Simposio “Repensando Galiza: As Irmandades da Fala 1916-1931”

PROGRAMA COMPLETO

View Fullscreen

X

Na primavera do ano 1916 nacía a “Irmandade dos Amigos da Fala” da Coruña. A esta seguiríanlle outras que se crearían gradualmente polo país adiante e, mesmo, alén mar. Modernizarían o galeguismo que até o momento existía no país e impulsarían diversos proxectos de grande relevo, caso do relanzamento con grande éxito do boletín “A Nosa Terra’ (editado no 1907 da man do movemento agrarista).

En novembro do 1918 celebrarían a súa primeira asemblea de ámbito nacional, dando lugar á “Asambleia Nazonalista de Lugo”, na que afirmarían:

“…nós nomeámonos de hoxe para sempre nazonalistas galegos xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nen encerra a intensidade dos nosos problemas“, (A NOSA TERRA, 1918)”.

 

No presente ano, xa que logo, cúmprese o centenario da creación daquelas Irmandades e do nacionalismo, explicitado ao pouco na devandita asemblea de Lugo, a partir do que sería un ideario superador da etapa ‘rexionalista’. Figuras como Antón e Ramón Vilar Ponte, Manuel Lugrís Freire, Porteiro Garea, Ánxel Casal ou María Miramontes, quedarían asociadas directamente a esta realidade de grande relevo na nosa historia contemporánea. Dado o seu relevo, diversas iniciativas serán desenvolvidas ao longo do 2016 para lembrar a súa significación (no político, cultural, educativo…) e a súa evolución até a VII Asemblea Nacionalista e a creación doPartido Galeguista (Pontevedra, 1931) .

 

SimposioREPENSANDO GALIZA: AS IRMANDADES DA FALA, 1916-1931″.

Diversas entidades, boa parte delas integradas no Arquivo do Nacionalismo Galego, impulsan un Simposio financiado pola Xunta de Galicia que se desenvolverá en Santiago de Compostela entre o 17 e o 19 novembro do presente 2016.

Tal e como indican desde a organización, e na liña que se indicou:

“En 2016 cúmprese o centenario da creación das Irmandades da Fala, primeiras organizacións do nacionalismo galego. A súa actividade política, cultural e lingüística implicou un importante punto de inflexión no devir do país en moitos ámbitos e sentou as bases da posterior consolidación de singularidades que chegarán aos nosos días. O presente Congreso pretende fornecer un marco de análise da súa significación na evolución do pensamento, das ciencias, da literatura e das artes de Galicia, asi como a súa incidencia na dinámica política dun período en que as tensións nacionais e a conflitividade sociopolítica adquiren unha especial relevancia no seo do Estado español”.

 

Carnet_das_Irmandades_da_Fala_de_1917

Carnet de afiliación ás “Irmandades da Fala”, 1917

 

PROGRAMA

 

SESIÓN I. IDEOLOXÍAS E PROGRAMAS

Contidos: A idea de Galiza-nación nas Irmandades. Análise da ideoloxía nacionalista e das súas variantes. O pensamento político dos principais ideólogos. Os programas, con especial atención ao de Lugo (1918).

 

SESIÓN II. ORGANIZACIÓN E ACCIÓN POLÍTICA

Contidos: As estructuras organizativas das Irmandades da Fala e dos diferentes grupos nacionalistas até a fundación do Partido Galeguista. Funcionamento e tensións internas. Actuación política e participación electoral. Relacións con outras forzas políticas galegas.

 

SESIÓN III. LINGUA, LITERATURA E MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Contidos: O salto cualitativo dos nacionalistas no uso público da lingua galega. A promoción do galego. O discurso lingüístico das IF. O segundo rexurdimento literario: xéneros e figuras. Os medios de comunicación propios. A influencia das IF na renovación da prensa galega.

 

SESIÓN IV. ECONOMÍA E SOCIEDADE

Contidos: As diagnoses da economía e da sociedade galegas por parte dos autores e dos periódicos vinculados ás IF, nomeadamente dos seus problemas maiores: atraso, emigración, cuestión agraria, comunicacións, aranceis e fiscalidade. Modelos de desenvolvemento propostos. Relacións do nacionalismo galego co agrarismo e co movemento obreiro na teoría e na práctica.

 

SESIÓN V. A CUESTIÓN DE XÉNERO NAS IRMANDADES DA FALA

Contidos: Dereitos das mulleres e enfoques de xénero en programas e escritos. Presenza feminina e prácticas de xénero nas IF.

 

SESIÓN VI. CIENCIAS SOCIAIS

Contidos: Achegas dende as IF á etnografía, á historia, á arqueoloxía, á xeografía, á pedagoxía e ás ciencias da natureza. O Seminario de Estudos Galegos.

 

SESIÓN VII. ARTES PLÁSTICAS E MÚSICA

Contidos: Tradición e innovación en pintura, escultura, debuxo e música. Recuperación e promoción da música popular: as corais.

 

SESIÓN VIII. RELACIÓNS EXTERIORES

Contidos: Diálogo ideolóxico e relacións políticas e/ou culturais con Portugal e cos nacionalismos catalán, vasco e irlandés.

 

SESIÓN IX. ANÁLISE COMPARATIVA

Contidos: Mesa redonda destinada a encadrar o nacionalismo galego na evolución política española e a comparalo cos nacionalismos vasco e catalán. Participarán catro expertos en, respectivamente, nacionalismo catalán, vasco e galego, así como no Estado español.

I Asemblea Nacionalista. Lugo, 1918.

I Asemblea Nacionalista. Lugo, 1918.

 

ORGANIZACIÓN

 

 . FORMATO E PARTICIPACIÓN:

            As sesións I-VIII, dunha duración aproximada de dúas horas por sesión, terán o formato de taller ou seminario. En cada sesión haberá un/unha coordinador/a que a organizará e moderará o debate. Outra persoa, relator/a, recibirá os textos e os sintetizará ao comezo da sesión nuns 15/20 minutos, sinalando os temas principais de discusión. As comunicacións, de 40.000 caracteres con espazo como máximo, deberán ser enviadas por E-mail polo menos un mes antes da celebración do congreso para que sexa posible distribuílos coa antelación debida a todos os asistentes. Calquera persoa interesada poderá enviar unha proposta de comunicación cun máximo de 2.000 caracteres con espazo dentro do prazo establecido. O Comité Científico, formado pola Comisión Organizadora e os coordinadores, será o encargado de aceptar ou rexeitar as propostas. Ademais, a organización poderá invitar a presentar comunicación a quen estime conveniente.

Para a sesión VIII os catro invitados enviarán previamente uns textos coa mesma extensión máxima que se recibirán e difundirán nos mesmos prazos.

Quen desexe asistir ao congreso, sexa como comunicante, sexa como mero asistente, deberá solicitalo antes das datas fixadas no calendario á seguinte dirección de E-mail: congresoirmandades@museodopobo.gal, indicando: nome e apelidos, E-mail de contacto, teléfono e, no seu caso, título e resumo da comunicación. A participación é gratuíta.

 

. CALENDARIO:

. Data límite presentación de propostas de comunicación: 7 marzo 2016

. Resposta ás propostas: 21 marzo 2016

. Data límite de inscrición no Simposio: 4 de novembro 2016

. Data límite de recepción dos textos das comunicacións: 7 outubro 2016

. Envío dos textos aos asistentes: 24-25 outubro 2016

. Celebración do Simposio no Auditorio do Museo do Pobo Galego: 17-19 novembro 2016

 

. COMISIÓN ORGANIZADORA: Justo Beramendi, Uxío-Breogán Diéguez, Carmen Fernández Pérez-Sanjulián, Pilar García Negro e Xosé Manuel González Reboredo.

 

. ENTIDADES CONVOCANTES E COLABORADORAS:

. Museo do Pobo Galego

. Departamento de Galego-Portugués da Universidade da Coruña.

. Murguía, Revista Galega de Historia

. Fundación Alexandre Bóveda

. Fundación Antonio Fraguas

. Fundación Antonio Losada Diéguez

. Fundación Bautista Álvarez

. Fundación Castelao

. Fundación Galiza Sempre

. Fundación Illa Couto

. Fundación Moncho Reboiras

. Fundación Otero Pedrayo

. Fundación Penzol

. Fundación Vicente Risco

. Federación de Entidades Culturais Galiza Cultura

 

 

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2016″.

 

Desexamos importante éxito a este (necesario) encontro, no que lembrar e recoñecer o contributo das Irmandades da Fala e daqueles homes e mulleres que foron quen de crealas, e socializar de xeito vizoso o seu ideario e programa, ao longo de década e media, dando ao final lugar ao Partido Galeguista do tempo republicano.

 

 

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman