RICARDO CARVALHO CALERO, A AUTONOMÍA GALEGA E O MANIFESTO DA “EZQUERDA GALEGUISTA”

“(…) coa constancia, a emoción e o ledo esprito dos nosos canteiros do Meievo,
temos de ir erguendo a nosa obra redentora”.
R. Carvalho Calero, xaneiro de 1936

 

No final da Ditadura de Miguel Primo de Rivera o nacionalismo galego, aglutinado nas Irmandades da Fala (IF), tiña conseguido unha sobrada lexitimidade e solvencia que o levaría a participar, xunto ao republicanismo coruñés, da creación da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) en outubro de 1929. Aposta, fundamentalmente, do grupo irmandiño coruñés, encabezado por Antón Vilar Ponte2; convencidas as IF da posíbel queda monárquica e a proclamación dunha República.

Unha oportunidade para ver aprobado un Estatuto de Autonomía para Galiza, sobre o que escribían os máis destacados cadros das IF nas páxinas de A Nosa Terra (ANT). Entre 1929 e 1931 os nacionalistas galegos participaron de diversos encontros para sentar as bases dunha Galiza autónoma; o que implicaba chegar a alianzas varias co republicanismo español, reorganizando as forzas propias (Pacto de Lestrove e Pacto de Barrantes), retomando as actividades que desde 1923 a ditadura primorriverista reducira á mínima expresión, incluídas as celebracións públicas do Día da Patria Galega (do que sería exemplo o Xantar da Barxa no ano 1930).
A teorización arredor da “Autonomía” galega estaba orfa dun documento que, sendo político, estivera alicerzado en estudos científicos. Por este motivo desde inicios de 1930 o Seminario de Estudos Galegos impulsou unha equipa centrada no estudo do país en chave económica, política e xurídica, conformada por Valentín Paz-Andrade, Vicente Risco, Lois Tobío, Ricardo Carvalho Calero e Alexandre Bóveda, integrantes da sección de ciencias sociais, políticas e económicas do SEG. O resultado presentaríase en maio de 1931, apenas unhas semanas despois de se proclamar a II República española, baixo o título Anteproyeito de Estatuto de Autonomía da Galiza.
Un proxecto realizado non para xustificar feitos, afirmaría Carvalho Calero e os restantes autores na presentación do documento, como a personalidade nacional da Galiza, nen lembrar que a nosa nación foi “… próspera i-europea antes de realizada a inxusta uniformidade nazonal que padecemos, senón [para] saber si (aínda ca vagaxe grandemente gravosa que temos d-herdar d-unhos
cantos séculos de centralismo), o réximen de autonomía integral que propoñemos nos convén, ou non…”. O anteproxecto do SEG constaba de sete títulos, sendo o primeiro o intitulado “Do Estado, territorio e cibdadáns da Galiza” que encetaba cun artigo primeiro que non deixaba lugar a dúbidas en chave soberanista: “A Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española”.

O anteproxecto do SEG constaba de sete títulos, sendo o primeiro o intitulado “Do Estado, territorio e cibdadáns da Galiza” que encetaba cun artigo primeiro que non deixaba lugar a dúbidas en chave soberanista: “A Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española”.

O documento vía a luz nun momento no que a militancia nacionalista xa non confiaba na ORGA para atinxir os seus obxectivos, dada a falta de interese dos republicanos coruñeses, encabezados por Santiago Casares Quiroga, por crear un Estado galego ou, no seu defecto, unha ampla Autonomía galega. De tal modo que chegarían por separado esas dúas sensibilidades á asemblea que, por volta do de xuño de 1931, se desenvolvería na Coruña para confrontar as propostas de Estatuto que serían sometidas ao debate dos concellos galegos (nomeadamente entre o 17 e o 19 de decembro de 1932).

O Partido Galeguista e Carvalho Calero na construción da Autonomía
O nacionalismo galego conseguira chegar á proclamación da II República cunha proposta de Estatuto de Autonomía, mais verificara igualmente que as IF (e a súa diversidade e dinámica) tiñan que dar lugar a un partido político, para encarar os retos que abrira o tempo republicano. De tal modo que convocarían para o 5 e 6 de decembro de 1931 a VII Asambreia Nazonalista, na que as Irmandades xunto a algunhas pequenas organizacións nacionalistas darían lugar ao Partido Galeguista (PG)3. Unha formación política que pretendía ser hexemónica na Galiza, tal e como se podía ler nas páxinas do primeiro editorial de ANT do ano 1932, voceiro aínda das IF.
Ricardo Carvalho Calero sería un dos representantes do grupo galeguista de Compostela na asemblea constituínte do PG, entre os que se achaban, entre outros delegados, Manuel Banet Fontenla, Lois Tobío, Sebastián González e Ánxel Casal. E sería Carvalho elixido membro do Comité Executivo do PG, xunto a Castelao, Bóveda. Plácido Castro, Lois Tobío, Ramón Martínez López ou Álvaro de las Casas. O principal obxectivo do PG diante do seu nacemento era conseguir para Galiza un amplo réxime “autonómico”, o que pasaba na época pola constitución dun Estado galego integrado nunha República Federal española. Un obxectivo marcado desde o devandito Anteproyeito de Estatuto de Autonomía da Galiza.

Manifesto da “Ezquerda Galeguista” en A Nosa Terra

Desde 1931 observamos como Carvalho Calero participa na maior parte dos actos do nacionalismo galego, xunto a Castelao, Bóveda, Risco ou Plácido Castro, sendo presentado como un dos máis destacados cadros do galeguismo (póndose de relevo nas reseñas de prensa a súa mocidade e valía, dado que contaba con vinte e un anos e viña de se licenciar en Dereito). Tamén sería habitual Carvalho nas páxinas de ANT, nas que reflexionaría sobre a práctica política do nacionalismo e a necesidade da autodeterminación para Galiza. Sería moi elocuente a este respecto un artigo, do 24 de xuño de 1933, no que afirmaría Carvalho Calero que facer parte do PG tería que ser concebido, para alén dun programa teórico ou unha declaración de principios, como “un xeito de vel-as cousas, unha conceición do mundo, unha sentimentalidade, un estilo vidal, un tono de conducta, un matiz humán peculiar” (ANT, nº298). No que atinxe ao proceso autonomista, indicaría como non debía adiarse o plebiscito do Estatuto, de tal modo que “alonxar o intre da nosa liberación é amorear xenreiras ao facer imposibre a concordia” (ANT, nº302).

Desde 1931 observamos como Carvalho Calero participa na maior parte dos actos do nacionalismo galego, xunto a Castelao, Bóveda, Risco ou Plácido Castro, sendo presentado como un dos máis destacados cadros do galeguismo

Malia que o plebiscito, após a Asemblea de Concellos Pro-Estatuto, estaba marcado para decembro de 1933, a vitoria electoral da CEDA anulou o devandito proceso. Nas eleccións de febreiro de 1936, nas que o PG participaría da Fronte Popular, Carvalho Calero participaría en numerosos mitins. Centraría o seu discurso, netamente de esquerdas, na importancia de “asegurar” a República e ver aprobado o Estatuto de Autonomía na Galiza.
Nun sonado mitin en Vilalba, afirmaría Carvalho que “as verbas Repúbrica e Autonomía son sinónimas. Non se pode ser bon repubricán non sendo un convencido e firme defensor das autonomías” (ANT, nº 397).
Tras a conformación do goberno da FP e o relanzamento do proceso autonomista, Carvalho Calero participou no Parlamento español, como secretario da reunión de deputados e compromisarios que o reactivaría oficialmente o 8 de maio de 1936 (…)”.

·Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, director de Murguía, Revista Galega de Historia e profesor da Universidade da Coruña

Máis en Murguía, Revista Galega de Historia vol. 40.

Nas mellores librarías!

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman