Descarga gratuíta do libro “A propósito da viaxe de Plácido Castro ás illas Blasket (Irlanda, 1928)”

A Fundación Plácido Castro e o Instituto Galego de Historia disponibilizan a descarga libre do libro “A propósto da viaxe de Plácido Castro ás illas Blasket (Irlanda, 1928)”.

O volume deriva dun seminario organizado pola Fundación Plácido Castro na Casa da Cultura de Vilagarcía, xunto a unha mostra que repasaba a viaxe que o destacado galeguista desenvolvera no 1928 polas illas Blasket. O devandito encontro e exposición desenvolvéranse co apoio do goberno municipal de Vilagarcía,  baixo o título “A Irlanda de Plácido Castro” no verán de 2019. Os ponentes foran David Clark, Keith Payne, Uxío-Breogán Diéguez e Manuela Palacios.

O libro publícase na colección ‘Monografías’ do Instituto Galego de Historia, xunto á Fundación Plácido Castro, e estará disponíbel nos vindeiros días en descarga libre a través de: http://www.revistamurguia.com e https://www.fundacionplacidocastro.com/.

Prólogo da obra

Como moitos dos seus coetáneos, Plácido Castro desenvolveu ao longo da súa vida unha gran admiración por Irlanda, a súa historia e a súa cultura, que coñecía en profundidade. Foron múltiples as súas colaboracións xornalísticas a propósito de Irlanda reproducidas en medios de Galiza, de Portugal ou tamén nos programas en galego e castelán da BBC, entre 1927 e 1966, revelándose como unha das grandes constantes da súa vida. Tamén é autor de excelentes traducións de poetas irlandeses como George Russell, William Allingham, Joseph Campbell, Seamus Cartan, Padraic Colum, Thomas Moore, Antoine Ó Raifteiri, Aogán Ó Rathaille, Padraig Pearse, James Stephens e, por suposto, o Nobel Yeats.

Entroncaba aquela admiración e interese de Plácido Castro coa que amosaran figuras centrais da cultura galega ao longo dos séculos, caso de frei Martín Sarmiento no s.XVIII ou Manuel Murguía no s.XX, que destacarían a cultura céltica como expresión e nexo de unión entre Galiza e o resto de pobos atlánticos de Europa.

Plácido Castro realizou en 1928 unha viaxe por Irlanda e as illas Blasket que recolleu en diferentes colaboracións en medios de comunicación de Galiza da época. Hoxe, o seu testemuño, literario e gráfico, constitúe un documento de gran valor que goza de recoñecemento en Irlanda e en toda a súa diáspora. Precisamente, os relatos  incorporados neste volume forman parte dun seminario que serviu de complemento á exposición “A Irlanda de Plácido Castro” que rememorou ese periplo.

Hai dous tempos na abordaxe que realizara Plácido Castro a propósito de Irlanda, como en dous tempos viuse partida a súa propia vida: antes e despois do golpe militar de 1936. Ese tráxico ecuador determinou os temas a tratar referidos a Irlanda; máis comprometidos primeiro e máis literarios despois, mais sempre reiterando o seu compromiso en forma de tradución, de comentario ou de ensaio breve, achegándolle anos andados as contadas alegrías que aquel tempo represor non conseguía abalar. A identificación con Irlanda é unha das singularidades da súa traxectoria e fíxose un referente indisociable da súa personalidade e do seu pensamento.

A xeración galeguista do tempo de Plácido Castro sentía unha fonda admiración por Irlanda; non obstante, de todos os grandes nomes que a integraron só Plácido chegou a pisala naqueles anos de tantas esperanzas. Como en todo canto facía, esta figura falaba con coñecemento de causa. E hoxe cando relemos as súas columnas en El Pueblo Gallego, A Nosa Terra, Céltiga, na BBC, no Faro de Vigo, etcétera, non deixa de sorprendernos tanto o entusiasmo e fervor que transmite a súa prosa como a excelencia das súas calidades para o exercicio desta arte e medio de transformación.

Irlanda e Galiza teñen moitas semellanzas. É moito o que temos en común (historia, cultura material e inmaterial, folclore…). Tiña razón Plácido Castro cando incluía a Irlanda e outros pobos célticos no seu proxecto de representación dunha Galiza de seu no mundo. Persoas e institucións debiamos facer máis en favor deste proxecto. Esperamos que o conxunto de reflexións que se presentan neste volume fagan a súa achega neste sentido. Para o pobo galego, dicía Plácido Castro, Irlanda é a terra máis interesante do mundo, país cunha vida e unha historia da que os galegos e galegas podiamos sacar moito proveito.

 

View Fullscreen

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman