“Da Galiza ao Galeuzca”. Novo libro de Xosé Estévez

O Instituto Galego de Historia vén de editar unha nova obra na colección “Monografías”, que xa se pode atopar nas librarías: Da Galiza ao Galeuzca. Memorias dun nacionalista e investigacións sobre as relacións entre Galiza, Euskadi e Catalunya, da autoría de Xosé Estévez (Quiroga, 1943), profesor xubilado da Universidade de Deusto e integrante do Instituto Galego de Historia.

Súmase esta obra á que recentemente saía do prelo baixo título A propósito da viaxe de Plácido castro ás Illas Blasket (Irlanda, 1928), editada xunto á Fundación Plácido Castro ao coidado de Xulio Ríos e Uxío-Breogán Diéguez, e da que son coautores David Clark, Keith Payne, Uxío-Breogán Diéguez e Manuela Palacios.

 

Prólogo Da Galiza ao Galeuzca.

Como se indica no prólogo desta nova obra, intitulada Da Galiza ao Galeuzca, o volume “non é un libro de memorias, nin é un libro de historia. Desenvólvese coa singularidade de ser unha e outra cousa. As memorias que o seu prolífico autor presenta no primeiro capítulo son unha confesión íntima, a partir da que Xosé Estévez reivindica a súa dimensión humana e identidade política; facéndonos partícipes ás lectoras e lectores de como se foi adquirindo esa identidade, tal e como afirma, netamente nacionalista.

Capa da obra “Da Galiza ao Galeuzca”

Unhas páxinas a través das que observarmos como foi evoluindo o pensamento galego e social que, intuitivamente, adquiriu o autor desta obra, para se converter nunha forte consciencia nacional e de esquerdas ao procurar base teórica. Na evolución desa construción persoal a formación académica e as pesquisas sobre o pasado foron centrais, até acabar sendo un dos historiadores galegos de referencia sobre a cuestión nacional e as relacións entre Galiza, Euskadi e Catalunya en favor dos seus dereitos nacionais. Así, pois, a evolución histórica que deu lugar ao Estado español, dunha banda, e a intensa historia do Galeuzca/Galeusca, doutra, conforman os seguintes capítulos a partir dos que se desenvolve a presente obra; coa que sintetiza Xosé Estévez, en grande medida, o esforzo historiográfico que desenvolveu durante décadas de investigacións, nas que Daniel Rodríguez Castelao sempre ocuparía un lugar central”.

O primeiro acto de presentación desta obra desenvolverase na localidade de nacemento do autor, Quiroga, o vindeiro 17 de xullo a partir das 20h na Casa de Cultura.

 

Colección “Monografías”.

A colección “Monografías” naceu no 2010, coa obra de lanzamento “Antón Moreda. Memória do exílio”, da autoria de Antom Santos e Uxio-Breogán Diéguez, á que seguiron outras obras, como ” Serviços públicos, luita de classes e negociaçom colectiva na Galiza do século XX. As relaçons laborais na Compahia dos Tranvias da Corunha (1903-2005)”, de Carlos Velasco, así como “Galegos nas guerras do Rif: paisaxe bélica e imaxinario anticolonial (1860-1927)”, da autoría de Dionísio Pereira. Xunto á colección “Monografías” o Instituto Galego de Historia conta con outras coleccións, caso de “Collectivus” e “Exterior”, esta última para proxectar a historia de Galiza fóra do país en varias linguas.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman