Atopados. As fosas de San Xián – O Rosal. Un modelo de exhumación

Resumo.

No mes de abril de 2009 o Instituto de Estudos Miñoranos procedeu á apertura de tres fosas comúns de vítimas da persecución franquista. Dúas delas localizadas no cemiterio de San Xián, no Concello d’O Rosal, a terceira no cemiterio municipal de Baiona. As dúas primeiras escavacións tiveron resultado positivo. Exhumáronse cinco cadáveres, tres nunha das fosas e dous na outra. Foron identificados tres dos cadáveres e os restos entregados aos familiares, os outros dous son “desaparecidos”; dun deles hai noticias orais, do outro nin iso.

Na terceira das fosas, a de Baiona, onde foron soterrados os nove veciños do Val Miñor asasinados na Volta dos Nove[1], na  estrada camiño d’A Guarda, a poucos quilómetros de Baiona, apareceu un revolto de ósos resultado das obras realizadas con motivo da ampliación do cemiterio, na década dos cincuenta do pasado século.

Foi a primeira e única vez en que unha institución estatal, a Xunta de Galicia, impulsou, coordinou e sufragou exhumacións de vítimas do franquismo.

Abstract.

In April 2009, the Instituto de Estudos Miñoranos opened three mass graves containing victims of the Franco regime. Two of the graves were located in the cemetery of San Xián, in the Council O Rosal, the third in the municipal cemetery of Baiona. The first two excavations produced positive results. Five bodies were exhumed, three in one grave and two in the other. Three of the bodies were identified and the remains delivered to the victims’ relatives. The other two are “desaparecidos”; there is word-of-mouth information about one of them, but not even that about the other.


In the third grave, situated in Baiona, where nine neighbours of Val Miñor were buried, those who had been murdered in Volta dos Nove, by the road to A Guarda, a few kilometres from Baiona, we found a mass of bones as a result of the works carried out for the enlargement of the cemetery, in the fifties of the last century.

It was the first and only time in which a state institution, the Xunta of Galicia, gave impulse, coordinated and paid to exhume victims of the Franco regime.

1.- Abilio e Manuel. Os portugueses de Chaín.

Cando o meu veciño Álvaro viña armar, atar ou sulfatar as viñas, ao remate dos labores botabamos longas parrafeadas. Entre medias destas demoradas conversas, aos poucos, souben que mataran ao seu pai, no 36. A memoria foise destecendo co paso das xornadas. Informoume que ademais de ao seu pai, Abilio Araújo Barboza, mataran tamén a outro veciño da nosa parroquia, Chaín, coñecido como Manuel de Lucinda. Pouco máis sabía…, que os mataran para un lado de Oia…, polos primeiros de febreiro e que tamén mataran a un mozo, veciño de Gondomar aínda que non natural do concello, que traballaba como “palero”, isto é, metía o pan no forno, na panadería de Laureana.

Nas nosas conversas Álvaro cometía unha imprecisión. Coidaba que o crime fora en febreiro do 1936, ata que fun quen de aclararlle que tivera que ser no 37. Pola contra, precisaba con exactitude que eran sobre as dez ou once da mañá, cando el (un cativo de nove anos) andaba co seu pai atando as viñas na Mourisca, o mesmo lugar das nosas conversas, cando se achegou un home, “O Xirico”, que era taxista e falanxista, e díxolle ao seu proxenitor que tiña que baixar a Gondomar, que o Rúa, Cabo da Garda Civil, tiña que falar con el. Que non se preocupase que era para prestar declaración. Xa non volveu!, remataba Álvaro.

Ao longo do 2007 andei polos rexistros civís dos concellos do sur da provincia de Pontevedra na procura de datos sobre miñoráns asasinados no xenocidio posterior ao golpe de estado de 1936. Non foi no de Santa María de Oia, senón no d’O Rosal onde, na compaña da xenerosidade infatigable de Xosé Lois Vilar, batemos  coas actas de defunción de Abilio e Manuel de Lucinda.

Na páxina 343 do tomo 30 da sección 3ª do Rexistro Civil d’O Rosal aparecía, inscrita, o 14 de marzo de 1937,  a defunción de Manuel Prudencio del Rosario, de 33 anos, natural de Santa Aré (coidamos daquela e confirmamos posteriormente que se trataba de Santarém), provincia de Lisboa, Portugal. Indica tamén que estaba domiciliado en Chaín, Gondomar, e que era xornaleiro de profesión. A redacción do apartado sobre o estado civil non deixa de ser curioso, a el referirémonos máis adiante, di: “casado con Lucinda Penedo en mil novecientos treinta y seis” e a acta continúa “y que según los datos facilitados por la fuerza de la G. Civil”, faleceu, non indica o lugar, “el día 11 de febrero último” e engade que a morte foi a consecuencia de “heridas de armas de fuego por disparos de la Guardia Civil según resulta de los informes adquiridos”. Estes datos poden levarnos a pensar que ou ben pretendían facelos pasar por escapados da xustiza (“fuxidos”) e xustificar así  a súa morte ou xustificar a súa morte en aplicación da “lei de fugas” ou simplemente un escribán pouco hábil implicou directamente á Garda Civil nas mortes. O relato documental non coincide coa información oral que nos di que do grupo de asasinos formaba parte algún Garda Civil pero tamén varios falanxistas da vila de Gondomar. Sinala tamén a acta que foi soterrado no cemiterio “anejo a Sanjian” e que a inscrición se practica en virtude de “mandato judicial”.

Na páxina seguinte, 343, aparece recollida a defunción de Abilio Araújo Barbosa, de 36 anos, natural de Coura, Portugal, fillo de Casimiro e de Rosa, domiciliado en Chaín, Gondomar, de profesión xornaleiro e casado con Esperanza Losada, natural de Chaín. O resto da acta é similar, engadindo, como no caso anterior “que no pudieron obtenerse otros datos” (…).

Carlos Méixome.

Máis en Murguía, Revista Galega de Historia 23-24!


[1] Ver Méixome, C. e Vilar, X.L.: “A Volta dos Nove. notas para unha historia da represión franquista no Val Miñor” en Murguía, Revista Galega de Historia, nº 7/8 maio-decembro de 2005.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman