Normas de publicación

Murguía, Revista Galega de Historia, publicación galega de periodicidade semestral, de ámbito internacional e centrada na historia das galegas e galegos en territorio ibérico e na diáspora, réxese polas seguintes normas de edición:

Orixinais e temática. Recibiranse traballos de investigación inéditos escritos preferentemente en galego ou portugués, mais tamén en español*, e que se refiran, preferentemente, á Historia Galiza e das súas xentes desde calquera disciplina das Ciencias Sociais (historia, xeografía, socioloxía, economía, filoloxía…) e desde calquera tempo histórico, así como desde calquera enfoque ou temática, incluíndo neste sentido a edición de fontes documentais. Tamén se poderán achegar recensións de libros. Igualmente poderanse achegar artigos de investigación e/ou fontes arredor da Historia doutros países e espazos, nomeadamente de Europa e América.

Aceptación de orixinais e Sistema de avaliación: A aceptación previa dos orixinais para a súa publicación dependerá, de inicio, da decisión do Consello Editorial. Unha vez acepte o Consello Editorial a publicación dun orixinal (en base á solvencia e novidade do mesmo) , este será sometido a un proceso de avaliación en base ao sistema de revisión pares de duplos cegos (double-blind peer review). Estes extenderán un informe dirixido ao Consello Editorial, que á súa vez lle trasladará ao autor ou á autora do orixinal as recomendacións oportunas a partir do devandito informe (no que constará se o texto é apto para publicar, non publicar ou publicar con correccións , garantíndose sempre o total anonimato tanto da autora ou autor en relación aos/ás avaliadores/as como á inversa.

Título: Os artigos contarán sempre cun título. Este non debe exceder das catorce palabras.

Síntese/Abstract: Todo texto de investigación que se achega terá que contar previamente cunha síntese/abstrac de cincocentos caracteres en galego, coa súa correspondente tradución ao inglés. Igualmente no caso das entrevistas e das reseñas de libros. Esta non excederá das oitenta palabras (ou dos cincocentos caracteres con espazos).

Palabras chave/Keywords: Teranse de incorporar, como máximo, cinco palabras referenciais ligadas á síntese do texto en galego e mais inglés (o mínimo serán tres en ambos idiomas).

Extensión. A extensión máxima dos artigos de investigación, así como das edicións de fontes históricas, é de corenta mil caracteres (sen espazos); incluíndo neste cómputo as listaxes bibliográficas, notas a rodapé e apéndices documentais. Os traballos poderán ter un máximo de dez ilustracións (fotografías, gráficos, debuxos…), así como un mínimo de cinco, tomando como referencia os corenta mil caracteres de referencia máxima.

Datos. Todos os traballos (artigos, edicións de fontes, recensións) levarán unha folla aparte onde se indiquen os datos do autor/es (nome a apelidos, enderezo, teléfono, correo electrónico) e os datos do traballo (título, procesador de textos utilizado, número e nome dos arquivos informáticos onde se envíen texto e ilustracións, así como proxecto de investigación ao abeiro do que este, se for o caso,  se desenvolve).

Texto. Os/As autores/as entregarán o texto en programa informático MicrosoftWord ou Open Office. O texto enviarase sen deseño (sen paxinación, encabezamentos e pés de páxina, marxes especiais…). As citas textuais marcaranse entre aspas (” “) e en cursiva. As notas a rodapé serán as imprescindíbeis e as citas que se fagan nelas terán formato reducido, reservando a referencia completa para a bibliografía (preferentemente, as citas bibliográficas inseriranse no seo do texto, reservando en exclusiva a cita a rodapé para algunha aclaración estrictamente necesaria).

 

Murguía, Revista Galega de Historia

Ilustracións. É recomendábel que todos os traballos se acheguen con algunha ilustración. As ilustracións que se inclúan (fotografías, gráficos, debuxos, cadros, mapas…) deberán ir referenciadas e numeradas no lugar do traballo onde se insiran, incluíndo o texto para lles poñer ao pé. Cada imaxe enviarase impresa con calidade, recomendándose tamén o envío de cadanseu arquivo en soporte informático (formato JPG) a 300 puntos. Os mapas e os planos deberán incluir a escala gráfica e a orientación.

Bibliografía. Irá ao final do traballo, baixo o título Bibliografía, por orde alfabética de autores/as e, dentro de cada autor/a, por orde cronolóxica. Seguirase un dos seguintes modelos, con estas especificacións tipográficas:

    • Para libros:

— Apelidos do autor/a, nome do autor/a: Título do libro en cursiva. Lugar de edición, editorial, ano; ou
— Apelidos do autor/a, nome do autor/a (ano de publicación entre paréntese): Título do libro en cursiva. Lugar de edición, editorial.

    • Para artigos:

— Apelidos do autor/a, nome do autor/a: “Título do artigo entre aspas (” “) “. En Título da revista en cursiva. Número da revista. Lugar de edición, editorial, ano. Páxinas do artigo ; ou
— Apelidos do autor/a, nome do autor/a (ano de publicación entre paréntese): “Título do artigo entre aspas (” “) “. En Título da revista en cursiva. Número da revista. Lugar de edición, editorial. Páxinas do artigo .

    • Para capítulos de libro:

— Apelidos do autor/a, nome do autor/a: “Título do capítulo entre ” ” “. En Apelidos do autor da obra colectiva, nome: Título da obra colectiva en cursiva. Lugar de edición, editorial, ano. Páxinas do capítulo ; ou
—Apelidos do autor/a, nome do autor/a (ano de publicación entre parénteses): “Título do capítulo entre ” ” “. En Apelidos do autor da obra colectiva, nome: Título da obra colectiva en cursiva. Lugar de edición, editorial. Páxinas do capítulo .

Recensións. As recensións de libros terán unha extensión máxima de dous mil setecentos caracteres. Incluiranse os seguintes datos ao comezo da recensión: nome do libro recensionado, autor/a do libro, editorial, lugar e ano de edición, número de páxinas e, por último, o nome da persoa que recensiona o libro. Será necesario, aliás, o envío dunha copia da capa do libro, preferentemente en formato dixital (formato JPG).

Recepción de orixinais. Murguía, Revista Galega de Historia terá aberta a recepción de orixinais ao longo xaneiro e febreiro, así como entre novembro e decembro de cada ano (de cara a publicación de cada volume semestral). Os traballos (artigos, edicións de fontes, recensións) serán enviados ao enderezo electrónico de Murguía, Revista Galega de Historia: secretaria@revistamurguia.com (achegando copia a: direccion@revistamurguia.com).

Periodicidade: Murguía, Revista Galega de Historia publícase semestralmente, nomeadamente en xuño e decembro de cada ano.

*Só reservado para autores de fala hispana de fóra de Galiza e que así o acrediten (non superando os artigos redixidos neste idioma o 25% do total da publicación).

**Unha vez publicado un artigo en Murguía, Revista Galega de Historia este pasará a engrosar os fondos do Instituto Galego de Historia, tendo que ser debidamente referenciado en terceiras publicacións co volume e ano de edición da revista. Poderase publicar parcialmente o artigo sen permiso explícito do Instituto Galego de Historia sempre que non exceda a edición dunha décima parte do total do texto; ou solicitando permiso explícito á devandita entidade no caso de querer proceder a unha edición completa do mesmo.

 

 

 

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman