Entre a familia e a devoción: unha aproximación histórica á onomástica na comarca eumesa (séculos XVII-XIX)

Sinopse

Son múltiples os indicadores que poden aproximarnos ao estudo da difusión das devocións populares e da repercusión das reformas introducidas no seo da relixión católica tras o Concilio de Trento (1545-1563). A onomástica, considerada como un destes elementos indicativos, será a utilizada neste traballo, por unha banda, para coñecer os cambios e permanencias, é dicir, as tendencias xerais da devoción relixiosa entre os fregueses de San Cosme de Nogueirosa desde finais do século XVII ata comezos do XIX e, por outra, para intentar explicar as causas desas transformacións ou pervivencias. Nogueirosa, sita na xurisdición de Pontedeume[*] e pertencente á antiga provincia de Betanzos, actual provincia da Coruña, é a parroquia rural máis poboada da vila e, por iso, foi a seleccionada como o noso obxecto de análise, co fin de ofrecer un panorama extensible á zona do Eume .

Palabras chave: Familia, devoción, onomástica, Eume, San Cosme de Nogueirosa.

Abstract: There are multiple indicators which can lead to the study and dissemination of the popular devotions as well as the repercussions introduced at the heart of the Catholic Religion after the Council of Trent (1545-1563). This paper will look at the onomastica role as one of these indicative elements in order to, on the one hand, explore the changes and permanencies of the general religious devotion trends among San Cosme de Nogueirosa’s parishioners from the late seventeenth to the early nineteenth century and, on the other, according to this, to try  to explain the causes of such transformations and reminiscences.

Key words: Family, devotion, onomástica, Eume, San Cosme of Nogueirosa.

Presentación, metodoloxía e fontes.

O recurso á onomástica como instrumento para o estudo das devocións relixiosas retrotráese aos anos setenta do século pasado cando algúns historiadores, como M. Vovelle para a zona da Provenza ou Mª N. Amorim para Rebordãos[1], empregaron as estatísticas dos nomes recollidos nos testamentos, o primeiro, e nas actas de bautizados, a segunda, co fin de intentar medir as devocións máis populares neses lugares. Este método, utilizado desde entón por múltiples investigadores co propósito de achegarse ao estudo das mentalidades, foi empregado tamén, sobre todo para a Idade Media a partir dos traballos do Groupe de Recherches sur l’Histoire de l’Anthroponymie Médiévale, para aproximarse a outras cuestións como as relacións de poder, a cristianización, as migracións, etc[2]. De feito, o estudo diacrónico dos antropónimos atribuídos aos recentemente nados nun territorio determinado, así como a súa evolución no tempo, pode e debe concibirse como un discrète et timide auxiliaire de l’histoire sociale[3].

No entanto, o emprego deste método presenta unha serie de vantaxes e inconvenientes que deben ser tidos en conta ao iniciar a investigación e que foron postos de relevo por diversos autores.

Unha das principais virtudes do estudo da onomástica é que o nome, atributo que identifica e particulariza a cada unha das persoas que conforman unha comunidade e que é outorgado no momento do nacemento ou do bautismo, eríxese como un instrumento de análise universalmente estendido e constante no tempo para estudar estes fenómenos e, en ocasións, o único[4]. A esta condición habería que engadir que a onomástica, como aínda sucede actualmente, estivo sometida a cambios rápidos e constantes que a converteron no espello onde se reflectía el fluctuante mundo de las llamadas “devociones populares”[5].

Con todo, aínda que os factores relixiosos sexan moi importantes na elección do nome, non se pode establecer unha relación directa entre este e as crenzas relixiosas do contorno do bautizado pois existen, como veremos, outros factores que axudan a explicar a súa elección e que non responden ás preferencias reais dos individuos. Entre eles destacan os familiares -a importancia da tradición familiar ou dos padriños, que nun número elevado de casos transmiten o seu nome ao seu afillado-, os sociais –o peso dos membros máis destacados, económica e socialmente, da comunidade que condicionan a selección–, os culturais –o santo do día do natalicio ou do bautismo ou a propia moda, é dicir, a inercia na imposición dun apelativo repetidamente nunha parroquia- ou, incluso, os rexionais –influencia de determinadas congregacións, santuarios, etc.–[6]. Así mesmo hai que ter en conta que existen diversas devocións con gran raizame popular que non quedaron rexistradas na onomástica[7], de aí que sexa necesario compaxinar esta análise coa doutras variables como son as esmolas, as confrarías, as misas, as mencións nas mandas testamentarias, etc[8].

Nogueirosa pertenceu, atendendo á complexa organización do espazo no Antigo Réxime, ao arciprestazgo de Pruzos (diocese de Santiago de Compostela), ao partido de Pontedeume (provincia de Betanzos ata a reforma provincial de Javier de Burgos en 1833) e ao señorío xurisdicional da Casa de Lemos[9], e foi parroquia matriz sendo o seu anexo, en época moderna, San Martiño de Andrade. Esta freguesía contaba en 1752 con 330 habitantes, distribuídos en 78 fogares predominantemente nucleares (66,7%) e con dedicación agrícola (63%), poboación que irá en aumento desde 1670 ata 1840 …

Beatriz Castro Díaz

Máis en Murguía, Revista Galega de Historia 23-24


[*] O concello, que conta cunha extensión de 29,3 km2, componse, actualmente, de sete parroquias: unha urbana, Santiago de Pontedeume, e seis rurais, San Martiño de Andrade, Santiago de Boebre, Santa María de Centroña, San Cosme de Nogueirosa, Santa María de Ombre e San Pedro do Vilar. Con todo, durante o Antigo Réxime, a xurisdición estaba dividida en dúas alcaldías, unha maior e outra ordinaria. A maior comprendía Santa María de Ombre, San Pedro do Vilar, San Cosme de Nogueirosa (agás o seu lugar de Rega, que correspondía a Callobre), San Martiño de Andrade, San Xoán de Piñeiro, Santa María de Miño, San Martiño do Porto, San Miguel de Breamo, Santa María de Centroña, Santo Tomé de Bemantes e San Vicente de Mehá. Mentres que a ordinaria constaba das freguesías de San Mamede de Laraxe, San Xurxo de Magalofes, Santiago de Franza, San Salvador de Maniños, Santa María de Sillobre (agás o seu coto de Velelle, que pertencía á xurisdición de Caaveiro), San Salvador de Fene, San Esteban de Perlío, San Xorxe de Torres, San Cristóbal de Güimil, Santiago de Vilamateo, Santiago de Barallobre, Santa Eulalia de Limodre, Santiago de Boebre, Santa María de Doroña, San Pedro de Grandal e a vila de Pontedeume. Véxase COUCEIRO FREIJOMIL, A., Historia de Puentedeume y su comarca, Pontedeume, 1971, p. 268.

[1] Véxase VOVELLE, M., Piété baroque et déchristianisation en Provence au XVIIIe siècle, Saint-Amand, 1973, pp. 175-182 e SIMAS BETANCOURT AMORIM, M. N., Rebordãos e a sua população nos séculos XVII e XVIII (estudio demografico), Lisboa, 1973, pp. 55-56.

[2] Véxase BOZON, M., “Histoire et sociologique d’un bien symbolique, le prénom”, Population, 1 (1987), pp. 83-84; GONZÁLEZ LOPO, D. L., “Onomástica y devoción: la difusión de nuevos cultos marianos en la Galicia Meridional durante los siglos XVIII y XIX: el obispado de Tuy”, Obradoiro de Historia Moderna, (1992), p. 166, nota 1; e MARTÍNEZ LÓPEZ, X. M., “Estudio da evolución onomástica na Parroquia de Santa Columba de Louro alias Cordeiro 1630-1850”, en II Premio de Investigación “Xesús Ferro Couselo”, 1997, Valga, 1998, pp. 183-185.

[3] LARQUIÉ, C., “Mentalités et comportements à l’époque moderne: le prénom des enfants madrilènes aux XVIIe  et XVIIIe siècles”, en AMALRIC, J-P. (ed.), Pouvoirs et société dans l’Espagne Moderne: hommage à Bartolomé Bennassar, Toulouse, 1993, p. 125.

[4] GARNOT, B., “Les prenoms populaires à Chartres au XVIIIe siècle”, Revue historique, 561 (1987), p. 3.

[5] SAAVEDRA FERNÁNDEZ, P., La vida cotidiana en la Galicia del Antiguo Régimen, Barcelona, 1994, p. 322.

[6] A este respecto véxase VOVELLE, M., op. cit., pp. 175-180; GONZÁLEZ LOPO, D. L., op. cit., pp. 166-167; AUGUSTINI, M., “Noms de baptême dans quatre paroisses de la Beauce et du Perche au XVIIe siècle”, Population, 2 (1989), pp. 445-451 e GARNOT, B., op. cit., p. 9.

[7] SOBRADO CORREA, H., “Evolución de las devociones populares en la Galicia interior del Antiguo Régimen a través de la onomástica”, Boletín de estudios del Seminario “Fontán-Sarmiento” de hagiografía, toponimia y onomástica de Galicia, 19 (1998), p. 69.

[8] GONZÁLEZ LOPO, D. L., op. cit., p. 167.

[9] Este territorio pertenceu, ata a súa fusión coa casa de Lemos, aos Andrade, familia que adquiriu verdadeira notoriedade mercé ás doazóns que Henrique II de Trastámara fixo a Fernán Pérez o Bóo por privilexio o 19 de decembro de 1371 no que se incluían os señoríos de Ferrol e Pontedeume, con todas as súas aldeas, termos e xurisdicións. De feito, é nas terras de Nogueirosa onde se atopa o castelo de Andrade. COUCEIRO FREIJOMIL, A., op. cit., p. 109.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman