Premio Galiza Martir 2013

Mais un ano a Fundación Alexandre Bóveda fará entrega en Pontevedra do “Premio Galiza Mártir”.

A partir da conmemoración (e denuncia) do asasinato o 17 de agosto de 1936 de Alexandre Bóveda, secretario de organización e xeral  do Partido Galeguista -activista central do nacionalismo daquela altura xunto a Daniel Castelao-, a Fundación que leva o seu nome fará entrega do Premio Galiza Mártir.

Galardón instaurado no 2006, recoñece a persoas e entidades, así como iniciativas, que se signifiquen ou se teñan significado no activismo en favor da recuperación da memoria histórica.

No presente ano será o Proxecto Interuniversitario ‘Os nomes e as Voces’ o que será galardoado coa devandita distinción. Dirixido por Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, desenvolveu con normalidade os seus fins este proxecto desde 2006 até este 2013, se ben desde 2009 tivo unha merma no seu día a día por unha clara falta de apoio institucional, nomeadamente da Xunta de Galiza. Un proxecto modélico e referencial que cómpre recoñecer, no que diversos especialistas aunaron esforzos, ligando vocación investigadora coa memoria do noso pobo en relación á represión franquista.

Desde Murguía, Revista Galega de Historia sumámonos á entrega do referido galardón ao Proxecto Interuniversitario Nomes e Voces, así como a todos e cada un dos actos programados en Pontevedra e outras localidades galegas en recordo daqueles e daquelas asasinadas, loitadores por unha Galiza democrática, de noso, que resistiron até o final das súas vidas sen tregua algunha fronte ao fascismo a partir do Golpe militar reaccionario españolista de xullo do 1936.

Documentario de Filmika Galaika

Aliás, recomendamos o novo documentario que arredor de Alexandre Bóveda editou Filmika Galaica. Traballo intitulado A Fazaña da liberadade, no que diversos especialistas sobre a historia do nacionalismo e a figura de Alexandre Bóveda reflexionan, desde distintos ángulos, sobre a traxectoria vital do galeguista e o seu ricaz tempo.

Máis info:

Actos Galiza Mártir; Fundación Alexandre Bóveda.

Biografía Alexandre Bóveda; Fundación Alexandre Bóveda.

Documentario A Fazaña da Liberdade.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman