A memoria da imprenta en Mondoñedo

Nos arredor de 500 anos de historia da imprenta en Mondoñedo, anotamos en letras de molde unha data capital. O 16 de setembro de 2019, luns dos Remedios, inaugurouse no baixo da Casa dos Cóengos (entre a Catedral e o Seminario, a carón da casa natal de Pascual Veiga) o Centro de Interpretación ‘Imprenta Mondoñedo. Jesús López Díaz (Suc. De Mancebo)’.

Foi un día singular por moitos motivos pero sobre todo porque Fernando López González, propietario da única imprenta en activo, teimudo promotor deste proxecto desde hai uns 40 anos, viu cumprido un soño. Unha arela que constitúe a véspera ideal para celebrarmos o ano 2020 o sesquicentenario dos comezos da Imprenta Mancebo en Mondoñedo.

Século e medio de historia des que o apelido Mancebo iniciou en 1870, na entón rúa Batitales (hoxe Lence Santar), e con Hermenegildo Mancebo, unha andadura que seguiu o seu fillo Edesio a partir de 1887. Despois, xa na rúa Progreso a partir de 1931, deulle continuidade Jesús López Díaz co nome de Suc. de Mancebo, e este, a través do seu fillo Fernando, ata a actualidade.

Detalle do interior do Centro de Interpretación da Imprenta, no que se presentan diversas publicacións que saíron do prelo da Imprenta Mancebo. ©UBDC

Dáse a circunstancia de que a Imprenta Suc. de Mancebo mudou de emprazamento en 2001, establecéndose na rúa Imprenta, a poucos metros do novo centro museal e no lugar case exacto onde debeu estar a primeira imprenta mindoniense no s. XVI. Para E. Lence Santar, primeiro cronista oficial de Mondoñedo, a casa tipográfica primixenia puido situarse incluso nesta mesma Casa dos Cóengos.

Da longa e frutífera historia da imprenta en Mondoñedo que nos conta este novo centro cultural destaca a referencia a un incunable anterior a 1500 en «Villa mayor de Mondoñedo», Breve forma de confesión de Alonso de Madrigal “El Tostado”, do que só existe un exemplar localizado en Évora (Portugal).

Non sabemos se o impresor Nicolás Tierry (de orixe francesa, nacido en Metz) chegou na exercer o oficio en Mondoñedo. De confirmarse esta hipótese de Ofelia Rey Castelao este impresor comezaría a exercer na nosa cidade aló polo 1534. Tierry procedía de Valladolid, cidade na que imprimiu o Relox de príncipes de Guevara en 1529 e logo pasaría por Mondoñedo, onde puido estar de paso nunha rúa identificada desde entón como da Imprenta (antes rúa do Pumar, e antes aínda rúa do Pumar da Canónica), e xusto antes de asentarse por uns poucos anos en Santiago.

O que é seguro é que Tierry traballou para o cabido mindoniense e que a finais de1534 o bispo Pedro Pacheco lle encargou e pagou bastante diñeiro para que imprimise unhas constitucións sinodais e un breviario, traballo que realizou ao longo de 1535. A dúbida está en se a impresión se realizou en Mondoñedo ou en Santiago pois Tierry neste mesmo ano abandonou a casa para imprimir que lle emprestara o cabido compostelán e instalou o seu obradoiro noutra casa da rúa Nova santiaguesa.

O que si está confirmado é que Agustín de Paz estableceuse en Mondoñedo en 1548. Chegou, procedente de Zamora, na época do bispo Diego de Soto (o que mandou abrir ou ampliar o rosetón da catedral) e contrata a impresión de quiñentos misais e catrocentos breviarios dos que non se conservan algúns exemplares. En Mondoñedo e da súa man verán a luz, entre outros títulos, Descripción del Reyno de Galicia do Licenciado Molina, ano 1550, e en 1553 Coloquios satíricos de Antonio de Torquemada. Neste libro, por certo, o propio Agustín de Paz inserta un texto ben curioso xustificando as erratas de impresión, grallas que o impresor, como se pode supoñer, atribúe a outros que non son el.

Fernando López González presentando as instalacións do Centro de Interpretación da Imprenta . ©UBDC

Amais conta este museo con abondosa información gráfica e textual, paneis con fotografías, selos, varias cabeceiras de xornais, carteis, programas de festas… un amplo abano de mostras do traballo desenvolto grazas a este invento revolucionario que axudou a democratizar e espallar definitivamente a información e o coñecemento.

Porén, as estrelas do Centro de Interpretación son catro máquinas en desuso (que poderían pórse a funcionar) que representan un testemuño fidedigno da evolución técnica deste oficio desde mediados do s. XIX e, de paso, da historia da imprenta apelidada Mancebo entre 1870 e 2019.

Unha máquina plana H. Jullien fabricada en Bélxica en 1872, unha Minerva Hispania semiautomática, que xa fixera bos oficios en Gráficas Bao de Lugo, e unha guillotina manual que mercara no seu día Edesio Mancebo, cedidas as tres por Fernando López González, ás que hai que engadir unha linotipia cedida por Gráficas Lucenses. Tamén vai dar que falar un moble chamado ‘chibalete’ que conta con varias gabetas contendo unha ampla mostra das tipografías históricas da imprenta mindoniense.

Amais do empeño xeneroso e fundamental de Fernando López, o entusiasmo dos operarios Suso Robles, Josefa Cruz e Reme López, e o altruísmo inabarcable de Alicia Tella-Villamarín (falecida uns días antes da inauguración), este centro puido abrir as portas grazas a unha combinación de vontades que axudaron a financiar a rehabilitación do edificio e a musealización dos fondos por parte da Xunta de Galicia, a cesión do Cabido ao Concello por 25 anos da planta baixa do edificio e a aposta municipal por destapar as esencias da historia e da cultura locais.

Imaxino e desexo que, amais de contemplar a excelente exposición que se inaugurou, tamén se poderá, co auxilio didáctico axeitado, recrear o enorme patrimonio inmaterial asociado.

No ‘chibalete’ desa memoria intanxible que Fernando López atesoura gárdase o olor primordial e espiritual de toda a historia da nosa tinta impresa.

Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo, escritor e investigador ||||||||||||||||||| ( ORCID ID: 0000-0002-5131-3627 )

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman