Nestes días estase a apresentar a obra Vixiados. Represión, investigación e vixiancia na Galiza da Guerra Civil (1936-1939), coordenada polo historiador Emilio Grandío Seoane, profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e editada polo prolífico e prestixioso selo Laiovento .
Unha extraordinaria obra que achega á sociedade actual a un tempo de absluto control social, quer na Galiza, quer en España, no que só “…había unha única opinión, amplificada logo nunha cadea social de trasmisión xerarquizada…”, tal e como asinala Grandío Seoane no limiar da devandita obra. Traballo que deriva do proxecto de investigación do mesmo nome, disponíbel da man dun especial a través da rede, a partir do Proxecto Interuniversitario Nomes e Voces.
Unha obra dirixida sobre todo, tal e como apunta, aliás, Grandío Seoane no limiar, “… ás novas xeracións educadas na cultura democrática actual aos que cando se lles fala do franquismo lles queda moi, moi lonxe. Precisamente por iso, o seu afastamento permite difundir a través dos medios certas imaxes desfiguradas e desenfocadas do que representaron aqueles corenta anos na historia do século XX español. De feito, boa parte deste equipo investigador pertence a esas novas xeracións. Novos historiadores, novas formulacións e sobre todo, o afastamento da percepción daquela realidade. Porque disto fala a obra: de perdas e de achados. Dunha sensación de normalidade difundida insistentemente durante aqueles anos que agachaba unha realidade distinta, dramática e cruel. Unha marca de imaxe do franquismo de ‘paz social’ aparente, mais non real”.
Vixiados. Represión, investigación e vixiancia na Galicia da Guerra Civil (1936-1939) apreséntase hoxe martes, 29 de maio, ás 20.00 horas na coruñesa Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panadeiras 12).