchez de Moscoso, o pai, destacou na tarefa de consolidar a posición da súa liñaxe no concerto nobiliario galego ao longo da primeira metade do século XV (García Oro e Portela Silva, 2003: 17-23). De todos modos, na centuria anterior algúns membros da familia xa lograran ocupar unha destacada posición. Entre eles cómpre a destacar don Gonzalo Pérez de Moscoso, bispo mindoniense entre 1318 e 1327; a don Álvaro Sánchez de Moscoso, bispo de Mondoñedo entre 1347 e 1366 e, posteriormente, arcebispo de Compostela entre 1366 e 1367; e, finalmente, a don Rodrigo de Moscoso, tamén arcebispo compostelán no período de 1367 a 1382 (…).

Miguel García Fernández, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Universidade de Santiago de Compostela.*

Texto completo en Murguía, Revista Galega de Historia vol. 39!

* O presente traballo enmárcase dentro dos proxectos de investigación “Linaje, parentela y poder: la pirámide nobiliaria gallega (siglos XIII al XV) (II)” (HAR2013-42985), cuxo investigador principal é o Dr. Eduardo Pardo de Guevara y Valdés; e “La casa señorial en Galicia (siglos XIII-XVI). Materiales para su estudio” (HAR2017-82480-P), dirixido polo Dr. Pablo S. Otero Piñeyro Maseda. Así mesmo, forma parte das investigacións que veño desenvolvendo de cara á presentación da miña tese de doutoramento: A posición das mulleres na sociedade medieval. Unha análise da práctica testamentaria na Galiza dos séculos XII ao XV, dirixida polo Prof. Dr. D. Ermelindo Portela Silva. Agradezo a dispoñibilidade de Diana Pelaz Flores e Rodrigo Pousa Diéguez para responder a algunhas consultas que lles realicei durante a elaboración deste traballo.

[1] Sobre os Moscoso existen diversos traballos, aínda que até o momento carecemos dunha monografía de conxunto sobre esta Casa nobre. Entre as investigacións dispoñibles destacan as destinadas á reconstrución da xenealoxía dos Moscoso –Pardo de Guevara y Valdés, 2012: 376-390, entre outros traballos deste autor–, á edición de fontes –Vázquez, 1994; García Oro e Portela Silva, 2013; Galbán Malagón, 2010–; ao estudo das súas fortalezas – Galbán Malagón, 2011a– e vínculos con Compostela –Galbán Malagón, 2015–, ou á análise dos homes e mulleres ligados á familia –Framiñán Santas e García González-Ledo, 2004; Galbán Malagón, 2011b–, entre outros. Por outra parte, é unha liñaxe que aparece de forma recorrente na historiografía centrada no estudo da Galiza baixomedieval e, máis especificamente, ao tratar sobre a nobreza –García Oro, 1981: 181-211– e, por suposto, sobre a historia do arcebispado e a Terra de Santiago.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman