GALIZA MÁRTIR. DA QUEDA DO TEMPO REPUBLICANO AO EXILIO – EXPOSICIÓN

Desde a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña vén de inaugurarse a exposición “Galiza Mártir. Da queda do tempo republicano ao exilio”. A mostra está comisariada polo director da Cátedra, o historiador Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, e pode visitarse no Espazo Normal (no Paseo de Ronda s/n da Coruña).

Unha mostra que parte do emerxer republicano e a loita pola Autonomía, para pór o foco a seguir no golpe militar, así como na resistencia democrática e a denuncia da represión fascista sobre Galiza, na que serían pioneiras as estampas de Daniel R. Castelao nas que empregaría o líder do Partido Galeguista o concepto “Galiza Mártir”, que logo se recollerían no seu homónimo álbum de guerra (xunto aos dous restantes, “Atila en Galiza” e “Micilianos”).
Remata a exposición percorrendo o tempo do exilio e a institucionalización desde 1942 do 17 de agosto, aniversario da data do asasinato de Alexandre Bóveda, como “Día dos Mártires Galegos” até os primeiros actos e mobilizacións que entre 1976 e 1977 se desenvolverían na devandita data en Galiza.
Tal e como indica o comisario da mostra, desde a Cátedra de Memoria Histórica da UDC realizouse un intenso labor de busca de imaxes de arquivo para ilustrar os textos de síntese que dan corpo á mostra, tomando como referencia as propias investigacións de algúns e algunhas das historiadoras que fan parte da equipa da propia Cátedra.
A exposición realizouse no marco do convenio que ten asinado a UDC co Concello da Coruña en relación á Cátedra de Memoria Histórica. Ao acto asistíu unha delegación do grupo de goberno municipal, encabezada por Jesús Javier Celemín Santos, concelleiro de Educación e Memoria Histórica, e unha delegación da Cátedra de Memoria Histórica, encabezada polo profesor Diéguez, xunto a Cristina López Villar, Vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte e Leticia Eirín, responsábel do Espazo Normal da UDC. Así mesmo, a mostra contou coa colaboración do Instituto Galego de Historia.
A exposición súmase a outras iniciativas e actividades da Cátedra de Memoria Histórica da UDC, única das tres Universidades galegas, destacando a pasada semana a entrega do informe xurídico que o Concello da Coruña lle encargou no presente ano á mesma sobre a Casa Cornide.

 

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman