Premio a Bernardo Máiz Vázquez

A Xunta Directiva da Asociación Galega de Historiadores, xunto a Murguía, Revista Galega de Historia, entregou o I Premio Manuel Murguía ao labor historiográfico.

Coincidindo coa véspera do 20 aniversario da AGH, a entidade decidiu entregar, xunto a Murguía, Revista Galega de Historia que cumpre os seus primeiros 20 números, o ‘Premio Manuel Murguía ao labor e mérito historiográfico’ a Bernardo Máiz Vázquez.

Prolífico investigador, para alén de docente de Historia, Bernardo Máiz (Ferrol, 1950) é mestre de varias xerazóns de historiadores e historiadoras.

Pioneiro na investigación sobre os movimentos sociais e a represión franquista no noso país, destaca no marco da súa produción a Tese de Doutoramento (1984) intitulada 1936-1964. A esquerda militante en Galiza, así como a obra Galicia na IIª República e baixo o franquismo (Edicións Xerais, 1988), respectivamente. Afondando monograficamente nesta última cuestión e a resistencia civil e armada ao franquismo cómpre destacar obras como a paradigmática Resistencia, guerrilla e represión. Causas e Consellos de Guerra. Ferrol, 1936-1955, editada por Edicións A Nosa Terra no 2004.

Aliás, son numerosas as achegas que ten realizado Máiz no coñecimento do mundo do Mar, con libros como Nautilus (Edicións Xerais, 1994) ou As embarcacións de pasaxe das rías galegas (Edicións Xerais, 2000), destacando o seu compromiso coa recuperación da cultura marítima tradicional.

O pasado mes de setembro unha nova obra de Bernardo Máiz, entre centos de artigos, ponencias, alén de libros, saía do prelo O Castelo de San Felipe. Cárcere e morte (Edicións Embora).

Todos estes méritos tivéronse en conta, -sumados aos que na acta da AGH relativa a esta cuestión achegamos ao final desta nova-, para lle conceder ao historiador galego Bernardo Máiz Vázquez o Premio Manuel Murguía ao labor e mérito historiográfico.

A distinción formalizaouse no marco dun xantar-homenaxe desenvolvido o pasado sábado 16 de outubro de 2010, na capital galega. O broche de ouro foi posto polos poemas Claudio Rodríguez Fer, Mónica Bar, a intervención de Carme Blanco e as pezas interpretadas polos cantores Mini e Mero d’A Quenlla.

Ao acto déronse cita cento cincuenta investigadores, amigos e activista; recibíndose máis de oitenta adhesións individuais e colectivas.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman