GALAXIA E A MECÁNICA DA HISTORIA. A HISTORIA NO CAMPO LITERARIO GALEGO DA POSGUERRA

Resumo: A primeira época da editorial Galaxia (1950-1966) está marcada polo desenvolvemento dunha filosofía propia, dentro da reorganización ideolóxica e a articulación dun movemento galeguista posíbel baixo a ditadura franquista. Un dos aspectos desta atinxe á propia concepción da Historia, un elemento recollido parcialmente do primeiro nacionalismo galego e complementado coa referencia a filósofos europeos achegados a unha noción inmanente e converxente co esencialismo étnico do conservadorismo.

Palabras chave: Editorial Galaxia, Historia, literatura galega, posguerra.

Abstract: The first period of the publishing house Galaxia’s program (1950-1966) was marked by the development of a philosophy of its own, as part of the ideological reorganisation and articulation of a Galicianist movement which was possible under Franco’s dictatorship. One of the main aspects of its philosophy was their understanding of History. They took this concept from the first Galician Nationalism and complemented it by refering to European philosophical theories. These schools of thought develop an inmanent notion of History that converges with the ethnic essentialism of conservatism.

Keywords: Editorial Galaxia, History, Galician literature, postwar.

Autor: Mario Regueira / Murguía, Revista Galega de Historia vol. 40

 

A obra das Mocedades Galeguistas.

Constitúe unha referencia habitual á hora de falar de Galaxia relacionala coa traxectoria do galeguismo previo á guerra, particularmente coas Mocedades Galeguistas. Tres dos seus principais protagonistas e directivos, Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto desenvolveron postos directivos no asociacionismo xuvenil vinculado ao galeguismo e, como tales, entran cun peso renovado na reorganización do Partido Galeguista na clandestinidade do interior que se ensaia á altura de 1943. O asasinato e exilio de moitas das figuras referenciais da formación política inflúen neste recambio xeracional forzado e, aínda que pareza natural que sexan os valores novos que existían na organización xuvenil, menos marcados tamén pola súa actividade política, os que se abran paso, o certo é que visión deixa de lado certas discordancias básicas entre as Mocedades e a organización sénior.

Durante a fase final da II República, nunha tendencia que a Guerra Civil española consolidaría, o Partido Galeguista participa dunha serie de pactos que culminan coa súa inclusión na Fronte Popular, ampla coalición de esquerdas e descentralizadora. Esta tendencia, na medida na que supón un pacto con forzas marxistas, cústalle a escisión de Dereita Galeguista en 1935 e a saída dunha figura tan simbólica como Vicente Risco a comezos de 1936. Porén, a análise da actividade das Mocedades Galeguistas neses anos evidencia que esas tensións que producía o achegamento ás esquerdas afectaron tamén á organización xuvenil e que esta afondou a discrepancia ideolóxica que xa existía co Partido.

Voluntarios inscribíndose nas Milicias Galegas no local do Partido Galeguista en Madrid (1936).

Con moitos dos elementos das organizacións xuvenís das grandes ideoloxías de comezos do século XX, as Mocedades Galeguistas basearon a súa formación nunha sorte de ética interna coa fraternidade, o deporte, os actos patrióticos e a coherencia ideolóxico-lingüística na vida pública e privada como elementos fundamentais. Da mesma forma, en canto a pensamento político, a súa maior influencia continuaba sendo a construción ideolóxica do nacionalismo realizada por Vicente Risco en Teoría do nazonalismo galego (1920). Nese sentido, a visión que tiñan da ideoloxía era a dunha forma de estar no mundo, achegada por momentos a unha perspectiva mística e esencialista, e na que o eixo dereita-esquerda e as estruturas estatais ou para-estatais aparecían como elementos puramente accesorios. Particularmente viva permanecía a visión risquiana dunha realidade espiritual galega como algo eterno, parte da Natureza, que debía ser estimulado e esporeado, pero en boa medida alleo ao acontecemento histórico fáctico que o rodeaba, que podía ser desprezado ou instrumentalizado para conseguir ese obxectivo. Nese sentido, a diferenza entre república e monarquía, así como moitas outras relativas á política contemporánea, eran tomadas como irrelevantes e só se tiñan en conta a forma na que servía para facer prosperar ese espírito galego inmanente que estaría sempre por riba delas. O feito das Mocedades estaren inmersas en debates entre paganismo e nacional-catolicismo[i] ou o de que, a mesma asemblea (1936) na que acepta o pacto coa Fronte Popular mude o seu nome ao de Mocedades Nazonalistas Galegas, como forma de afianzarse nuns principios que consideraban diluídos por parte do Partido[ii], ao tempo que o eliminan da súas referencias internas, indica até que punto o seu discorrer se distanciaba do da organización sénior. A defensa do ideario de Vicente Risco como base do verdadeiro nacionalismo e da necesidade de convertelo nunha ideoloxía integral está presente tamén na asemblea de 1936, aínda que nos distintos influxos do ourensán xa pode percibirse a diferenza entre o Risco de Teoría do nazonalismo galego e o que acaba por achegarse a Dereita Galeguista, máis próximo ao catolicismo. Da mesma forma, outra tendencias máis próximas ao esquerdismo ou ao arredismo explícito tamén existían no seo da organización sen que por iso manifestasen unha oposición explícita á tendencia do nacionalismo integral.

Non é casual, por tanto, que parte dese influxo risquiano sexa recollido polos continuadores do galeguismo tras a guerra que procedían das Mocedades ou estaban baixo o seu influxo. Máis alá dos distintos cargos explícitos da editora durante a súa fundación en 1950, o protagonismo nos seguintes anos será desenvolvido por figuras como Xaime Isla Couto, Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro, especialmente polos dous últimos. O propio Piñeiro, pola súa parte, xa explicita algunhas destas diferenzas durante a súa actividade clandestina para o Partido Galeguista nos anos corenta, enfrontándose con Castelao sobre a cuestión da restauración monárquica[iii], que ve posíbel alí onde o rianxeiro a considera innegociábel. Unha confrontación ideolóxica que non deixa de evocar a dun galeguismo indiferente á estrutura política na que está inserida a Nación natural fronte a aquel que atopou o seu camiño no dereito positivo, a esquerda política e a tradición republicana.

 

A influencia de Risco

A forma na que Piñeiro considerou durante toda a súa traxectoria o galeguismo como unha doutrina marcada polo pensamento de Risco é evidente tamén na retrospectiva de 1987[iv], na que define o Partido Galeguista e as Mocedades como organizacións fundamentalmente risquianas, pero enfrontadas pola postura excesivamente pragmática do primeiro, que choca co “radicalismo ideolóxico” das segundas. Dalgunha forma, esa adhesión ao pensamento de Risco sobrevive tamén á complexa situación do seu autor tras a experiencia da guerra. A relación do grupo de Galaxia co membro da xeración Nós é tan ambigua como constante até o momento da súa morte e moi intensamente circunscrita á parte da súa ideoloxía que se desenvolve entre as Irmandades e a súa ruptura co Partido Galeguista.

Un texto de Risco de ton galeguista aparece traducido ao castelán e baixo pseudónimo nun dos primeiros número do Suplemento del Sábado[v] de La Noche, publicación xestionada por figuras próximas á editora nas que tamén colabora posteriormente. É tamén moi indicativo que Galaxia publique, como unha das primeiras pezas do seu catálogo, o seu Manual de Historia de Galicia (1952)[vi], que lle abra as portas á breve Colección Grial e que escolme parte da súa obra de pre-guerra baixo o título Leria (1961). Porén, é evidente que a súa figura é reivindicada con ambivalencia, ou polo menos en función dun período moi concreto do seu traballo, afastándose de calquera recoñecemento á súa traxectoria posterior. Por exemplo, en 1962, os homes de Galaxia intrigan para que sexa Ramón Otero Pedrayo e non el o que reciba o Premio Galicia da Fundación Juan March. Esta ambivalencia tamén é evidente no prólogo de Piñeiro ao libro de Ramón Lugrís Vicente Risco na cultura galega, aparecido tras o seu falecemento. Máis explícito nesta ambivalencia é Piñeiro na súa correspondencia privada onde, a pesar de todo di que a “Galicia de hoxe débelle moito a iste home feble, contradictorio, dicutible e discutido, que nos anos centrales da súa vida soupo identificar o seu esprito esceicional coa verdade esencial de Galicia”.[vii] O pensamento reivindicábel de Vicente Risco é, por tanto, o que se refire á “verdade esencial” do país, o mesmo que o considera como parte esencial da Natureza resistindo a ser modificado polo transcorrer dos acontecementos (…).

Texto ao completo disponíbel en Murguía, Revista Galega de Historia nº40

_______

[i]       Rojo, 1987: 97-99.

[ii]      Beramendi, 2007: 1065.

[iii]     Garrido Couceiro, 2006: 52-52.

[iv]       Piñeiro en Rojo, 1987: 10-11.

[v]      “De la medida de las cosas” (Suplemento del Sábado no. 3, facsímile en Alonso Girgado, 1996).

[vi]     Editado, como toda a obra nova do autor na posguerra, en castelán. Sería traducido e adaptado dun traballo de antes da contenda. Casares, 2004: 183.

[vii]    Piñeiro/Losada, 2009: 228-233.

 

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman