Historia da publicación

Murguía, Revista Galega de Historia é unha publicación cuatrimestral, formato papel e en galego, centrada na Historia de Galiza; conxunto de características que a fan única no seu xénero. Nacida no ano 2003 sob a dirección de Uxío-Breogán Diéguez e a coordenación de Alexandra Cabana Outeiro, da man do daquelas recén nado “Colectivo Murguía”, mantén un protocolo de colaboración coa Asociación Galega de Historiadores, entidade creada no ano 1991 no marco da USC e co-editora da publicación.

No ano 2011 créase o Instituto Galego de Historia (IGALHIS) da man do “Colectivo Murguía”. A Asociación Galega de Historiadores (AGH) pasa a estar presidida polo historiador Carlos Velasco Souto, integrándose no 2012 a AGH no propio IGALHIS, sendo esta institución científica a que pasará a editar Murguía, Revista Galega de Historia.

Ten unha vontade integradora á hora de sumar esforzos na procura dun maior coñecimento do pretérito da Galiza. A rigorosidade na análise do noso pasado, a súa divulgación e a achega a unha necesaria interdisciplinariedade para unha mellor comprensión da historia son os signos chave do proxecto que representa Murguía, RGH.

Toma o seu nome a revista do historiador e polígrafo Manuel Murguía, mostra de recoñecemento merecido ao seu amplo e productivo traballo. Recordatorio dun historiador comprometido co seu tempo, sabedor da importancia do pasado respeito do presente e o futuro.

Murguía, Revista Galega de Historia fica estruturada en sete seccións, a saber:

    • Fontes, apartado no que se editan textos históricos inéditos e/ou editados de grande relevancia e singularidade
    • Investigación, é o grosso da revista, onde se teñen tratado e tratan diversas cuestións da historia a nivel nacional mais tamén local
    • A Entrevista, espazo no que se conversa con persoas sobranceiras, quer coma historiadores/as, quer coma persoas de importante traxectoria histórica
    • Lembranzas, sección na que se destaca a traxectoria e pensamento de persoeiros galegos a través dos seus propios textos
    • Museos e Arquivos, onde paseamos e achegamos aos lectores e lectoras por unha institución que destaca polo coidado de pezas documentais, bibliográficas e, entre outras, hemerográficas, mais tamén por centros de investigación
    • Lecturas, pretende ser un escaparate das novidades editoriais sobre historia, etnografía, antropoloxía, etc,
    • A Rede, céntrase na procura de webs de interese cultural en xeral, histórico en particular, do noso país e doutras latitudes.

As portas de Murguía, Revista Galega de Historia fican abertas a todas e todos os estudosos e estudosas que poidan aportar o seu grao de area á reconstrucción e, en definitiva, ao coñecimento completo da realidade histórica de Galiza e do resto da Humanidade.

Aliás, tanto en formato papel como nesta súa faciana electrónica, Murguía, Revista Galega de Historia pretende ser unha ferramenta para a información de todo aquilo relativo á historia do país, nun sentido amplo e dinámico, en interación coa sociedade no seu conxunto, de tal modo que está aberta a publicación para dar conta de encontros, denuncia do deterioro de elementos do noso patrimonio e/ou, entre outros, dar conta de iniciativas e novas diversas que nos poidas facer chegar.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman