Autora: Margarita Barral Martínez
Durante o século XIX e as primeiras décadas do século XX as exposicións, nas súas vertentes internacionais, nacionais e locais gozaron de gran éxito; eran os escaparates por excelencia do progreso do mundo occidental entendido, iso si, en termos de industrialización e expansión territorial imperialista. Contextualizar e analizar o caso de Galicia na moda das exposicións vén a ser o obxectivo deste traballo, a partir do exemplo da Exposición Regional Gallega de 1909 en Santiago. As fontes das que nos valemos son a documentación arquivística e hemerográfica contemporánea que se conserva.
A comezos do século XX e para rexións como a galega, estes certames aínda non tiñan o reclamo suficiente como para desenvolvérense de xeito autónomo polo que a exposición de 1909 fíxose coincidir coa celebración do ano santo. A experiencia da Exposición serviu de impulso para as mudanzas que tamén estaban a acontecer en Galicia: a) o marketing e a promoción turística desenvolvidos para garantir o éxito do evento, igual que sucedía nas convocatorias internacionais; b) desde o punto de vista urbano consolidou a apertura cara ao sur do ensanche da cidade, a zona que hoxe corresponde ao Campus Vida da Universidade de Santiago e o barrio dos Feáns. Desde unha perspectiva máis artística tamén supuxo a introdución do estilo ecléctico que aínda era novidade en Galicia; e c) a dose de propaganda político-ideolóxica de senso galeguista que acubillaba a convocatoria tamén marcou unha especificidade con respecto a outras rexións, pero ao mesmo tempo esta especificidade autóctona sumouse á identidade española rexenerada que pretendía transmitir o monarca Alfonso XIII.
[embeddoc url=”http://www.revistamurguia.com/wp-content/uploads/2015/04/Murguía-29-30_2014_15_30.pdf” viewer=”google”]