A reclusión ao longo da Historia. O nacemento da pena de prisión.

Ao longo dos séculos a reclusión experimentou un proceso evolutivo; de ser unha medida destinada a asegurar a celebración do proceso xudicial ou a execución do castigo imposto no mesmo, a se converter nunha pena autónoma, representativa dunha nova forma de entender a sociedade e o poder. Hoxe en día a privación de liberdade continúa a manter un papel hexemónico nos ordenamentos punitivos da maioría dos Estados.
Aínda que a prisión, como sanción e institución, ten unha historia relativamente curta que arrinca a partir dos séculos XVIII e XIX, hai que sinalar que a reclusión foi empregada dende antigo como medio represivo ou cautelar, dado que os gobernantes sempre tiveron a necesidade de custodiar ou reter ao suxeito que quebranta as normas.
Nas seguintes liñas amosaremos como dende a Antiga Grecia até a actualidade o encerro acompañou á humanidade ao longo de toda a súa viaxe histórica, se ben adoptando diferentes formas e finalidades.

O Mundo Antigo
Grecia
A presenza da prisión como pena de carácter público nas leis gregas non é unha cuestión pacífica. No entanto, alén dos debates doutrinais sobre a materia, o certo é que as fontes dos séculos V a IV a.C. fan referencia á existencia dun cárcere en Atenas localizado dentro da ágora. Este edificio debía estar destinado á custodia do procesado antes e durante o tempo necesario para a celebración do xuízo; sendo tamén utilizado como lugar de execución da pena capital en determinados casos, como o do filósofo Sócrates ou o do escultor Fidias.
Aínda que a existencia da prisión como castigo no ordenamento xurídico ático é obxecto de controversia, non existe ningún xénero de dúbidas en relación coa práctica do encarceramento privado; o cal pode concibirse como unha forma de secuestro lícito, que a lexislación ateniense permitía ao individuo que detentaba a soberanía ou xurisdición no interior da casa. Deste xeito asegurábase a aplicación da punición e a satisfacción do primitivo dereito da vinganza privada. Podía manifestarse de diferentes formas: o dono dun escravo dispuña de plenos poderes para lle impor calquera clase de “escarmento”, incluído o encerro; o cidadán ateniense tiña capacidade xurídica para reter a liberdade do individuo sorprendido mantendo relacións sexuais coa súa esposa, filla, nai, irmá ou concubina, mentres non decidise que pena aplicar ao adúltero ou tamén o acredor podía apresar ao debedor en caso de falta de pagamento.
A privación de liberdade configurada como sanción penal aparece reflectida a nivel ideolóxico. Nas Leis de Platón, xunto coas penas pecuniarias, o desterro, os azoutes ou a morte, contémplase a prisión como castigo dentro do sistema punitivo da cidade ideal descrita polo autor grego. Porén, o grande filósofo aínda foi máis aló, nun adianto asombroso respecto da cultura penolóxica do seu tempo e mesmo daquelas dos séculos posteriores, outorgando ao cárcere unha finalidade que transcende a mera aflición do culpábel, chegando a concibila como unha forma de corrección. Aliás o de Atenas elaborou unha tipoloxía carceraria composta por tres tipos de prisións, situadas en distintos puntos da cidade e destinadas a usos diferentes:
– Unha común, para todos os criminais; atoparíase na ágora co fin de exercer unha maior vixilancia sobre os presos. A elección deste lugar non é casual. De acordo coa organización estatal das Leis, é na ágora onde deben estar establecidas as forzas de seguridade.
– Unha outra, chamada sofonisterion, destinada á reforma das actitudes delituosas dos convictos. Estaría situada cerca do lugar onde se reúnen os membros do denominado Consello Nocturno.
– Por último, unha terceira prisión tería como obxectivo o suplicio. Co fin de amedrentar os cidadáns este cárcere debía construírse nunha paraxe desértica e sombría, o máis afastada posíbel da cidade.

Roma
Ao redor da presenza do encarceramento como sanción en Roma existen posicións enfrontadas. No centro desta polémica sitúase a teoría elaborada por Theodor Mommsen hai máis dun século. Segundo o citado autor, no Dereito Romano o cárcere público cumpría tres funcións:

1) servía como medida coercitiva, para reprimir aos individuos que desobedecían os mandatos dos maxistrados cum imperium ou do Tribuno da Plebe;

2) aseguraba a presenza do demandado no xuízo mentres se instruía o proceso;

3) garantía o cumprimento da sentenza condenatoria. Conforme a esta liña de investigación, convertida na doutrina dominante, a posibilidade de que a prisión constituíse unha pena autónoma queda totalmente excluída. A base desta argumentación atópase na famosa frase de Ulpiano, contida no título De poenis do Digesto: “carcer enim ad continendos homines non ad puniendos haberi debit” (o cárcere debe ser para reter aos homes e non para castigalos). Nos últimos anos apareceu unha nova corrente doutrinal, encabezada por Balzarini, contraria á visión tradicional asentada por Mommsem, que afirma a utilización en Roma do cárcere como sanción legal. O apoio documental destas modernas teses, áchase, en parte, en tres textos de Calístrato, xurista contemporáneo de Ulpiano, incluídos no propio Digesto, nos que se fai referencia ao encarceramento como medida punitiva.

Os lugares destinados a servir como reclusorios públicos eran edificacións cons-truídas, en principio, con outras finalidades. Tal é o caso da famosa Tullignum ou Carcer Marmetinus, situada nun colector de augas próximo ao Foro e na que estiveron presos, entre outros, Yugurta e Vercingetórix. Coa subida ao poder de Augusto o número de inmóbeis adicados a albergar aos reos aumentou, tanto na Urbe como nas provincias, debido aos graves problemas de seguranza cidadá existentes naquel momento.

Ao igual que no caso grego, malia que a presenza da pena privativa de liberdade no dereito romano é unha cuestión controvertida, a utilización do encarceramento privado é admitida de maneira unánime polos tratadistas. Esta práctica derivaba de tres factores:

1) a economía de tipo arcaico que imperaba na época. Así, o denominado nexum, ou prisión por débedas, tiña como finalidade forzar a satisfacción das obrigacións económicas;

2) O sistema xentilicio que concedía un inmenso poder ao pater familias, até o extremo de que os fillos que desobedecían ou deshonraban ao cabeza de familia podían ser retidos por este;

3) O sistema escravista que contemplaba a institución do ergastulum, a cal permitía aos donos recluír aos escravos rebeldes, de maneira temporal ou perpetua, nun lugar da casa destinado a tal fin (…).

Sara Carou García. Profesora da Universidade da Coruña.

Máis en Murguía, Revista Galega de Historia nº17-18.
Nas mellores librarías do país!

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman