Radiodifusión galega nos países rioplatenses: fontes de referencia para unha análise histórica.

Definir que se entende por radio da emigración galega non é doado, xa que non se trata só de consignar as audicións de temas galegos realizadas por e para a colectividade senón tamén as actividades que os profesionais galegos da radiodifusión desenvolveron e seguen a desenvolver nas emisoras dos países de destino, unhas actividades que, como é lóxico, non necesariamente teñen que estar relacionadas con Galicia. De feito, o habitual na maioría dos locutores é que presenten unha traxectoria diversificada que abrangue tanto programas autóctonos do país de destino, onde habitualmente inician a súa rodaxe, como audicións para outras colectividades non galegas, case sempre dirixidas ó conxunto da emigración española. Ampliando máis o concepto, a radio galega da emigración podería abranguer tamén certos espazos nos que os galegos non participan pero son protagonistas involuntarios das parodias que sobre eles promoven os medios autóctonos. Aínda que todas estas interpretacións resultan válidas co fin de identificar con claridade un terreo de análise para este traballo e non amplificar demasiado os seus límites, optouse por centra-la atención naqueles contidos radiofónicos estritamente galegos. Aclarado este concepto, pode establecerse que a actividade radial dos galegos no exterior ten a súa representación principal na creación dunha serie de contidos dirixidos á colectividade que se retransmiten polas emisoras dos países de destino. Trátase de iniciativas promovidas directamente polos propios emigrantes, xa sexa a través das entidades societarias ou a título particular, nas que os galegos asumen un papel protagonista tanto na condución e realización de cada actividade radial como na súa dirección e financiamento.

Os países rioplatenses asumiron un papel protagonista na creación e posterior desenvolvemento destas experiencias, pois foi nestas latitudes onde xurdiron as primeiras cabeceiras e tamén as máis emblemáticas, aquelas que configuraron os trazos característicos do universo radiofónico galego e sentaron o modelo que tomarán como referencia as audicións promovidas posteriormente nas diferentes zonas do planeta. Da transcendencia deste legado non só dan testemuña as diversas experiencias radiais postas en marcha polos galegos asentados noutros países, que asimilaron o sistema de funcionamento, a estrutura e os contidos dos espazos porteños máis coñecidos, senón tamén moitas das iniciativas que configuran o panorama actual da radiodifusión en Galicia. Estas audicións son tamén as que mellor exemplifican o papel desenvolvido polos galegos da diáspora a través das ondas, xa que o nivel intelectual e creativo dos persoeiros implicados na súa realización facían de cada programa unha experiencia única, unha reliquia do patrimonio cultural galego feito verba a través da voz.

Probablemente o desenvolvemento que acadou a radio da emigración non tería sido posible sen o precedente dun amplo número de publicacións periódicas, moitas delas caracterizadas pola súa alta calidade, que fomentaron o hábito de consumo de medios galegos entre un sector da colectividade. Pode afirmarse por iso que a prensa lle abriu o camiño ás audicións galegas que, de feito, se presentaban no seu inicio como complemento oral das cabeceiras máis representativas. As primeiras publicacións galegas remóntanse ó último cuarto do século XIX, pero é na primeira metade do XX cando este tipo de prensa acada o seu máximo apoxeo, rexistrándose a aparición do maior número de títulos, entre os que se contan algunhas das cabeceiras máis representativas. O inicio da actividade radial coincide precisamente con ese momento de esplendor experimentado polas publicacións periódicas e a súa evolución posterior discorrerá de forma paralela en moitos aspectos, pois cando na década dos 60 os medios escritos comezan a decaer en América, as audicións seguen a mesma tendencia. Arxentina e Uruguai volven ser aquí os puntos de referencia fundamentais para tomar o pulso a estas experiencias, de maneira que toda nova tendencia ou evolución experimentada neste tipo de actividades xurdirá primeiro no Río da Prata para, a continuación, estenderse por todo o universo mediático da colectividade galega emigrada. Nos vindeiros apartados analizaranse en maior detalle os factores que favoreceron o desenvolvemento da actividade radial entre os galegos de América, así como o precedente que supuxo a prensa da colectividade no xurdimento e consolidación posterior destas experiencias.

Tanto a radio da emigración galega como a prensa autóctona que desenvolveu a colectividade constitúen unha peza fundamental no entrañado de relacións socioeconómicas e de solidariedade que funcionan dentro de tódalas colectividades desprazadas. Os galegos desenvolveron moi cedo estas experiencias, pois eran conscientes da importancia que supuña contar con medios de comunicación propios que serviran como elemento de cohesión entre os membros dun mesmo pobo e, ó mesmo tempo, que serviran como vieiros de expresión das súas ideas, inquedanzas e intereses. Dada a dispersión característica que presenta a emigración galega e as peculiaridades dos colectivos asentados en cada país, o grao de implantación destas experiencias e o seu desenvolvemento posterior depende en cada caso dunha serie de factores que se relacionan tanto co contexto dos puntos de destino como coas características intrínsecas da colectividade alí emigrada. É a conxunción de elementos favorables en ambas vertentes a que dá como resultado que en determinados emprazamentos proliferen un amplo e variado elenco de actividades a través da radio e a prensa, mentres que noutros quedan limitadas a iniciativas puntuais e case anecdóticas. Como se comprobará no desenvolvemento deste artigo, as capitais rioplatenses, e principalmente Bos Aires, presentan ese marco privilexiado que lles permite situarse como referente principal para a radio e a prensa da emigración galega e plataforma de lanzamento das iniciativas con maior calidade e repercusión.

Liderado das capitais rioplatenses no desenvolvemento da actividade radial: factores explicativos.

A importancia acadada pola radio galega da emigración nos diferentes puntos de destino da emigración galega pode avaliarse pola intensidade e repercusión das actividades desenvolvidas en cada caso concreto, é dicir, polo número e calidade das iniciativas postas en marcha neses emprazamentos durante un marco cronolóxico determinado.

Os datos estatísticos máis recentes sobre as actividades radiais dos galegos no exterior salientan a existencia dun total de 63 audicións promovidas polos emigrantes galegos ata datas recentes, das que 38 se realizaron en América e 25 en Europa, pero o peso do vello continente aparece sobredimensionado xa que de tódolos programas que se lle atribúen só seis corresponden verdadeiramente a nacións estranxeiras, mentres que os 18 restantes se fixeron en territorio español. Nunha clasificación por países, a península estaría en segunda posición despois de Arxentina, que encabeza o censo con 29 audicións e a bastante distancia por diante de Uruguai e Suíza, que se sitúan en terceiro lugar con tres programas respectivamente. Venezuela e Francia ocupan a seguinte posición destacada neste ‘ranking’, con dúas audicións en cada caso, mentres que os demais países onde os galegos realizaron algunha actividade radial non se pasou da primeira experiencia. Nas comunidades autónomas españolas o liderado recae de forma contundente sobre Cataluña, onde Blanco Campaña apuntaba inicialmente a cifra de 13 espazos, pero incluía catro emisoras sen contidos propios, que se limitaban a emitir a información e o material radiofónico que recibían do Servicio Exterior da Radio Galega, polo que, omitindo estas experiencias, o seu número redúcese a nove.

A maior parte das audicións xurdidas nos países americanos localízanse nas capitais deses estados ou ben na súa area de influencia inmediata. Destaca de modo espectacular Bos Aires, que cun total de 17 programas concentra máis da metade das audicións arxentinas. A práctica totalidade das experiencias promovidas en Venezuela e Uruguai corresponden a Caracas e Montevideo. Non ocorre o mesmo en Europa onde, por exemplo, Suíza, un dos países con mais audicións promovidas por galegos, só ten localizada unha en Xenebra; Cataluña e Madrid, que reproducen o modelo americano, localizan en Barcelona a maioría das actividades.

O liderado do marco territorial rioplatense, centralizado en Bos Aires e, en menor medida, en Montevideo, queda fóra de toda dúbida unha vez analizados os datos de distribución das actividades radiais da colectividade, polo que o seguinte que cabe preguntarse son as causas de que este predominio estea tan asentado.

Jesús J. Blanco Rosas

Máis en Murguía, Revista Galega de Historia nº19/20.

Nas mellores librarías!

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman