Hoxe cúmprense oitenta e un anos do peche exitoso da Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto. O encontro en cuestión dera cita a unha representación nutrida das cámaras municipais galegas, así como das restantes institucións e partidos do noso país; convocado aquel para verificar a vontade de Galiza en favor dun marco legal que pautara a súa realidade nacional, poñendo en valor a cultura e lingua propias, e a súa relación con aquela ‘República das e dos traballadores’ que era o Estado español, segundo a súa carta magna.
:
Naquela xuntanza aprobouse un texto que o pobo galego acabaría refrendando tres anos despois, dando lugar a unha campaña endexamais repetida na nosa Patria en favor da súa realidade diferencial, pola súa capacidade de convocatoria e implicación popular, para alén do seu positivo resultado de facto.
:
Como historiadores e historiadoras queremos lembrar aquel decisivo e exemplar encontro, apelando á sensibilidade e responsabilidade do pobo galego no tocante a esa súa, nosa, realidade diferencial; en horas nas que o idioma precisa urxentemente de novas xerazóns que aseguren o seu futuro, mais tamén os nosos sectores produtivos, especialmente desatendidos por un Estado español e unha UE con epicentros lonxe dos nosos intereses e problemáticas.
:
Froito do actual proceso de recentralización, o Estado español segue baseado nun patrón unitario, apenas ‘autonómico’, e no que a nación galega non fica oficializada e recoñecida como tal -embora o idioma propio sexa formalmente oficial no seu, noso, territorio-, acrescentándose a equiparación da Galiza cun apéndice de España, e abandonando o noso agro, mar e principais actividades productivas no seu conxunto.
:
Nun tempo de crise económica, e non só, que está a servir para desmantelar o sector público -caso do sistema educativo ou sanitario que contribuimos a construir-, no que nos solidarizamos con todas e todos os traballadores golpeados, é hora de reclamarmos o pobo galego a soberanía necesaria para dotar a esta vella nación dunha realidade xurídico política propia, que procure un xusto reparto da riqueza e o benestar para a maioría social, sempre en chave netamente democrática.
:
Así, pois, valorizamos de grande interese todo tipo de propostas que promovan a vertebración social do dereito a decidir do pobo galego, tal e como pretende a iniciativa denominada Galiza pola Soberanía (GpS); facéndose necesario lembrar así mesmo, que Galiza estaría a recuperar a través dun proceso autodeterminista, baseado na autoorganización, o que foi o seu status histórico durante séculos.
:
En Compostela, a 19 de decembro de 2013.
:
Asinan
Francisco Carballo, historiador e docente.
Dionísio Pereira, historiador.
Carlos F. Velasco Souto, historiador e docente.
Xoán Carlos Garrido Couceiro, historiador e docente.
Xosé Estévez, historiador e docente.
Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, historiador e docente.
Manuel Monge, historiador e docente.
Anselmo López Carreira, historiador e docente.
Luis Chapela Bermúdez, historiador.
Andrés Dacosta Paz, historiador.
Encarna Otero Cepeda, historiadora e docente.
Bernardo Máiz Vázquez, historiador e docente.
Alexandra Cabana Outeiro, historiadora e docente.
Antón Somoza, historiador.
Prudencio Viveiro Mogo, historiador.
Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez, historiador e docente.
Manuel Pazos Gómez, historiador.
Alberto Lago Villaverde, historiador e docente.
Raúl Soutelo Vázquez, historiador e docente.