Disquisicións e imprecisións históricas

Editorial Murguía, Revista Galega de Historia 23-24.

É común achar imprecisións históricas en libros de divulgación, así como en publicacións non especializadas á hora de tratar o pretérito. Realidade que por regra xeral pásase por alto. Ora, non é mester que institucións dedicadas a pór en valor a historia, formadas por investigadores e historiadores de renome, hoxe en día cometan imprecisións de especial relevo. Cando menos, non é desexábel e de acontecer hai que se preguntar de onde deriva a orixe, e posíbel intencionalidade, destas cando se daren da man de persoas, como dicimos, intelectualmente capaces.

Vén a colación este comentario da edición hai meses dos primeiros 25 tomos do intitulado Diccionario Biográfico Español, unha obra con máis de 40.000 biografías de persoeiros, clasificados como senlleiros na ‘historia española’; promovido e editado pola Real Academia de la Historia. Nesta compilación é chamativo que do ditador Francisco Franco se indique que artellou “…un régimen autoritario, pero no totalitario“, disquisición que contribúe á confusión intencionada a respecto de quen era o xeneral Franco e que perseguía (…e executou) o máximo responsábel do golpe militar reaccionario españolista de xullo do 1936; pedra angular da ditadura que se desenvolveu oficialmente entre o 1939 (mais operativa desde o 1 de outubro do 1936) e novembro do 1975.

De tendenciosa pode ser cualificada a obra en cuestión, ao vermos que non é cousa dunha das biografías, senón de varias, a presenza da devandita liña discursiva, habendo unha clara reiteración a este respecto en diversas entradas biográficas. Óllese a lindeza dedicada, por exemplo, ao Goberno do socialista Juan Negrín na biografía de Manuel Azaña no marco da devandita obra, cualificando a aquel no plano gobernamental de “…prácticamente ditatorial”.

Tiren vostedes as súas conclusións…

****

No presente volume de Murguía, Revista Galega de Historia abrimos as páxinas da sección Fontes cun documento inédito da autoría de Xosé María Álvarez Blázquez, intitulado Nosotros, los vencidos. Unha reflexión realizada en pleno franquismo a respecto do mesmo, que é introducido para a ocasión polo profesor da Universidade da Coruña (UdC) Celso Álvarez Cáccamo, fillo do propio Álvarez Blázquez, a partir do texto Nós, os resistentes.

De seguido, dous textos lembran á persoa e ampla dimensión de Francisco Fernández del Riego. O primeiro é de Salustiano Mato, Reitor da Universidade de Vigo (UVigo), e o segundo da investigadora María Dolores Villanueva Gesteira, pronunciados no marco da homenaxe que organizou a asociación estudantil da UVigo no Campus das Lagoas e que, para alén de dúas conferencias pronunciadas polos profesores Justo Beramendi e Uxío-Breogán Diéguez, rematou coa plantación dun pradairo no propio campus universitario.

A figura de Prisciliano abre a sección Investigación, da man do doutor en teoloxía e relevante investigador Victorino Prieto Pérez. Este estudoso achéganos a un persoeiro central da historia galega. A continuación, Beatriz Castro Díaz, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), aproxímanos á onomástica histórica na bisbarra do Eume entre os séculos XVII e XIX, para dar paso a dúas investigación que xirar arredor da represión franquista e a memoria histórica. O primeiro destes traballos vén da man de Carlos Velasco Souto, profesor da Universidade da Coruña, quen fai unha retrospectiva do traballo realizado a este respecto en clave historiográfica nas últimas décadas. Por outra banda, Carlos Méixome, docente e directivo do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), fai público o proceso de exhumación na primavera de 2009 de tres fosas comúns que derivaron no achado de cinco cadáveres completos, así como un conxunto de ósos revoltos, derivados da devandita represión españolista.

A seguir, conversamos con Ana Cabana Iglesia, profesora da USC, a partir da súas pescudas e a obra da súa autoría Xente de Orde. O consentimento cara o Franquismo en Galicia, resultado en boa medida da súa Tese doutoral (2006) titulada Entre a resistencia e a adaptación: a sociedade rural galega no franquismo (1936-1960).

Así mesmo, en Lembranzas volvemos a ollada cara a posta en andaina do Galeusca historiográfico, impulsado no 2008 desde Galiza a partir da iniciativa de Murguía, Revista Galega de Historia e a Asociación Galega de Historiadores.

Aliás, visitamos o Centro Etnográfico da Terra de Montes (CETMo), a través de tres dos seus activos, nomeadamente Lola Varela, Dionísio Pereira e Alfredo González. Estes dan o relevo a Beatriz Catro e Alberte Lago á hora de presentarnos en Lecturas as obras Emigración e Educación (1900-1936). I Centenario das Escolas da Unión Hispano-Americana Valle Miñor (1909-2009), obra coordenada polo profesor da UdC Xosé M. Malheiro, Europe’s Lost World: The Rediscovery of Doggerland, da autoría de V. Gaffney, S. Fitch e D. Smith e A Igrexa na Galicia Medieval, de Mercedes López-Mayán Navarrete.

Pechamos as páxinas deste número duplo de Murguía coa sección A Rede, na que Eulalia Simal expón o especial interese que os audiovisuais teñen para o ensino da historia, presentándonos varias páxinas-e polas que navegar.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman