Tralos pasos de Domingo Fontán. Vol. 26

Mais un volume de Murguía, Revista Galega de Historia vén de saír do prelo. É o volume 26 e con el estamos ao fío de pechar a primeira década de vida desta publicación, que cada día suma máis investigacións, asinantes, lectores e lectoras.

Nestes días xa chegou á morada das e dos asinantes, significando unha grata compaña nestes días de verán. Estará nas librarías nos inicios de setembro, con todo adiantamos na nosa web o editorial ao completo:

“Os tempos non son chegados. Parafraseando á inversa o noso pondalián hino, observamos como, infelizmente, estanse a dar importantes pasos atrás en todo o relativo ao público.

O ensino, ao igual que a sanidade e administración pública en xeral, está a ver como certeiros ataques danan a súa realidade. Malia contar con clara resistencia social, aliás, materias como educación para a cidadanía, de segundo e terceiro do Ensino Secundario Obrigatorio, están a ser valeiradas daquel contido que as concebera, adulterándoas en favor dunha visión retrógrada da realidade; eliminándose aquelas referencias que no decreto 1631/2006 se facían á necesidade de camiñar en favor dunha sociedade xusta e solidaria . No marco universitario vemos como se reduce o apoio á investigación, dándose marchas forzadas do país de grandes talentos, caso do físico de Foz Diego Martín Santos, galardonado como ‘mellor físico xoven europeo’ e que pasará a se integrar no holandés Instituto de Física de Partículas (Nikhef) .

Coma non pode ser doutro xeito, desde estas páxinas denunciamos o indicado, sumándonos activamente en favor dun macizo ensino público, científico e de calidade. Decidimos, nesta liña, contribuir a un maior e mellor coñecermos da realidade educativa na Galiza en perspectiva histórica, editando arredor desta un número duplo monográfico no 2013.

*****

No presente volume de Murguía, Revista Galega de Historia adícaselle a sección Fontes ao historiador Francisco Tettamancy, da man do investigador Duarte A. Loxo. Coñecido como Fuco de Tabeaio, pola localidade na que aquel nacera, nas inmediacións da Coruña, Tettamancy Gastón foi prolífico autor.

Investigación abre as súas páxinas lembrando ao matemático e xeógrafo galego Domingo Fontán. Vitor Hugo Brandalise, investigador e xornalista brasileiro, preséntanos cal foi a rota seguida por Fontán para realizar o primeiro mapa completo da Galiza, levando o país á vangarda cartográfica mundial. A seguir, os historiadores Uxío-Breogán Diéguez e Carlos Velasco Souto, profesores da Universidade da Coruña, achégannos á represión franquista na Galiza, a resistencia á mesma e á reorganización patriótica galega alén e aquén mar. Seguindo nesta liña, o investigador Francisco J. Leira desenvolve un artigo arredor do exército golpista e as diversas situacións existentes neste (vixilancia, castigo, integración…).

Castelao, o Galeuzca e Guernika son tratados polo veterano historiador Xosé Estévez, da Universidade de Deusto, pechando a devandita sección a segunda parte do texto iniciado polo investigador Eduardo Sanches arredor das falas das Elhas, Valverde e S. Martinho en Extremadura.

Montserrat Dopico conversa n’A Entrevista con Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela (USC), referente historiográfico indiscutíbel a nivel europeo.

Recuperamos un texto da autoría de Manuel Lugrís Freire, datado no 1923 arredor do que xira a sección Lembranzas, dando paso enMuseos e Arquivos á visita que realizamos ao Museo do Coiro de Allariz, parte do complexo museístico da fermosa vila ourensá.

O resultado do I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero deu lugar á obra coa que abrimos Lecturas. Así, a historiadora Beatriz Castro, da USC, preséntanos o excelente volume As mulleres na historia de Galicia, coodenado por Miguel García-Fernández, Silvia Cernadas Martínez e Aurora Ballesteros Fernández. Miguel Cardina e Fernando Gualdoni, pola súa banda, achegánnos as obras Ante la silla Eléctrica, la verdadera historia de Sacco y Vanzetti (Facing the chair) e Estudiantes contra Franco (1939-1975). Oposición política y movilización juvenil, obras as tres que recomendamos encarecidamente desde Lecturas.

N’A Rede, finalmente, reseñamos os sites http://reconstruindopassado.blogspot.com.es e http://dezahistorias.blogaliza.org , o primeiro xenérico de máis e o segundo nidio exemplo de investigación histórica local”.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman