‘Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos’: A revista Nós perante o seu centenario

A revista Nós, xunto coa xeración que participou na súa elaboración, constitúe unha das cernas da cultura galega, un dos fitos fundamentais da reivindicación de Galiza como unha nación cultural que devece por construír unha nación política. Velaí a razón pola que Murguía, Revista Galega de Historia, quere traer o seu vindeiro centenario –unha conmemoración que celebraremos en 2020– ás súas páxinas. Do mesmo xeito que ocorreu coas Irmandades da Fala (1916) pretendemos incentivar a lembranza dos principais acontecementos que axudaron a reivindicar a cultura galega, e queremos facelo antes de que comecen os fastos conmemorativos, para reflexionar con vagar sobre estes importantes movementos culturais e políticos. Certamente, coinciden nestes anos a lembranza das Irmandades da Fala, da revista Nós e non falta moito para homenaxear como merecen ás persoas que fixeron posíbel o Seminario de Estudos Galegos (1923).

O primeiro número de Nós viu a luz en Ourense o 30 de outubro de 1920. Con periodicidade mensual, contou con dous importantes precedentes: por un lado, a revista La Centuria, promovida tamén en Ourense por Vicente Risco e Arturo Noguerol en 1917, aínda que non desde unha perspectiva galeguista; por outro lado, ás páxinas do suplemento Nós, publicado polo diario El Noroeste na Coruña en 1918. Os primeiros responsábeis de Nós foron: Vicente Risco, director; Arturo Noguerol, xerente; Xabier Prado “Lameiro”, redactor xefe; Xulio Gallego, secretario de redacción; e Ramón Cabanillas, Alfonso R. Castelao, Antón Losada Diéguez, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas, redactores. O deseño gráfico da revista ao longo da súa historia sería obra de Castelao. A publicación levaba por subtítulo «Boletín Mensual da Cultura Galega», e declaraba ser o órgano da Sociedade Galega de Publicacións «Nós».

Os quince primeiros números da revista imprentáronse nos obradoiros do periódico La Región de Ourense (outubro de 1920 a xaneiro de 1923). Os números 16, 17 e 18 foron elaborados no prelo de Joaquín Poza Covas de Pontevedra. A revista interrómpese no número 18 por problemas económicos. Non sería até xullo de 1925 cando o editor Ánxel Casal, asentado na Coruña á fronte da Editorial Lar, recuperou a publicación. Desde entón, e até o número 87, Nós imprentouse na Coruña. Finalmente, cando Ánxel Casal decidiu en 1931 trasladar o seu negocio editorial a Santiago, a revista trasládase tamén con el, publicándose en Compostela até a súa desaparición co comezo da Guerra Civil en 1936 (desde o número 88 até o 139-144, que sería o derradeiro e non se chegou a distribuír). Cómpre dicir que, malia os variados lugares de impresión, a revista mantivo ao longo da súa existencia a cidade de Ourense como lugar de procedencia e sinatura.

A misión fundamental da revista Nós foi a modernización da cultura galega, facendo fincapé no propio, mais tamén abríndose ás culturas europeas do seu tempo, nomeadamente aquelas coas que se pretendía entroncar: Irlanda e Portugal. Así, os máis relevantes autores irlandeses ˗como William Butler Yeats ou James Joyce˗ ou portugueses ˗como Teixeira de Pascoães˗ publicaron en galego nas páxinas de Nós. A revista contribuíu, deste xeito, ao coñecemento das últimas novidades culturais a nivel europeo.

O nacionalismo de Nós fai fincapé no propio, mais non só para consumo interno, senón para contribuír desde Galiza á cultura universal. Xa que logo, a revista recollía artigos de carácter científico, de diversas disciplinas, ademais de manter ao longo da súa historia a sección «Os homes, os feitos, as verbas», resumo da actualidade cultural do momento. Deste xeito, o galeguismo pasou a contar con outra publicación periódica. Se até daquela A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala, asumira o papel do xornalismo combativo, sería a revista Nós a que amosase unha fasquía máis científica e rigorosa.

As angueiras de Nós foron resaltadas polos seus responsábeis, precisamente, no primeiro editorial da revista, que imos reproducir deseguido. A continuación inserimos o editorial do número 19 de Nós, o primeiro baixo a responsabilidade editora de Ánxel Casal. Finalmente, copiamos a fermosa peza coa que a revista celebraba o 25 de xullo de 1931 (…).

Prudencio Viveiro Mogo, Instituto Galego de Historia.

Máis en Murguía, Revista Galega de Historia 39!

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman