Homenaxe ás vítimas do réxime franquista na comarca de Verín

Segundo recollemos da web nacional da Confederación Intersindical Galega (CIG), a Unión Local da CIG de Verín organizou o pasado 21 de xullo, nas víspera do Día Nacional de Galiza, un acto ao ar libre en homenaxe ás vítimas do franquismo nas comarcas de Monterrei e Conso Frieiras. A cita foi na Praza da Mercede a partir das 21.30 horas e contou coa participación de numerosos veciños e veciñas, que asistiron á proxección dun documental sobre a represión fascista na zona e á festa popular posterior.

A parte central da homenaxe consistiu na proxección dun documentario, realizado propiamente para esta celebración, no que se analizan os sucesos que aconteceron na vila de Verín hai 75 anos, entre o día 20 e 22 de xullo de 1936, relativos a conformación dunha milicia popular armada para a defensa da República e contra o golpe de Estado.

Unha iniciativa fallida que daría lugar posteriormente  á detención de ducias de persoas da comarca, polo seu compromiso democrático, e á formación dun consello de guerra contra o alcalde, a corporación republicana da vila, así como sindicalistas e outros políticos que serían fusilados naquel verao de 1936 no cuartel ourensán de San Francisco. Outros militantes antifascistas da vila foron condenados a penas de máis de 20 anos de reclusión, para alen dos que se viron forzados a escapar da súa Terra, quer marchando e resistindo no monte, quer alén mar.

O acto, que contou coa presenza, entre outros, do historiador Dionísio Pereira, rematou após a proxección do devandito documentario cunha festa popular en homenaxe a todos as persoas que foron reprimidas, fusiladas, encarceradas, escapadas, exiliadas e executadas polo terrorismo falanxista e franquista nas comarcas de Verín e Conso Frieiras.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman