Aproximación ao estatuto xurídico da muller casada no século XIX

Síntese

A marxinación da muller ao longo do século XIX é unha realidade tanxíbel, xa que o seu papel se reduce ao ámbito estritamente doméstico, desigualdade soportada e consolidada polo sistema legal decimonónico. Nesta breve aproximación propomos un percorrido por algúns dos principais textos legais do século até chegarmos a un momento crucial da historia da Galiza e de España, como foi a revolución setembrina de 1868, cuxo efémero suceso configurou o escenario que posibilitaría a aprobación da Lei de matrimonio civil en 1870. Así, observarase que a consideración da muller e da institución matrimonial está moito relacionada co denominado problema relixioso. Coñecido o desmedido poder da Igrexa Católica nesta altura así como a súa participación directa nos asuntos temporais, desenvolveu unha lexislación do matrimonio que impuxo como única vía válida para o mesmo, aínda que a súa influencia achará fortes resistencias, creándose unha dinámica de tira-puxa sen precedentes.

Por un lado, da Constitución de 1812 á non promulgada de 1856, a Igrexa Católica consegue o favor do Estado, prohibindo o exercicio de calquera outra relixión. Só o texto constitucional de 1837, aplaudido polo sector liberal, suprimirá a referencia a aquel veto. Ademais, o contido da Constitución non nata de 1856 será preludio claro das profundas transformacións que se inician en Cádiz o 17 de setembro de 1868. Por outro lado, ao abeiro da “Gloriosa” elabórase a constitución promulgada un ano despois, garantindo a liberdade de cultos e abrindo o camiño para a aprobación da Lei de matrimonio civil en 1870, que significou un punto de inflexión na historia do Dereito español canto ao carácter xurídico do matrimonio, xa que até este momento sempre contemplara a adaptación das lexislacións civís nos seus aspectos máis substanciais aos ditados eclesiásticos. Alén disto, é aprobada na altura en que o debate sobre a “igualdade de sexos” irrompe no escenario político, e pretendía consolidar pequenos avances canto á consideración xurídica da muller casada. Non obstante, subsistirán obrigas legais que garanten a súa opresión, como demostra o contido dos Códigos penais de 1822 e 1870, sendo diferente a punición prevista no caso de adulterio masculino e feminino.

Finalmente, cómpre apuntar que nos textos legais decimonónicos analizados non encontramos ningún en que a muller sexa manifestamente definida como propiedade do home, aínda que este principio axiomático será o que determine claramente a súa orientación. Así, a desigualdade de dereitos na institución do matrimonio será só unha das moitas parcelas en que a liberdade da muller se ache minguada ou simplemente non exista, subordinación que se estende a todos os ámbitos. Con efecto, desde o momento do seu nacemento e até o día da súa morte, ficaba irremediabelmente baixo a tutela dun home: primeiro o pai e despois o esposo, e aínda que a soltaría lle confería certos dereitos que inmediatamente perdía ao contraer matrimonio, resulta doado imaxinarmos a violencia social exercida sobre aquelas mulleres que decidían ser solteiras ou por diversas causas non conseguían casar.

Da Constitución de Cádiz á non promulgada de 1856.

Na alborada do século XIX, a ocupación da España borbónica convértese nun dos obxectivos da desmedida ambición de Napoleón Bonaparte. Porén, as derrotas do exército francés perante o pobo galego nas batallas de Elviña (A Coruña) e Pontesampaio (Pontevedra), frustran, xa en 1809, os desexos de creación dun Imperio europeo, pretensión en gran medida responsábel do espallamento de ideas revolucionarias que permitirán que a Galiza de oitocentos coñeza transformacións profundas en todos os aspectos, incluída a revisión das implicacións legais do matrimonio, que chegará ben entrado o século. Deste modo, como resultado da exaltación producida polas novas teorías, en 1811, unha comisión extraordinaria presidida por Muñoz Torrero inicia o proceso de redacción da Constitución de Cádiz, promulgada definitivamente o 19 de marzo de 1812. O texto aseguraba a presenza maioritaria das clases altas revolucionarias na cámara das Cortes, -cuxos deputados eran escollidos por Xuntas provinciais mediante sufraxio universal masculino-, privilexiando o seu papel perante a coroa. Foi, malia isto, unha Constitución monárquica que estabelecía que “La religión de la Nación española es y será perpetuamente la católica, apostólica, romana, única verdadera. La Nación la protege por leyes sabias y justas y prohibe el ejercicio de cualquier otra” (Tít. II, cap. II, art. 12). O poder trocaba de mans e a revolución daba comezo, mais nesta primeira batalla a Igrexa consegue o favor do Estado, que nega a verdade doutros dogmas e se compromete a garantir a perennidade da relixión católica. A práctica, entendemos que pública ou privada, de calquera outra relixión diferente da oficial do Estado español, ficaba á marxe da lei, negándose a liberdade relixiosa que tampouco existira no Antigo Réxime absolutista, agora en profunda crise.

O 4 de maio de 1814, Fernando VII decreta a revogación desta Constitución, -que se ben non contempla a liberdade relixiosa entre as súas disposicións legais, si considera a Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán de 1789 como un dos principios que a alumaron-, restabelecéndose o Réxime absolutista até 1833, en que o monarca morre e María Cristina é nomeada raíña rexente. Xa en 1837, catro anos despois da reforma administrativa propiciada por Javier de Burgos en que o Reino de Galiza fica formalmente esborrallado, a rexente María Cristina sancionará unha nova Constitución, que substitúe o Estatuto Real que rexera até o ano anterior. Os xornais galegos fanse eco da noticia, como é o caso de El conciso correo de Galicia (núm. 10), que o 10 de xullo deste ano publica o poema “Al juramento de la Constitución de 1837”, dirixíndose aos “déspotas” que non a queren acatar, e convidándoos a contemplar a raíña rexente traer a liberdade de que se carecía: “Venid, reyes, venid… ved á Cristina / Jurar la libertad del pueblo hispano”. E tamén o número seguinte da publicación, de 11 de xullo, acolle nas súas páxinas o soneto “A la jura de la constitución de 1837” (núm.11), da autoría de Adolfo Ribelle, en que se proclama a liberdade que o recén aprobado texto constitucional ha de traer, xa que “(…) gloria, honor y libertad decreta”, escorrentando “la discordia, el terror, el fanatismo”, tamén en clara alusión aos postulados carlistas. Así, o ano en que Rosalía de Castro nace, as Cortes Xerais decretan e sancionan unha constitución aplaudida polo sector liberal, que estabelece que “la nación se obliga a mantener el culto y los ministros de la Religión Católica que profesan los españoles” (Tít. I, art. 11). Reducido sensibelmente o texto, e sobre todo suprimida a referencia á prohibición de profesar calquera outra relixión distinta da católica, os detractores da liberdade de cultos criticarán duramente esta mudanza, sen dúbida perigosa para os seus intereses. Segundo Manuel Rodríguez Alonso (1998: 139) cómpre non esquecer que

Los constituyentes de 1836 y 1837 rompieron con el carácter ético del texto de 1812 que, además de una racionalización del poder, pretendió reorganizar la sociedad. Ahora se adopta una orientación eminentemente programático-jurídica, generada por una concepción positivista que lleva a hacer una Constitución más moderada, pero a la vez más práctica, reducida estrictamente a lo necesario y útil en estos momentos. La Constitución de 1837 refleja así el nuevo espíritu que vive buena parte del mundo europeo-atlántico”.

E aínda no devalo do século, o xurista José María Antequera (1890: 471, 472) insiste en sinalar a insensibilidade relixiosa que o texto constitucional de 1837 representa, comparándoo co de 1812:

“El espíritu religioso que aún vivía en la Constitución de 1812, había decaído mucho en 1837. Ni la Constitución de este año proclamó la Religión católica como única verdadera, ni declaró que el Estado la protegía con exclusión de toda otra. Y es que la revolución seguía su camino, que la lleva siempre á la irreligión, ó por lo menos al indiferentismo”.

Após a renuncia da raíña María Cristina e o goberno de Espartero, é proclamada a maioría de idade de Isabel II, abríndose o proceso para a reforma constitucional. É a de 1845 unha Constitución que non mostra novidades a respecto das anteriores, -declara a unidade relixiosa e a confesionalidade do Estado (art. 11)-, o cal non acontece coa Constitución non promulgada de 1856 baixo o goberno de O´Donnell; malia non entrar en vigor, anuncia a liberdade de cultos que a revolución setembrina de 1868 propiciará, xa que segundo dita “(…) ningún español ni extranjero podrá ser perseguido por sus opiniones o creencias religiosas, mientras no las manifieste por actos públicos contrarios a la religión” (art. 14). Mais a teórica permisividade do texto constitucional que estivo vixente até 1868 contrasta co Código penal de 1851, que prevé a expulsión de territorio español polo tempo de condena de “el que celebrare actos públicos de un culto que no sea el de la Religión católica apostólica romana” (art. 129) ou o estrañamento perpetuo para “el español que apostatare públicamente de la Religión católica apostólica romana” (art. 136).

A revolución setembrina de 1868.

O 17 de setembro de 1868 iniciábase en Cádiz “A Gloriosa”. Despois da caída do goberno presidido por González Bravo, o 8 de outubro de 1868, instaurábase un goberno provisorio presidido por Francisco Serrano. Pois ben, a liberdade de cultos estará tamén presente no manifesto que o novo gabinete publicará o 25 de outubro, asinado polo presidente do Goberno español e mais os seus ministros[1], e que proclama, ademais, a liberdade de ensino, de imprenta e de reunión e asociación pacíficas. A política relixiosa do novo goberno ficara xa clara na medida de supresión da Compañía de Xesús[2] por decreto o 12 de outubro de 1868, disposición adoptada polo avogado galego Antonio Romero Ortiz, ministro de Graza e Xustiza na altura. Por tanto, unha das transformacións cuxo carácter urxente esixía mudanzas inmediatas era precisamente acadar a ansiada liberdade relixiosa, servíndose os asinantes deste manifesto, -moi habilmente-, de argumentos como a loita contra o “indiferentismo”, que era precisamente unha das críticas que os seus detractores repetían decote. No fondo, achamos que o que está na mente de Serrano e dos seus ministros é dinamitar un dos principais alicerces da dinastía borbónica, a Igrexa Católica, cuxo desmesurado poder e influencia era imprescindíbel derrubar:

“La corriente de los tiempos, que todo lo modifica y renueva, ha variado profundamente las condiciones de nuestra existencia, haciéndola más expansiva, y so pena de contradecirse, interrumpiendo el lógico encadenamiento de las ideas modernas, en las que busca un remedio, la Nación española tiene forzosamente que admitir un principio, contra el cual es inútil toda resistencia. No se vulnerará la fe hondamente arraigada porque autoricemos el libre y tranquilo ejercicio de otros cultos en presencia del católico; antes bien, se fortificará el combate, y rechazará con el estímulo las tenaces invasiones de la indiferencia religiosa que tanto postran y debilitan el sentimiento moral. Es, además, una necesidad de nuestro estado político y una protesta contra el espíritu teocrático, que a la sombra del poder recientemente derrocado se habia injerido con pertinaz insidia en la esencia de nuestras instituciones, sin duda por esa influencia avasalladora que ejerce sobre cuanto la rodea, toda autoridad no disentida ni contrarrestada”.

Os principios revolucionarios que este manifesto enarbora van ser efectivamente plasmados na Constitución de 1869, que é especialmente coidadosa na redacción do seu artigo 21[3]. Na realidade, o peso da tradición católica esixía do Estado un compromiso claro que garantise a súa perpetuidade, e por isto “la Nación se obliga a mantener el culto y los ministros de la religión católica” (art. 21). Ora ben, após tranquilizar o sector conservador deste xeito, non vacilan en estabelecer que “el ejercicio público o privado de cualquiera otro culto queda garantizado (…), sin más limitaciones que las reglas universales de la moral y del derecho” (art. 21). Con todo, o éxito acadado pola Constitución canto á liberdade relixiosa non será definitivo nin logrará consolidarse, como tampouco a propia revolución soubo fortalecerse e asentarse, á vista da información que o xornal liberal El independiente nos brinda no seu número 9, na data do 28 de xullo de 1869, en que critica que “la obra de la revolución no ha llegado todavía al período de su completo desarrollo (…)”, debido á incapacidade dos seus líderes para responderen con contundencia ás necesidades que o proceso foi reclamando. Con todo, hai lugar tamén nas súas páxinas, o 29 de setembro do mesmo ano, por exemplo, para a conmemoración e exaltación da revolución:

Las demasías de los tiranos, los excesos de una corte corrompida, la odiosa dominación teocrática [subl. noso], habian excitado de tal manera la indignación de los hijos de este gran pueblo que produjo tantos héroes y ofreció al sacrificio tantos mártires en aras de la libertad”.

Pasado o fervor revolucionario, non son poucos os xornais de marcado carácter conservador que seguen a cargar as tintas contra a revolución setembrina de 1868 e as súas consecuencias. O 31 de agosto de 1872, El eco de Galicia (núm. 62) publica un artigo en que se analiza a etioloxía daquela revolución “producto de los vicios y errores de la sociedad”, á diferenza das revolucións en cuxa xénese existe “alguna idea moral, una aspiracion siquiera hácia un órden mejor de gobierno, ó un ideal elevado que tienda á perfeccionar la sociedad”. A publicación luguesa considera que os promotores da mesma fracasaron na súa consolidación, non sendo suficientes as moitas reformas que, como vimos de ver, foron postas en marcha. Catro meses despois, o 21 de decembro do mesmo ano, insístese na excesiva liberdade que a revolución instaurara, tamén coa liberdade de cultos e a aprobación da lei de matrimonio civil que veremos, non explícitas no texto, mais sen dúbida ningunha orixe dalgunha das afirmacións proferidas:

Desde Septiembre de 1868 tenemos en España una libertad hasta ahora desconocida porque no reconoce límites. El robo, el asesinato, la felonía, la depravación, la falsía, el cinismo, en fin, es lo que los hombres de Septiembre han traido á la nacion procurando por estos medios conducirla al más refinado sibaritismo en que hoy dia se halla”.

Por seu lado, a Constitución promulgada o 30 de xuño de 1876 aproba o exercicio doutros cultos diferentes do católico, mais agora só no ámbito privado, xa que “no se permitirán, sin embargo, otras ceremonias ni manifestaciones públicas que las de la religión del Estado” (art. 11). O artigo retoma a liña de grande parte dos textos anteriores a 1868, como é o caso da Constitución de Cádiz, que prohibía o exercicio de calquera outra relixión diferente da Católica, consolidándose agora a liberdade relixiosa unicamente no ámbito privado, demasiado lonxe xa dos froitos homes de Setembro acadaran.

A Lei de matrimonio civil de 1870.

Aprobada o 18 de xuño de 1870, a Lei de matrimonio civil comportou a uniformización da lexislación española canto á celebración do matrimonio, instituíndo por vez primeira a obrigatoriedade do seu carácter civil en todo o Estado e recoñecendo a súa natureza perpetua e indisolúbel[4], malia que a súa celebración debía obrigatoriamente ser perante un xuíz municipal, sendo así mesmo necesarias licencias canónicas para os que profesaran nalgunha orde relixiosa ou foran ordenados in sacris, se desexaban oficiar matrimonios (…).

Diego Pardo Amado, doutor en Filoloxía pola UDC.

Máis en Murguía, Revista Galega de Historia nº15/16.

Nas mellores libarías do país!


[1] Os unionistas Juan Prim, Juan Álvarez de Lorenzana, Práxedes Mateo Sagasta, Laureano Figuerola e Manuel Ruíz, e mais os progresistas Antonio Romero Ortiz, Juan Bautista Topete e Adelardo López de Ayala.

[2] Creada por Íñigo López de Loyola (1491-1556) e confirmada por Paulo III en 1540, a Compañía de Xesús foi moi relevante na educación. Destacamos os versos de Manuel Curros Enríquez pertencentes ao poema “Diante unha imaxe de Íñigo de Loyola”, en que é precisamente a crítica á súa figura o centro do texto: “A místeca alegría no sembrante, / no peito a ira, o sono na mirada / ben te conezo, Euménide sagrada, / trenca virtú, católico bergante. / Treidora do Evanxelio á lei amante, / a Esposa dos Cantares, desleigada, / tivo tratos co demo e desta allada / naciches ti, ¡parásito trunfante! / Mais ¿que fas nese altar roubando preces, / xenio da intolerancia soberano, / ti que tan sólo maldiciós mereces? / ¿Ti, que trocaches a Cristo nun tirano / ós saiós i os verdugos en xueces, / i en fouce a Dios do pensamento humano?”.

[3]A constitución de 1869 foi obxecto dunha ardua discusión parlamentaria, cuxo motivo foi o artigo 21 do texto definitivo. Os demócratas defendían a liberdade de cultos e a separación de Igrexa e Estado; os unionistas admitían a tolerancia e os representantes da dereita propugnaban a unidade relixiosa. Interveñen na discusión parlamentaria Olózaga, Romero Ortiz, Figueras, Cánovas, Ríos Rosas, Echegaray, Moret, Montero Ríos, Becerra y Mata… ademais, é célebre o discurso de Castelar na sesión de 12 de abril de 1869, respondendo a Manterola e proclamando as excelencias da liberdade de cultos.

[4]A lei sostén esta definición no seu artigo 1, de modo que o divorcio non significará a disolución do matrimonio, senón soamente a suspensión da vida común dos consortes, tal e como se desenvolve nos artigos 83 e 90. Ademais, esta defensa da indisolubilidade do matrimonio áchase mesmo na declaración de motivos da citada Lei, todo o cal conduce algúns autores a sinalaren o paradoxo que significa que un Estado arredado de correntes confesionais defenda como principio integrador a indisolubilidade, apoiándose na tradición xurídica española. Cfr. Pellisé (1978: 6,7).

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman