IGALHIS

No ano 1990 creábase a Asociación Galega de Historiadores (AGH) na Faculdade de Xeografía, Historia e Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela. Desde 1992 comezou a desenvolver a AGH as Semanas Galegas de Historia (SGH) e os Congresos de Novos/as Historiadores/as (CNH). Durante quince edicións e dúas décadas e media de vida teñen sumado estes encontros científicos a máis de cento cincuenta investigadoras e investigadores, nos que a AGH tivo varias directivas, encabezadas por Antonio Balboa Salgado (1991-1993), María Seijas Montero (1996-1999), Javier Rodríguez (1999-2001).

A partir do ano 2001 a AGH comezou unha nova etapa, impulsándose unha nova directiva que estaría composta polo grupo fundacional de Murguía, Revista Galega de Historia, que conformaban o ‘Colectivo Murguía’. Alexandra Cabana Outeiro e Uxío-Breogán Diéguez Cequiel cofundarían e serían quen encabezarían o colectivo, así como quen asumirían a vice-presidencia e presidencia, respectivamente, da nova directiva da AGH naquela altura. Impulsando no 2003 a edición de Murguía, Revista Galega de Historia entre o devandito colectivo e a AGH. Daquela anovada directiva da AGH tamén farían parte, como vogais e en distintos momentos, Marío Cotelo Felípez, Alberte Lago Villaverde, Xohán Xosé Fernández Callón, Carlos Velasco Souto, Beatriz Castro Díaz e Prudencio Viveiro Mogo.

No ano 2011 foi elexido novo presidente da AGH Carlos Velasco Souto, profesor da Universidade da Coruña, xunto a Beatriz Castro Díaz, historiadora e profesora de ensino secundario, que asumiría a secretaría da entidade. En paralelo impulsouse desde Murguía, Revista Galega de Historia o Instituto Galego de Historia (IGALHIS).

O IGALHIS e a AGH manteñen unha relación fraternal, comprometéndose as dúas entidades a desenvolver actividades conxuntas. É o caso das SGH, téndose convocado e realizado no 2012, de maneira conxunta, a XIV Semana Galega de Historia baixo o título “Franquismo, Investigación Historiográfica e Memoria Histórica”.

 

Roteiro pola cidade da Coruña, celebrado o 28 de xuño de 2017,

co-organizada polo IGALHIS xunto á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica.

 

Preside o IGALHIS Uxío-Breogán Diéguez, profesor da Universidade da Coruña e doutor en historia contemporánea pola Universitat de Barcelona; participando da directiva o historiador Prudencio Viveiro Mogo, especialista na Galiza do século XIX; a profesora da Universidade da Coruña Sara Carou García, especialista en historia do Dereito Penal e a prisión; a historiadora e profesora de ensino secundario Beatriz Castro Díaz e o historiador e profesor de ensino secundario Alberte Lago Villaverde, especialista en historia medieval galega.

 

Exemplares de Murguía, Revista Galega de Historia

O IGALHIS é desde o ano 2011 a entidade editora de Murguía, Revista Galega de Historia, dando lugar a unha dupla colección editorial: “Monografías” e “Colectiva”, a partir das cales se promove a investigación e divulgación da Historia de Galiza, obxectivos centrais da devandita institución.

Dúas coleccións que reforzan a edición e labor de Murguía, Revista Galega de Historia , da que saíron do prelo até o momento trinta e tres volumes, publicación ininterrompida desde o ano 2003.

 

 

 

 

Vista xeral do II Curso de Verán Ciencias Sociais, Educación e Sociedade, desenvolvido na Universidade da Coruña, a iniciativa do IGALHIS.

 

 

 

 

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman