Domingo Fontán, xenio e amante da Galiza

“Domingo Fontán Rodríguez, matemático e xeógrafo, foi o autor do primeiro mapa completo da Galiza. Durante os 17 anos que se adicou a percorrer o seu país, foi visto como unha mestura de peregrino e sacerdote, un sabio señor do século XIX recibido con reverencia por onde pasaba. Fontán foi o topógrafo galego, e probabelmente ibérico, máis importante do seu tempo – no marco peninsular, lembremos, o Estado español tardaría 40 anos en desenvolver un proxecto semellante- , levando a Galiza á vangarda da cartografía mundial”.

Estas apresentación é da autoría de Vitor Hugo Brandalise, novo colaborador de Murguía, Revista Galega de Historia, quen está a resgatar do esquecimento a figura daquel erudito galego.

Brandalise é responsábel dunha ampla pesquisa que, por entregas, está a se publicar nun seu blog , ligado a La Voz de Galicia, site-e que aqui encarecidamente recomendamos visitar.

No vindeiro volume de Murguía, Revista Galega de Historia, aliás, as leitoras e leitores da publicación poderán coñecer en maior medida ao insigne xeógrafo galego a través dun amplo texto da autoría Vitor Hugo Brandalise.

Este xornalista brasileiro está a percorrer boa parte das localidades que Fontán visitara noutrora para a elaboración do primeiro mapa científico do noso país. Un traballo exhaustivo que desenvolvera o nativo do concello de Portas, deputado nas Cortes españolas por Coruña, Ourense e Pontevedra entre 1837 e 1841, que chegaría a afirmar:

“Se queren, direilles un por un todos os pobos de Galiza e os consumos que ten cada un” -aseverado na sesión de 16 de maio de 1838-. Presumindo sanamente de coñcer os “… 3.600 curatos e cinco catedrais” tendo percorrido “… máis de 10.000 pobos, escoitando as queixas” da súa xente.

No mes de decembro chegará ás librarías o volume de Murguía, Revista Galega de Historia no que se incluirá o devandito traballo arredor de Domingo Fontán. Unha investigación que achegará dados e diverso material gráfico inédito.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman