Museo Etnográfico da Capela

Todos os pobos teñen unha individualidade de seu que lles dá a súa especifica personalidade. Esa conformación emana da fonda raigame dos nosos antepasados, os seus costumes, a súa maneira de vivir, as súas crenzas; todo un conxunto de compoñentes que dan lugar ao sagrado edificio da Cultura. É moito o que o mundo rural ten aportado a ese edificio e á vida, en xeral; tamén é evidente que unha grande parte desta aportación está esmorecendo progresiva e implacablemente.
Coa finalidade de recuperar (como recurso de identidade) e poñer en valor (como recurso de desenvolvemento local) ese rico patrimonio, créase o MUSEO ETNOGRÁFICO DA CAPELA.

Con estas precisas e contundentes palabras preséntase o Museo Etnográfico da Capela na súa páxina web. Unha institución que desde un concello eminentemente rural pon de relevo a cultura propia, busca o seu espallamento e tamén a relación con outras realidades culturais próximas. Xornadas museísticas, o premio de investigación Ferro Caaveiro, xornadas sobre oficios artesáns, certames de contacontos… son actividades puntuais que se suman ó propio contido do museo, estreitamente vinculado ás xentes desa terra. O proceso de creación do museo xa nos indica o labor comunal que permitiu a súa existencia hoxe en día: foi no ano 1981 canto o CEIP Mosteiro de Caaveiro desenvolveu unha experiencia sociopedagóxica consistente nunha “mostra permanente de obxectos recollidos polos alumnos nas súas casas, propios da cultura tradicional popular”. Esta mostra foise ampliando co tempo con obxectos de fóra do Concello e da comarca e chegou a se converter nunha colección etnográfica incluída no censo da Consellaría de Cultura. No ano 2001, o Concello da Capela e o CEIP acordan crear unha asociación chamada Patronato do Museo Etnográfico da Capela, que nace con dous obxectivos principais: “a creación dun Museo Etnográfico, para albergar a Colección etnográfica, e a investigación, defensa e promoción da cultura galega, de tal forma que se fomente o aproveitamento dos recursos existentes, a contribución ao desenvolvemento sostible, a dinamización doutros sectores como a hostelería, artesanía, etc., e o desenvolvemento turístico do Concello”. A este importante proxecto uníronse desde o seu inicio tódalas asociacións veciñais, culturais… do Concello, ademais de socios particulares.
A casa do pazo, sé principal do Museo, é en si mesma mostra da cultura tradicional que acolle nos seus fondos: a estrutura de corredores, cortes, cociña e cuartos, os pendellos e outras edificacións anexas mostran unha grande diversidade de obxectos referencia na economía de subsistencia. Na planta baixa temos unha sala de audiovisuais e amósanse elementos singulares vinculados á cociña a ó coidado e mantenza dos animais. No andar superior represéntase o cuarto e varios oficios artesanais: zapateiro, follalateiro, zoqueiro, carpinteiro, cesteiro, tecelás e costureiras.
É no exterior onde se amplían os contidos: o forno, o hórreo na eira, nun alpendre a fragua e o burro de ferrar e noutro o carro e outras ferramentas do traballo agrícola (arados, grade, sachos, caínzo…), o palleiro, o picadeiro e o burro de serrar, a pedra dos millos, etc.
A maiores da casa do pazo, o Museo Etnográfico da Capela inclúe e ha incluír outros espazos: o parque etnográfico do Sesín (ao longo do río Sesín uns paneis explican o amplo aproveitamento tradicional das fragas: os muíños de auga (con dous deles restaurados e en funcionamento), o carbón vexetal, a recolleita das castañas, a casca das arbores (principalmente o carballo), etc), o Museo da escola representará a escola de principios do século XX, sendo o Machuco un exemplo de ferrería hidráulica, do que actualmente só se conserva o banzado construído totalmente en pedra, e as bases da que fora a ferrería.
O museo segue a funcionar cun forte fincapé na colaboración con asociacións e o mundo educativo, desde a propia comarca das terras do Eume até outros espazos máis distantes. Neste sentido é moi destacable o labor de organización de viaxes para coñecer elementos do patrimonio: a viaxe a Santiago de Compostela para facer unha ruta polas obras máis destacadas do mestre de obras capelán da catedral Lucas Ferro Caaveiro e visitar o Museo do Pobo Galego e o Museo Pedagóxico de Galicia, viaxe a Vilanova dos Infantes para participar na IX romaría etnográfica Raigame, viaxe ás Médulas e visita ao seu centro de interpretación, ou a xa tradicional Romaxe a Caaveiro, na impresionante paisaxe das fragas do Eume. Viaxes e visitas nas que destaca o empeño en coñecer outros exemplos de xestión do patrimonio ademais de ofrecer boa e reconfortante diversión cultural.
Complementando os contidos do museo, na súa páxina web temos boa mostra e información do amplo labor do padroado: novas acerca de xornadas, exposicións temporais e outras actividades, a revista O Retorno, coa posibilidade de descargar en formato pdf, galerías fotográficas, vídeos coma o Facendo o palleiro, de importante contido etnográfico, e outra información sobre localización, organización e visitas… Así, a consulta da páxina web é unha boa maneira de pórse en contacto con este interesante museo e preparar unha visita que sen dúbida nos reportará un mellor coñecemento da nosa realidade cultural.

Até novo aviso, os horarios de apertura do Museo serán:

Sábados e Domingos de 11h. a 14 h. e de 16 h. a 19 h. Para visitas fóra destes horarios, cómpre chamar ao telf. 981459022 (Secundino) ou 636729158 (Corral).

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman