Murguía, Revista Galega de Historia vol. 40

Para calquera publicación é complexo o día a día. Aínda o é máis se falamos de publicacións periódicas de cultura e en galego, caso de Murguía, Revista Galega de Historia, publicación especializada nun campo cuxo público é moi inferior a outros de ámbito cultural.

Co presente volume encamíñase a publicación cara os seus cincuenta primeiros números e dúas décadas de vida. Unha traxectoria que se debe a todas e todos os investigadores que viron publicadas as súas pesquisas en Murguía, Revista Galega de Historia, mais tamén ao público lector que, número tras número, segue a revista, subscribíndose á mesma ou mercándoa nas librarías. Mención aparte merece a equipa que compón o consello editorial desta publicación, diante do que queremos manifestar a nosa consideración a persoas que fixeron parte, dun ou doutro modo, das orixes da mesma, caso de Darío Xohán Cabana, Amelia Otero e Fidel Diéguez, ou que foron decisivas desde un primeiro momento (e na xestación) deste proxecto, pertencendo ao seu consello editorial na súa primeira etapa, caso de Mario César Vila e Xohán Xosé F. Callón, destacando o enorme contributo de Alexandra Cabana Outeiro, quen foi coordinadora da revista até 2016.  Sen esquecer o apoio de Dionísio Pereira, Dolores Varela ou Xosé Estévez; ou o magnífico labor gráfico de Martiño Cabana Otero, responsábel da maquetación interior da publicación até o día de hoxe, así como de Sacauntos Cooperativa Gráfica, e especialmente de Diniz F. Cabreira, encargados do novo deseño conceptual de Murguía, Revista Galega de Historia, e das súas capas, desde o ano 2018.

*****

No presente número de Murguía, Revista Galega de Historia ocupa as páxinas da sección Fontes un texto de Prudencio Viveiro Mogo sobre o deputado liberal galego Moscoso de Altamira. O ‘Colectivo Avanti’ inaugúrase a seguir en A Investigación cunha abordaxe á figura de Leonardo Sánchez Deus, para de seguido Arturo Blanco Mogo introducirnos na figura do falanxista “O Pinguelo” e do fin dos seus días da man da guerrilla antifascista na Mariña luguesa no ano 1948. Mario Regueira, á súa vez, afonda sobre a editorial Galaxia no marco da literatura galega de posguerra, pechando as páxinas desta sección Carlos Méixome cunha intensa reflexión sobre a represión franquista no Grove a partir das pesquisas de Antón Mascato.

Na sección A Entrevista conversamos co antropólogo e etnógrafo Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego desde o 25 de maio de 2019. Reseñando en Lembranzas a biografía republicana en favor do Estatuto de Autonomía de Galiza de Ricardo Carvalho Calero (que xa sabemos será distinguido co Día das Letras Galegas en 2020).  Museos, Arquivos, Bibliotecas e Lugares Ángel Arcay Barral e Daniel Lucas Teijeiro Mosquero realizan unha completa achega sobre o Parque do Pasatempo (Betanzos).

En Lecturas Alberte Lago Villaverde recensiona tres obras, nomeadamente Arte e escritura na Galicia Medieval de Anselmo López Carreira; Estado, Poder e estruturas políticas na Gallaecia, de Martín Fernández Calo e A invención da Gallecia e a minaría do ouro. Unha teoría sobre as orixes de Galicia, de Oscar Pazos Rodríguez. Peche este volume o medievalista Miguel García-Fernández do Instituto da Lingua Galega, quen desenvolve na sección A Rede un breve ensaio sobre as fontes documentais on-line para o estudo da Idade Media galega, a partir de Galiciana e PARES.

 

*****

Lamentamos o falecemento de Ramón Muñiz de las Cuevas, sociólogo, histórico organizador e dirixente do movemento labrego galego na clandestinidade antifranquista, para alén de presidente da “Irmandade Moncho Valcárcel” (pasamento que non demos reseñado no volume anterior), así como de José Manuel Caamaño Gesto. Arqueólogo e profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela desde 1984, quen vinte anos atrás tamén animou a creación de Murguía, Revista Galega de Historia.

*O vol.40 de Murguía, Revista Galega de Historia foi subvencionado por:

 

XXX

XXX

XXX

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman