Achegamento sociolóxico á movida dos 80 en Santiago. Diferenzas coa movida viguesa.

A movida

O movemento cultural dos 80, chamado “movida”, nome polo cal moitos dos que o viviron xamais se sentiron recoñecidos, hoxe transcendeu de ser un movemento xuvenil sen pretensións a consolidarse e valorarse como o fenómeno cultural máis significativo do derradeiro cuarto do século XX.

Díxose da movida que foi o primeiro resultado artístico da transición e que foi o revulsivo dunha sociedade recén saída do franquismo,“por fin sopraban aires novos tras aquela “longa noite de pedra” que foi a ditadura franquista” e que foi reflexo do troco e da liberalización cultural e ideolóxica á que se abriría a grande maioría da sociedade española, pero sobre todo iso foi fundamentalmente un movemento estético rupturista e un movemento musical que supuxo unha reacción á música convencional da época. O movemento tivo moi pronto a conivencia e alento dalgúns políticos, como Enrique Tierno Galván, alcalde de Madrid, o alcalde de Vigo, Manuel Soto ou Joaquín Leguina, Presidente da Comunidade de Madrid. O apoio político a esta cultura alternativa pretendía mostrar un punto de inflexión entre a sociedade franquista e a nova sociedade da democracia.

Se cadra por primeira e última vez na historia da música española houbo unha identificación total da mocidade á que ía destinada esa música coa música en si. De feito, algúns afirmaron que se os rapaces dos 70 tiveron como leif motiv a transición e as liberdades políticas, a única bandeira que enarborou a mocidade dos 80 foi a da música.

Musicalmente falando, foi unha etapa insólita que se caracterizou pola convivencia de grupos musicais moi determinados e de diverso cuño de múltiples e diversos estilos, até o punto que acaparou toda a vangarda musical da época: punk, pop, techno, reggae, ska, funk…, cohesionados nunha nova onda de optimismo creativo. Foi fundamental a normalización e o gozo da música en español, aparecendo desde grupos con letras caóticas e irreverentes, influídas polo after punk, a postmodernidade e un escaso compromiso social, a grupos cun especial interese polo xeito formal. Hoxe todos eles forman parte da xa chamada “Idade de ouro do pop español”…, e están no substrato da memoria obxectiva e afectiva de todos os que a viviron.

Máis dun cuarto de século despois do estalido, máis que de movida teríase que falar de todo un fenómeno xeracional e urbano que en cada parte de España se expresou cunhas características propias. Nas movidas de Vigo e Santiago percíbense claras diferenzas co resto das cidades, o que permite concibilas como unha realidade cultural e, no caso de Santiago, unha realidade sociolóxica distinta.

Durante a primeira metade da década dos oitenta, Madrid e Vigo foron as cidades españolas ás que se atribúe o protagonismo da movida e que destacaron pola súa novidosa oferta cultural. Da capital podíase esperar o liderado español, sen embargo, a cidade de Vigo –marcada entón pola reconversión industrial e o paro– foi a grande sorpresa. Apareceu asociada á nocturnidade nun contexto de forte crise económica (con altas taxas de paro e unha forte reconversión do sector naval) e de certo escepticismo político.

Sen embargo, esta consideración espacial do protagonismo vigués en Galicia debería pórse en entredito, ou cando menos facer unhas matizacións máis que importantes porque a hoxe aínda descoñecida movida compostelá tivo un alcance moito maior… polo carácter totalmente dinamizador e transformador sen volta atrás da vida e a noite de toda a mocidade galega. Porque será desde esta cidade desde a que o fenómeno vivencial e musical irradiará a todos os recunchos de Galicia, e o Número K, xunto á Sala Clangor converteranse en referentes imprescindíbeis galegos deste troco xeracional.

Sorprende que a data de hoxe non se estudase como merecía o auténtico troco vital e existencial dos rapaces da época que ten lugar en Santiago de Compostela. Si existe bibliografía musical sobre as bandas viguesas, traballos, e algúns documentais sobre a movida de Vigo pero sobre Santiago non existe nada, nin bibliografía, nin chamada algunha en internet, non aparece nin o Número K, nin Clangor, nin referencia algunha a este fenómeno vivencial. De feito, este é o primeiro traballo de investigación realizado ao efecto e está realizado analizando case con exclusividade testemuños orais. Só aparecen algunhas referencias de hemeroteca sobre a Sala Clangor limitadas ao episodio da bomba terrorista. Tampouco existen apenas documentos gráficos ao estar na era pre-dixital e o alto custe dos soportes gráficos da época.

Recentemente, a raíz dun filme de próxima filmación da produtora Ledesma chamada Clangor, o filme, si aumentaron as entradas en internet, e Fernando Pereira, hoxe afamado pintor, propietario de Clangor, realizou declaracións no sentido do que significaba a cidade naquela década “que una vez fue la ciudad más alegre de España.

“Mucha biblioteca y poco Número K”

“Mucha biblioteca y poco Número K” foi o sintético e impactante titular de prensa que abría un dos primeiros artigos adicados ao flamante novo Presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo en A Voz de Galicia. E é que poucas frases poderían sintetizar de xeito máis claro e rotundo o que significou este local na cultura da mocidade dos recén estreados anos 80. A frase puña en evidencia os dous tótems da cultura universitaria compostelá da época, exportábel a outras localidades galegas e, mesmo, españolas... Biblioteca versus Número K. Xunto á cultura institucional e académica da Biblioteca xurdira outra, a movida, unha cultura xuvenil e dinámica, máis hedonista que académica, de acorde cos novos tempos modernos que simbolizarían en Vigo O Kremlin y en Santiago o Número K e a Sala Clangor.

É curioso e premonitorio que as datas da apertura e peche dos míticos Número K e Clangor cadren co desenvolvemento cronolóxico do fenómeno da movida galega. Pero para entender e afondar no que significaron estes locais como espazos lúdicos tense que analizar o contexto e circunstancias da súa aparición, tanto desde o punto de vista hostaleiro, como as circunstancias tan singulares e diferentes ao panorama actual que vivía a cidade e, por conseguinte, as circunstancias dos rapaces da época, xa que son fenómenos inseparábeis.

Tras a morte de Franco as eleccións de 1977 consolidaran como forma política do Estado a Monarquía parlamentaria. A Constitución restablecía as liberdades políticas e recoñecíanse os dereitos sociais, en consonancia cun estado social de dereito. A Transición política á democracia en Galicia ficaba completada no esencial coa aprobación en referendo do Estatuto de Autonomía en 1980. En Outubro 1981 celebrábanse as primeiras eleccións autonómicas que deron á coalición do centro-dereita un triunfo sen paliativos. O 7 de xaneiro de 1982 Fernández Albor presentaba o seu discurso de investidura, apenas meses antes da inauguración do Número K.

O goberno de Albor cadra matematicamente no tempo co desenvolvemento da movida, e tamén co primeiro goberno socialista, xa que só un ano despois en 1982 o PSOE conquistaba unha maioría social histórica e a esquerda recuperaba o poder por primeira vez desde a época da Segunda República. Esperanzas e incertezas concitáronse a carón da chegada do PSOE ao poder e o seu cobizoso programa reformista, sintetizado no slogan da campaña electoral “Polo cambio”. No plano político español tres serían os principais problemas políticos: golpismo, terrorismo e a interminábel crise económica.

O Goberno de Xerardo Fernández Albor tivo que enfrontarse a unha conxuntura política e económica complicada, e no que se refire a Santiago estivo marcado polo traspaso de competencias realizado desde a administración central, e polos problemas existentes para fixar a capitalidade da comunidade, xa que existiu un enfrontamento claro entre os que apoiaban a elección de Santiago fronte á candidatura de A Coruña. Finalmente aprobouse unha solución transitoria que designou a Santiago como sede do Parlamento galego, e A Coruña como sede do Tribunal Superior de Xustiza… pero o que transcendía á sociedade era a grave crise económica arrastrada dos setenta, e ao final do seu mandato, e as repercusións da incorporación á CEE que culminou a transición económica do capitalismo corporativo da ditadura a unha economía de praza sometida ás regras da Comunidade Europea. En 1987 unha moción de censura desaloxaba a Albor do poder, ano do declive da movida galega.

Un paradigma de cambio con esquemas típicos do desenvolvemento capitalista estábase a incorporar á Galicia dos anos oitenta, configurando un modelo social de encrucillada histórica.

Por unha banda, no recoñecemento da especificidade social de Galicia na súa definición como nacionalidade histórica, desde unha perspectiva de transformación social, económica, cultural e política-administrativa, e por outra banda, en consideración á condición de Santiago de Compostela, capital de Galiza, como cidade eminentemente universitaria, na identificación e sistematización da filosofía e o desenvolvemento do proxecto educativo, conformando unha das etapas históricas máis rotundas na intensidade dos cambios educativos e das súas repercusións sobre o conxunto da estrutura socioeconómica galega, con expoñentes concretos na expansión educativa, a práctica socioinstitucional, a calidade do ensino e a política educativa (…).

María Fidalgo Casares

Máis en Murguía, Revista Galega de Historia nº19/20.

Nas mellores librarías!

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman