Tal e como tiñamos anunciado, o III GALEUSCA HISTORIA celebrouse na Coruña entre o pasado 18 e 19 de setembro. Encontro no que se desenvolveron máis de vinte relatorios e comunicacións, no marco do II Curso de Verán Ciencias Sociais, Educación e Sociedade, arredor de EXILIOS, MIGRACIÓNS E EXILIOS, da Universidade da Coruña.
Con máis de cincuenta persoas entre unhas e outras sesións participando do evento, o III GALEUSCA HISTORIA pechouse cun importante éxito de concorrencia. A iniciativa Galeusca Historia demostra a súa fortaleza trás a celebración deste encontro, logo do primeiro, desenvolvido en Catalunya (Barcelona, 2010) e o segundo, celebrado en Euskadi (Bilbao, 2012).
Foron centrais para o bon desenvolvemento do encontro todas e cada unha das entidades galegas, vascas e catalás que se sumaron e participaron do mesmo (ver programa). Nesta orde de cousas, o programa contemplou dúas sorpresas, da man de dúas entidades centrais no ámbito cultural e memorialístico da cidade que acolleu o III GALEUSCA HISTORIA. Así foi que da man da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (que o vindeiro ano cumprirá o seu corenta aniversario), o activista cultural e escritor Xurxo Souto protagonizou no final da xornada do 18 de setembro un percorrido pola cidade herculina; e da man da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña desenvolveuse unha homenaxe dupla ás e aos represalidos polo franquismo, unha a media mañá da sexta/venres 19 de setembro -a cabalo dos conxuntos monumentais memorialísticos da Avd. de Navarra, en Monte Alto, e do Campo da Rata-, acompañados por Amalia Bóveda Álvare, filla de Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez, así como Elvira Varela Bao, filla de Elvira Bao e de Bernardino Varela; e unha outra á noitiña, final do III GALEUSCA HISTORIA, no lugar do Portiño no que o escultor Pepe Galán, autor da obra, explicou o simbolismo e significado da mesma.
Os presentes deron lugar a un manifesto final, que reproducimos integramente:
“O conxunto de historiadoras e historiadores de Galiza, Euskadi e Catalunya reunidos en A Coruña, Galiza, entre o 18 e 19 de setembro do 2015 no III GALEUSCA HISTORIA reafirmamos o noso compromiso cos principios que inspiraron o ‘Pacto de Compostela’ ou ‘Galeuzca’ no 1933, tal e como xa afirmamos no manifesto conmemorativo que asinamos no 2008 (diante do 75 aniversario daquel histórico encontro); así mesmo, mantemos o noso compromiso co fomento e aumento das relacións historiográficas entre os tres países, acentuando nos vindeiros anos e encontros as aproximacións e estudos comparativos entre o pasado das tres nacións.
Aliás,
-Solidarizámonos con todos os pobos que padecen o terror e se ven obrigados a exilios e expatriacións, realidade que pasou a primeiro plano nas últimas semanas para o caso da Siria, denunciando as causas que motivan esta/s realidade/s.
-Solidarizámonos con todas as nacións sen Estado que procuran o seu recoñecimento e o desenvolvimento do seu libre dereito de autodeterminación, nomeadamente solidarizámonos coa nación catalá.
A Coruña, 19 de setembro do 2015”
PROGRAMA completo e convocatoria do encontro.
IMAXES do encontro: