Murguía, Revista Galega de Historia vol. 40

Para calquera publicación é complexo o día a día. E aínda o é máis se falamos de publicacións periódicas de cultura e en galego, caso de Murguía, Revista Galega de Historia, publicación especializada nun campo cuxo público lector en galego é moi inferior a outros.
Co presente volume encamíñase a publicación cara os seus cincuenta primeiros números e dúas décadas de vida. Unha traxectoria que se debe a todas e todos os investigadores que viron publicadas as súas pesquisas en Murguía, Revista Galega de Historia, mais tamén a ese selecto público lector que, número tras número, segue/seguides a revista, subscribíndose á mesma, mercándoa nas librarías ou léndoa nas bibliotecas. Mención aparte merece a equipa que compón a equipa humana e o consello editorial desta publicación, que deron e dan corpo á revista até o día de hoxe. Nesta liña, queremos manifestar a nosa consideración a persoas que fixeron parte deste proxecto, dun ou modo desde as súas orixes, mesmo suxerindo o nome da publicación, caso de Darío Xohán Cabana, Amelia Otero e Fidel Diéguez; ou que foron decisivas nos inicios da revista desde 2003, pertencendo ao seu consello editorial, caso de Mario César Vila e Xohán Xosé F. Callón, destacando o enorme contributo de Alexandra Cabana Outeiro, quen foi coordinadora de Murguía até 2016. Sen esquecer o apoio de Dionísio Pereira, Dolores Varela ou Xosé Estévez; ou o magnífico labor gráfico de Martiño Cabana Otero, responsábel da maquetación interior da publicación até o día de hoxe, así como de Sacauntos Cooperativa Gráfica, e especialmente de Diniz F. Cabreira, encargados do novo deseño conceptual de Murguía, Revista Galega de Historia, e das súas capas, desde o ano 2018.
Agardamos seguir ampliando o número de colaboracións e de temas a abordar, afortalando a base de lectoras e lectores, sen os que o proxecto non tería sentido algún.

*****

No presente número de Murguía, Revista Galega de Historia ocupa as páxinas da sección Fontes un texto de Prudencio Viveiro Mogo sobre o deputado liberal galego Moscoso de Altamira. O ‘Colectivo Avanti’ inaugúrase a seguir en A Investigación cunha abordaxe sobre a figura de Leonardo Sánchez Deus, para de seguido Arturo Blanco Mogo introducir a figura do falanxista “O Pinguelo” e o fin dos seus días da man da guerrilla antifascista na Mariña luguesa no ano 1948. Mario Regueira, á súa vez, afonda sobre o selo editorial Galaxia no marco da literatura galega de posguerra, pechando as páxinas desta sección Carlos Méixome cunha intensa reflexión sobre a represión franquista no Grove a partir das pesquisas de Antón Mascato.
Na sección A Entrevista conversamos co antropólogo e etnógrafo Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego desde o 25 de maio de 2019. Reseñando en Lembranzas a biografía republicana e proautonomista de Ricardo Carvalho Calero (que será distinguido co Día das Letras Galegas en 2020), diante da súa pertenza á “Ezquerda Galeguista”. En Museos, Arquivos, Bibliotecas e Lugares Ángel Arcay Barral e Daniel Lucas Teijeiro Mosquero realizan unha completa achega sobre o Parque do Pasatempo (Betanzos).
No apartado de Lecturas Alberte Lago Villaverde recensiona tres obras, nomeadamente Arte e escritura na Galicia Medieval de Anselmo López Carreira; Estado, Poder e estruturas políticas na Gallaecia, de Martín Fernández Calo e A invención da Gallecia e a minaría do ouro. Unha teoría sobre as orixes de Galicia, de Oscar Pazos Rodríguez. Pecha este volume o medievalista do Instituto da Lingua Galega Miguel García-Fernández, quen desenvolve na sección A Rede un breve ensaio sobre as fontes documentais on-line para o estudo da Idade Media galega, a partir de Galiciana e PARES.

****

Lamentamos o falecemento de Ramón Muñiz de las Cuevas, sociólogo, histórico organizador e dirixente do movemento labrego galego na clandestinidade antifranquista, para alén de presidente da “Irmandade Moncho Valcárcel” (pasamento que non demos reseñado no volume anterior); así como de José Manuel Caamaño Gesto, arqueólogo e profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela desde 1984, quen vinte anos atrás parabenizou a creación de Murguía, Revista Galega de Historia.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman