Murguía, Revista Galega de Historia. Vol. 25

Vén de saír un novo volume de Murguía, Revista Galega de Historia. Con este xa son vinte e cinco os editados e case unha década de andaina, tal e como se pode ler no editorial, onde se apresenta este novo número:

Orgullosamente chegamos ao volume vinte e cinco de Murguía, Revista Galega de Historia. En breve será unha década a que teñamos percorrido co presente proxecto e, xustamente, facémolo cando abrimos unha nova etapa. Nova xeira en termos formais, xa que pasamos a ser unha publicación semestral, após telo sido cuadrimestral durante este tempo; mais garantindo o mesmo perfil no referido aos principios, obxectivos e fondo que nos marcamos noutrora, no comezo de século, cando bosquexamos a presente publicación.

Nestes anos demos pasos de alcance, que axudaron —así o cremos honestamente— a lle dar maior proxección social á Historia da Galiza. Así o acredita, por exemplo, o feito de situar regularmente múltiples investigacións e realidades pretéritas do país a través de Murguía en máis de duascentas librarías e institucións varias, do país e de fóra do mesmo, omeadamente en Europa e América, coa inestimábel cobertura dunha publicística na que sobrancea o portal-e www.revistamurguia.com.

Xunto ao indicado, a posta colectiva en andaina do Galeusca Historia e do Instituto Galego de Historia teñen sido accións que deron conta dun degrao de madurez da nosa historiografía e, particularmente, da equipa que fixo posíbel a presente publicación. Este último proxecto, o IGALHIS, será de aquí en diante o que editará Murguía, mantendo un convenio de colaboración coa Asociación Galega de Historiadores, entidade que desde un inicio editara coa mesma equipa a ‘revista galega de historia’. Referido ao Galeusca Historia, podemos indicar que se ben naceu do manifesto que lanzamos no 2008 en lembranza do setenta e cinco aniversario do histórico acordo asinado en Compostela, e que para o noso caso sumou medio cento de profesionais da historiografía galega, vasca e catalá, o certo é que hoxe en día aquel é un consorcio estábel de varios centos de historiadores e historiadoras que se reúnen en congreso bianual —o primeiro en Cataluña, o segundo recentemente en Euskadi e o terceiro a desenvolver na Galiza—, dándolle ás tres respectivas historiografías unha proxección internacional.

Unhas e outras realidades non terían sido posíbeis sen a suma de vontades, a colaboración de multitude de persoas ás que desde aquí queremos agradecer o seu activismo.

*****

No presente volume de Murguía, Revista Galega de Historia abrimos a sección Fontes cunha achega da investigadora Iria Pérez Mariño arredor do códice Martyriologium (Ms 130) que analiza, introducíndonos o prolífico investigador e profesor Xosé Estévez nunha descoñecida conferencia de Valentín Paz Andrade no 1932.

Abre as páxinas da sección Investigación Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, profesor da Universidade da Coruña, cun relatorio que percorre a irmandade obreira galaico-portuguesa de inicios do século XX; a seguir o estudoso Dionísio Pereira fálanos do antagonismo e memorias cruzadas na pesca para o caso galego, reflectindo a realidade social e profesional da cidade de Monforte de Lemos nos finais do XIX o investigador e docente Xoán Carlos Díaz Rodríguez.

Após os anteriores contributos contemporáneos, o investigador Juan Alonso Blanco realiza unha achega ás fontes arqueolóxicas para o estudo da guerra e da violencia na Prehistoria.  Deseguido o profesor Eduardo Sanches Maragoto realiza unha abordaxe histórica ás falas cacereñas das Elhas, Valverde e S. Martinho, pechando a devandita sección o investigador Xurxo Martiz Crespo a través dun percorrido pola presenza venezolana de Celso Emilio Ferreiro.

Parello á entrevista que tivo Montse Dopico coa investigadora e catedrática Aurora Marco, lembramos a Isaac Díaz Pardo, visitándomos, aliás, o Arquivo Pacheco a través do fotógrafo e profesor na Universidade de Santiago de Compostela Vítor Vaqueiro.

Poñen fin ao presente volume as recensións elaboradas por Gustavo Hervella, Carlos Méixome, Rocío Botana e Prudencio Viveiro das obras Presos e prisións na Galicia de Guerra e posguerra (1936-1945), Loita de clases e represión franquista no mar (1864- 1939), Guerra Civil. Que pasou en Galicia e en España, As viaxes de Pablo Iglesias por Galicia e Una familia y un océano de por medio, xunto a presentación que Beatriz Castro fai de http://www.montedaestrela.org/, referenciada xunto a http://www.agxpt.org/.

*****

 

In memoriam Rufo Pérez, Francisco Fernández del Riego, Xaime Illa Couto, Isaac Díaz Pardo e Marcial García Neira.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman