Centro de Interpretación Arqueolóxica do Barbanza

O Centro de Interpretación Arqueolóxica do Barbanza atópase situado no Sur da provincia de A Coruña, concretamente na parte máis interior do Norte da Ría da Arousa, nunha pequena península coñecida como a Punta de Neixón, que administrativamente pertence o Concello de Boiro, parroquia de S. Vicente de Cespón e lugar de Nine. Nas inmediacións érguese o conxunto arqueolóxico formado polos Castros de O Neixón: Castro de Neixón Pequeno e Castro de Neixón Grande.

Historia do centro e traxectoria.

O Centro finalizouse de construír no 2002, nun enclave privilexiado, rodeado dunha ampla zona verde ideal para o espallamento. Ademais conta cun extenso aparcamento e servicio de cafetería integrado. O edificio consta de tres plantas: soto, planta baixa e primeiro andar. Dispón das infraestructuras necesarias para cumprir cos seus obxectivos como recurso cultural centrado no patrimonio arqueolóxico. Destaca a existencia de dous espazos expositivos que albergan unha exposición temporal e outra permanente. Conta así mesmo con outras estancias como un almacén, laboratorio, sá multiusos, tenda, biblioteca, oficinas de administración, etc.

O Centro de Interpretación Arqueolóxica do Barbanza é a plasmación dun proxecto de revaloración e difusión moi importante para a comarca, sendo unha aposta decidida e moi ambiciosa do Concello de Boiro. Ten a finalidade de converterse nun elemento vertebrador no ámbito do patrimonio arqueolóxico e cultural do Barbanza, ao abeiro da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico (RGPA) nacida no 2001, no cerne do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia. Este Centro ten a consideración de xacemento visitable no organigrama da RGPA, cun papel complementario respecto dos centros de cabeceira da mesma manifestación cultural: a cultura castrexa.

Dende a posta en marcha do centro a finais de 2002 a traxectoria encadrouse no desenvolvemento de actividades de marcado caracter didáctico, tanto no eido cultural como turístico, elaborando campañas informativas e de divulgación. Deseñáronse distintas rotas con posibilidade de visitas guiadas pola comarca, exposicións itinerantes, actos e celebracións protocolarias, conferencias, cursos, certames e obradoiros, abordando distintas temáticas culturais.

Aparte da actividades realizadas dende o propio centro, son destacables as distintas campañas de intervención arqueolóxica que se veñen levando a cabo dende o 2002, tentando acondicionar o conxunto arqueolóxico ás necesidades expositivas así como unha importante labor científica. Referímonos ao convenio de colaboración asinado dende ó 2003 entre a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, o Concello de Boiro e o Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento (CSIC-XuGa), coa finalidade de organizar un campo de traballo de ámbito estatal e modalidade arqueolóxica (Aula Arqueolóxica).

Historia do xacemento e da investigación.

Os Castros de O Neixón son un referente ineludible para a investigación arqueolóxica da cultura castrexa. Iníciase a súa andanza científica coas catas arqueolóxicas levadas a cabo polo Seminario de Estudios Galegos, encabezado polos intelectuais Fermín Bouza Brey e Florentino López Cuevillas que recalan no Neixón no 1925, dentro dun proxecto científico de investigación arqueolóxica integral da Idade do Ferro en Galicia. Amosaranse os resultados destas intervencións na obra <<Os Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza (Bouza Brey; López Cuevillas: 1929)>>, considerada a primiera síntese científica no eido da arqueoloxía e investigación galega. O castro de o Neixón Pequeno presentarase como paradigma da primeira Idade do Ferro no Noroeste, sendo un xacemento base para as novas xeracións de investigadores, así como referente en numerosas obras ate a actualidade, dada a calidade do rexistro arqueolóxico.

Unha nova fase de estudo do Neixón lévase a cabo por arqueólogos do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento en estreita relación coa docencia universitaria do profesor Alberto Balil que fructifica na execución de distintas campañas arqueolóxicas entre 1970 e 1972, baixo a tutela do propio Balil e Fernando Acuña. Posteriormente distintos investigadores incorporaranse á experiencia de O Neixón, como é o caso de J. M. Caamaño Gesto, C. A. Ferreira de Almeida, Teresa Soeiro, etc.

Co desenvolvemento das distintas liñas de investigación, na década dos oitenta estúdanse os restos exhumados nas escavacións da década anterior dos cales destacan investigadores como J. Rey Castiñeira ou Juan Naveiro, ademais da incorporación de datos doutras intervencións levadas a cabo en castros litorais.

A partires de mediados da década de 1990 coa consagración da actividade arqueolóxica como dedicación profesional, e visto o estado que presentaba o xacemento, lévanse a cabo outra serie de intervencións co fin de desenvolver unha Estratexia de Xestión Integral do conxunto arqueolóxico auspiciada polos poderes públicos competentes. Serán empresas como Prospectiva e Análise Arqueólogos ou Terra Arqueos as que permitan iniciar o camiño cara unha posta en valor do xacemento que se concreta na construcción do Centro Arqueolóxico do Barbanza en 2002.

Perspectivas e programación

O Centro foi creado cunhas características moi concretas. Supón unha primeira xeración dos Centros de Interpretación, un experimento que pretende analizar a viabilidade da RGPA, outorgándolle un papel secundario e complementario dos grandes centros de cabeceira ou referencia.

Dada a xestión autónoma do Centro e a falta dun Plan Estratéxico de Desenvolvemento que oriente a xestión do mesmo, maniféstase como unha infraestructura cultural destinada ao patrimonio arqueolóxico cun éxito de baixa intensidade, sen alcanzar os 10.000 visitantes anuais.

Nos inicios do 2006 elaborouse o Informe (I): Problemática e elaboración de suxerencias para a xestión do Centro Arqueolóxico do Barbanza (Abril, 2006) coa finalidade de encauzar a orientación e programación cultural do Centro, para dotalo de maior dinamismo.

Os obxectivos básicos son os de información, divulgación e difusión do patrimonio arqueolóxico do Barbanza, apoio a investigación, e a creación dunha rede de recursos e actividades vencelladas ao patrimonio arqueolóxico como dinamizador turístico e cultural.

Atención ao público.

A apertura do Centro Arqueolóxico do Barbanza faise de martes a domingo. De martes a venres permanece aberto ao público de 10 a 14 horas e  de 16 a 19 horas. O fin de semana e festivos réxese pola seguinte xornada: de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas.

A dirección é :

Centro Arqueolóxico do Barbanza, Lg. Neixón – Nine, s/n, 15.991, Cespón – Boiro (A Coruña). Telf. 981 84 38 10, Fax: 981 84 38 23.

centroarqueoloxico@boiro.org

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman