Nacionalismo galego aquén e alén mar (1936-1975)

Hai meses saía do prelo o libro Nacionalismo galego aquén e alén mar. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975) publicado polo selo editorial Laiovento e da autoría de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel (Madrid, 1978), profesor da Universidade da Coruña e doutor en Historia pola Universitat de Barcelona.

A obra conta con prólogos da autoría de Jordi Casassas Ymbert e Justo Beramendi, catedráticos de historia contemporánea da Universitat de Barcelona e da Universidade de Santiago de Compostela, respectivamente, ambos centrais no labor de investigación que conducíu a Diéguez Cequiel ao remate da súa Tese de Doutoramento (2014) na que se basea a devandita obra.

Diversas reseñas se teñen publicado sobre este libro, que está a colleitar moi boas críticas, así como boas vendas -máxime tendo presente o número de páxinas da obra e os tempos tan complexos que vivimos para o mundo do libro impreso…-. O historiador Prudencio Viveiro Mogo ten reseñado a devandita obra nas páxinas das revistas galegas Grial e Murguía, así como da italiana Nazioni e Regioni. Viveiro Mogo ten parabenizado, xunto a outros colegas, a aparición deste libro, máxime diante do cen aniversario do nacemento das “Irmandades da Fala” o, explicitamente, do ‘nacionalismo’ galego, indicando:

Uxio-Breogan Diéguez

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel

En 2016 cumpriranse cen anos da fundación das Irmandades da Fala, ano no que podemos situar o nacemento do nacionalismo galego. A piques de cumprir cen anos de vida, sucédense as investigacións sobre este movemento nacional. Con todo, a cousa comezara moito antes. Desde as súas orixes, na década dos anos corenta do século XIX, o galeguismo pasou por varias fases de desenvolvemento. Contamos con estudos para as distintas etapas: provincialismo, rexionalismo e nacionalismo e, tamén, con sínteses que abranguen o galeguismo no seu conxunto. Agora ben, podemos dicir que hai, dentro de cada unha destas subdivisións, períodos que son menos coñecidos. Así, polo que toca ao nacionalismo coñecemos relativamente ben o desenvolvemento das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, pero non existe un volume de estudos igual para o período que comeza tras a fractura de 1936. Desta forma, temos motivos para saudar a aparición do libro Nacionalismo galego de aquén e alén mar. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975), obra de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, profesor da Universidade da Coruña, quen nos ofrece neste volume os resultados das investigacións que levaron á súa tese de doutoramento“.

 

Novas presentacións

Madrid.nacionalismo-galego-aquen-e-alen-mar

Logo das presentacións que se teñen realizado de Nacionalismo galego aquén e alén mar… en Barcelona, Compostela, Lugo ou A Coruña, entre outras cidades, o vindeiro 29 de abril (venres) presentaráse esta obra en Madrid, cidade natal do autor afincado en Santiago de Compostela desde os ’90. Esta presentación desenvolverase en ‘Tipos Infames. Libros y Vinos’ (C/San Joaquín, 3, corte con Fuencarral) por volta das 20.15hrs. e contará coa presenza na mesa, para alén do propio autor, de Ana Miranda, deputada no Parlamento Europeo polo BNG, e Moncho de Fidalgo, escritor galego afincado en Madrid desde os anos ’70.

Gondomar e Vigo.

Será seguida esta presentación da que o 12 de maio (xoves) se celebrará en Gondomar na Libraría Libraida ás 20.30hrs, da man do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) e á que lle seguirá unha outra na sede de Vigo do InstitutoCamões.

 

Reseña sobre Nacionalismo Galego Aquén e Alén Mar… en Murguía, Revista Galega de Historia vol. 32, monográfico arredor das “Irmandades da Fala”:

[embeddoc url=”http://www.revistamurguia.com/wp-content/uploads/2016/04/Nacionalismo_Galego_Uxio_Breogan_Dieguez_Murguía-32.pdf” viewer=”google”]

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman