Os álbumes de guerra de Castelao: Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937), Milicianos (1938), no contexto da súa obra.

Reeditamos en liña un texto de María Pilar García Negro publicado no 2006 en Murguía, Revista Galega de Historia nº9, coincidindo co setenta aniversario do golpe militar reaccionario do ’36:

Falarmos-escrebermos hoxe, 2006, sobre Castelao supón un duplo resgate e un duplo desagravio. E isto por razóns sobrepostas á lóxica evidente de conmemoracións varias deste ano, en que se cumpren setenta do inicio da traxedia da guerra civil española. Referímonos -en e con CASTELAO (1886-1950)- á personalidade galega máis relevante do século XX, sen a cal este período histórico non sería ben comprendido; ao artista e político que, ao igual que Rosalía de Castro no século XIX, marca de forma insubstituíbel a evolución particular da historia da Galiza; ao cruxol, en fin, onde se funden, de maneira elocuente, sentimentos, aspiracións, definicións ideolóxico-políticas e representación artística da Galiza contemporánea. O carácter proteico da súa obra, a súa produción multifacética (debuxante, caricaturista, pintor, escritor, pensador político, deputado galeguista en dúas lexislaturas da 2ª República, ministro do goberno Giral no exilio…), a súa proxección como nacionalista e republicano galego, desde España á URSS, de USA a Cuba e a Buenos Aires, da capital arxentina a París…, mais sempre en Galiza, como titulou a súa obra teórica fundamental…: todo isto fai del, como dixemos, personalidade fundamental da historia contemporánea e, à rebours do apontado, pouco ou nada coñecido na España actual.

Resulta paradoxal -ou irónico- que o tempo presente, que tanto prodiga a autodefinición de sociedade da información e do coñecemento, en templos do saber como a Universidade ou as disciplinas humanísticas, practique o deporte, con tanta frecuencia, de ignorarse a si mesma e ignorar-desprezar o máis próximo. Tal operación afecta á Galiza de forma especial, ao ponto de perguntármonos máis dunha vez cal é o baremo da noticiabilidade ou da noticiosidade galega, excepción feita da que, en metáfora abusiva, denominamos “bélica”, quer dicer, a provocada por catástrofes ou procesos de agresión-destrución por terra, mar e ar. Con efeito, a Galiza é noticia sobresaliente cando un desastre como o provocado polo buque “Prestige” (Novembro 2002) tinxe de negro a costa e o corazón dos galegos; éo, ben recentemente, cando unha vaga inusitada de incendios criminais arrasa o seu chan, provoca mortes e desolación e ameaza para non se sabe cantos anos o seu ecosistema e, en definitiva, o seu futuro. Mais, naturalmente, esta excepcionalidade que acapara imaxes, pantallas e información mediática non esgota o que deberan ser -e non son- paradigmas obxectivos -e historicamente explicábeis- da actualidade galega, porque, tantas veces, se utilizan, en lamentábel anacronismo, para aprofundar rotinas interpretativas, tópicos falsos, falsa conciencia, en suma, e percepción deformada sobre un país que, como todos, se debe á súa historia e grazas a ela pode ser comprendido e explicado.

Aquela vaporización orwelliana do noso personaxe -como artista, como escritor, como político- obedece a calquer cousa menos á casualidade. De igual forma que, en falando de problemáticas e discriminacións das mulleres, é frecuente utilizar, de xeito tópico e repetitivo, a imaxe do teito de cristal, referíndomonos a Castelao e á Galiza, falaríamos máis ben dunha pesada lousa que, metonimicamente, cumpre unha función represivo-utilitaria: descoñecendo a historia, a arte, a literatura, a produción ideolóxico-política… da Galiza, está o terreo abonado para xustificar o seu statu quo actual, a suposta

pequenez das súas reivindicacións e, en definitiva, o seu carácter de satélite a respeito dun planeta inamovíbel, España, Europa, chamadas a exerceren sobre ela unha tutela necesaria, como a que exercía, no Código Civil vixente até 1977, o marido sobre a muller, menor de idade civil a todos os efeitos.

Toda a obra, extensa e intensa, plural e diversa, artística e política, de Castelao camiña na dirección contraria a esta descrición. Toda ela érguese como un enorme brado ontolóxico do ser galego, da súa dignidade e da necesidade imperiosa de dotar ao seu povo da significación escurecida ou negada. E tal esforzo así foi percebido polos seus contemporáneos, galegos ou españois, sexan Wenceslao Fernández Flórez ou don Miguel de Unamuno; sexan Bagaría ou José Francés; sexan os seus colegas republicanos, militantes noutras formacións políticas, sexan destacados representantes españois, bascos, cataláns… do exilio americano ou europeu. Que lonxe se senten hoxe aqueles tributos de admiración do xa citado crítico de arte José Francés cando recoñecía en Castelao o máis europeu dos debuxantes españois (López, 2001: 36) ou cando afirmaba, en 1912, que as súas caricaturas respondían absolutamente ao criterio modernísimo da arte humorística contemporánea (López, 2000: 195), ou do tamén mencionado Bagaría, a estrela da caricatura política nas páxinas de El Sol (xornal onde o noso autor publicou numerosas caricaturas entre 1918 e 1922), cando non dubidaba en conceder a Castelao o posto número un entre todos eles (López, 2001: 356).

Non menor era o recoñecemento político por parte de elementos nada suspeitosos de filogaleguismo. En Abril de 1997, tivemos a fortuna de localizarmos, no “Archivo General de la Guerra Civil Española”, de Salamanca, dúas entrevistas inéditas realizadas a Castelao á volta da súa viaxe á URSS, en Maio de 1938, como membro da delegación do goberno da República (García Negro, 2000: 229 e ss.). Unha aparece en Frente Rojo, órgao do Partido Comunista de España; en El Magisterio Español, a outra, ambas editadas en Barcelona. Sirvan de mínima mostra (vid. entrevistas recollidas en Rosales, 2000: 41-112), escollida pola coincidencia sincrónica cos anos en que Castelao elabora e difunde os álbumes de guerra a que se refere este traballo. E sirvan, sobre todo, de contraste a ese descoñecemento actual que tencionamos conxurar, ao menos como convite a aproximármonos de novo a figura tan rica, tan atractiva e tan actual como a de Castelao.

Referímonos supra a unha perigosa metonimia: o descoñecemento de Castelao conleva o da Galiza, e viceversa. Moito máis en curto, no dramático período que ocupa a guerra civil española, resulta incríbel que se siga propalando a especie dunha Galiza submisa, conservadora, entregada desde o inicio da guerra á reacción fascista e, por tanto, inexistente nos gloriosos anais da loita antifascista e defensora da legalidade republicana. Contra todas as evidencias, ignórase que un povo que vota maioritariamente as candidaturas da Frente Popular, en Febreiro de 1936 (dentro das cais obteñen escano como deputados galeguistas o proprio Castelao, Antón Vilar Ponte e Ramón Suárez Picallo), se reconverta, no mes de Xullo dese ano, en afervorado defensor dos rebeldes, non se sabe por que misterioso suicidio parcial dos seus representantes políticos. Contra todas as evidencias, ignórase que a guerra vivida na Galiza adquiriu a pior fasquía das posíbeis: a represión na retaguarda, os paseos, a carencia absoluta dun dispositivo institucional minimamente protector, a vesania de forzas paramilitares como Falange ou a Guardia Civil, que masacraron impunemente miles de vítimas, o asasinato directo dos máis conspicuos representantes do nacionalismo galego e do republicanismo (Alexandre Bóveda, secretario de organización do Partido Galeguista; Víctor Casas, director do periódico A Nosa Terra; Camilo Díaz Baliño; Xaime Quintanilla, alcalde de Ferrol; Roberto Blanco Torres… e tantos outros), para intentaren cortar de raíz calquer gromo de contestación. Contra todas as evidencias, ignórase -ou preténdese sepultar- a verdade de que a Galiza, a diferenza doutras zonas españolas, tivo que se defender malamente por si mesma, sen nengunha institución republicana ao seu servizo, tendo sido adiado e boicotado o referendum sobre o seu Estatuto de Autonomía, que só puido ser votado (grazas ao esforzo denodado de Castelao e os seus correlixionarios) o 28 de Xuño de 1936 e entregado en Cortes o 15 de Xullo dese mes e ano, mesmamente tres días antes do levantamento militar.

Non se tiveron en conta estas evidencias (que Castelao se preocupa de documentar exhaustivamente no seu Sempre en Galiza [1944]) nen testemuños sincrónicos directos, como os recollidos en Nueva Galicia (Madrid), Nova Galiza (Barcelona) e noutras publicacións españolas e estranxeiras leais ao goberno republicano. Polo seu carácter de crónica en tempo real, imos recordar só o estremecente libro titulado Lo que han hecho en Galicia[1] publicado pola “Oficina de Prensa al servicio de la República Española”, en Buenos Aires, 1938, de autoría anónima (¿Luís Seoane?), subtitulado “Episodios del terror blanco en las provincias gallegas contados por quienes los han visto”. Di no seu prefacio:

“Este libro, que es una visión parcial de lo que en Galicia ocurrió, puesto que se refiere más que nada a la Provincia de Pontevedra, refleja el heroísmo de una población campesina y marinera, casi en su totalidad, que, sin más armas que las escopetas de caza y las herramientas de trabajo, se enfrentó a los cuarteles y a las fuerzas armadas de la facción. Fuerzas campesinas y obreras que, si hubiesen tenido al lado de su heroísmo la fuerza de los guardias de asalto o de la guardia civil, hubiesen triunfado en Galicia, como por esas fuerzas se triunfó en muchos sitios de España. La falta de armas y la falta de experiencia los derrotó. Sin embargo, en los montes de Galicia aún resisten gentes que constituyen una preocupación para la facción. Y la lista de muertos, fusilados y asesinados es la más extensa de España. Y en el ejército de la República, las milicias gallegas constituyeron la fuerza de choque de las brigadas internacionales y una parte de los Comisarios de guerra son gallegos, y los gallegos entregaron a la República una escuadra. Y el fuerte aliento campesino del comandante Líster otea el día de la entrada en Galicia con las fuerzas de la Libertad.

Este libro es una visión que no refleja ni con mucho el heroísmo de los gallegos, sino, y esto magníficamente, algunos casos ocurridos en la Galicia martirizada por el fascismo”

(Anónimo: 1938: 5).

Non escapan os galeguistas, naturalmente, á saña das prácticas terroristas:

“El galleguismo ha sido perseguido como un crimen abominable. Los más caracterizados galleguistas, los hombres que con más fervor han trabajado por el engrandecimiento de Galicia, han sido fusilados o asesinados a docenas. Las detenciones se hacían con los pretextos más fútiles y aun sin ningún pretexto. El figurar en una lista de afiliados a una sociedad local simpatizante con el movimiento galleguista bastaba. Se llegó al extremo de buscar en las colecciones de los periódicos las listas de asistentes a los actos galleguistas y las fotografías de estos actos para perseguir a los que en ellas aparecían” (ibidem: 96).

E, en clave cronística:

“Galicia indómita

Para los que desconocen Galicia, es díficil comprender lo que allí ha sucedido y lo que está sucediendo. No se explica cómo habiendo sido Galicia una región en la que realmente no hubo una fuerte resistencia armada a la sublevación militar, el terror que allí ejerce el fascismo ha sido, acaso, el más espantable que se ha padecido en toda España. Como no se explica tampoco que el pueblo gallego, que no acertó a sacudirse el yugo cuando aún estaban intactas las organizaciones de lucha de los sindicatos y los partidos proletarios haya conseguido luego mantener viva la repulsión contra el régimen fascista a lo largo de una terrible etapa de año y medio de represión, en la que diariamente han sido asesinadas docenas de personas” (ibidem: 115).

De modo e maneira que nos é dado falar de duplo ostracismo: o inmenso burato negro que provocou o desenlace da guerra civil española e a ocultación-refacción da historia, pro domo sua, isto é, dos triunfadores fascistas, e mais o inxustificado que, a posteriori, se practicou coa Galiza, a súa historia, o seu drama particular, a especificidade da súa loita e, dentro dela, a significación de personalidades-clave como a de Castelao. Un Castelao que, á súa morte, en Xaneiro de 1950, é premiado con esta consigna da “Dirección General de Prensa” enviada a todos os meios de comunicación:

“Habiendo fallecido en Buenos Aires el político republicano y separatista gallego Alfonso Rodríguez Castelao, se advierte lo siguiente: La noticia de su muerte se dará en páginas interiores y a una columna. Caso de insertar fotografía, ésta no deberá ser de ningún acto político. Se elogiarán únicamente del fallecido sus características de humorista, literato y caricaturista. Se podrá destacar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquella fue errada y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados. De su actividad literaria y artística no se hará mención alguna del libro “Sempre en Galiza” ni de los álbumes de dibujos de la guerra civil. Cualquier omisión de estas instrucciones dará lugar al correspondiente expediente” (Fernández, 1986: 37).

E, efectivamente, con poucas excepcións, a prensa lamenta, a pesar da xenialidade recoñecida ao artista, os trasvaríos políticos a que se entregou o finado e como a súa vocación política, equivocada, fanou a súa obra artística. Subliñamos, aos efeitos que nos interesan, este aspecto, porque vai ser xustamente esta escisión (artista / político) a que vai chegar aos nosos días, en perxuízo dunha e doutra condición, e porque o proprio autor tivo que se defender en vida, como veremos, de semellante divorcio imposto. Os álbumes de guerra, de que nos imos ocupar, marcan exactamente, cunha fidelidade pasmosa ao esquema teórico do autor, o concilio ou simbiose entre audacia artística, talento creador e compromiso cívico-político. Son a proba elocuente e indisimulábel da súa posición inequívoca e simultánea como artista e como político (…).

María Pilar García Negro, Universidade da Coruña

Máis en Murguía, Revista Galega de Historia nº9!
[1] Citamos pola versión orixinal, por mantermos a mesma sincronía a que pertencen os álbumes de guerra de Castelao. Existe tradución ao galego (ed. de Carlos Pereira Martínez): O que fixeron en Galicia, 1936, Ediciós do Castro, Sada-A Coruña, 1998.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman