“Denunciar a falta de valentía da democracia española que non quixo rehabilitarnos e honrarnos como combatentes antifranquistas”. É un dos obxectivos que se formulou unha das testemuñas fundamentais da guerrilla, Francisco Martínez López, ‘Quico’, á hora de escribir as súas memorias, publicadas en galego por A Nosa Terra no ano 2006 baixo o título Guerrilleiro contra Franco: a guerrilla antifranquista de Galiza-León. Nado en Cabanas Raras, O Bierzo, no 1925, Quico colaborou desde moi novo co movemento guerrilleiro. No 1947 incorporouse xa plenamente como membro da guerrilla, na que permaneceu ata o último ano da mesma, o 1951. Despois de máis de dúas décadas de exilio en París, regresou ao seu país, onde nunca deixou de reivindicar o compromiso da democracia coa rehabilitación dos guerrilleiros. A primeiros deste ano participou na Coruña no Congreso da Guerrilla Antifranquista Galega organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica coruñesa.
MONTSE DO PICO/Murguía, RGH.-Amósase sempre crítico coa Lei de Memoria Histórica. Produciuse algún avance no proceso de aplicación da mesma?
Francisco Martíenez Lóez, ‘Quico’.-Ningún. Aos guerrilleiros non se nos recoñeceu a nosa condición de loitadores pola liberdade. Non temos dereitos. As persoas que foron asasinadas inxustamente seguen a figurar en moitos documentos como delincuentes, bandoleiros…
M.RGH.-Seu pai era un obreiro socialista, súa nai colaborou co PC, o seu mestre era republicano… Na súa casa acollíase a fuxidos tras o golpe do 36, apoiouse a revolución de outubro do 1934 de Asturias… Foise conformando así o seu compromiso coa loita antifranquista?
FML.-Miña nai inicioume nos valores da xustiza, a democracia… O desfile do primeiro de maio de 1936 foi o meu bautismo como militante. Despois da sublevación franquista, eu era un neno e vía os mortos nas estradas… O odio á inxustiza motivoume.
M.RGH.-Aos 17 anos comezou a traballar como mineiro en Ponferrada. Decantouse polo PCE…
FML.-Eu era antifranquista, e iso é o importante. Na mina había socialistas e comunistas, sindicalistas asturianos que quedaron no Bierzo porque non podían volver, por seguridade. Influíume moito Eduardo Iglesias, lin algúns libros… Pola casa dos meus pais pasaban guerrilleiros socialistas, comunistas… Nunca entendín o comunismo dun xeito dogmático.
M.RGH.-Primeiro colabora no Servizo de Información Republicano da guerrilla. Que facía?
FML.-Tentabamos organizar a poboación antifranquista. Faciamos reunións para falar de política, distribuíamos propaganda, faciamos de enlace cos guerrilleiros… O SIR contactaba cos puntos de apoio ou casas nas que se acollía guerrilleiros… A policía descubriume, e por iso me incorporei á guerrilla. Non ías á guerrilla por gusto, senón porque a situación te obrigaba…
M.RGH.-Os grupos de fuxidos fóronse organizando pouco a pouco. Vostede sempre salienta moito a figura de Manuel Girón. Hai historiadores que din que se esaxerou o papel de Girón…
FML.-A policía chegou a dicir que eu era o lugartenente de Girón, que foi un dos principais organizadores dun dos primeiros grupos que actuaron entre León e Galicia. Primeiro formou un grupo en Ponferrada. Despois pasou con el ó fronte de Asturias, e logo volveu ao Bierzo. Confluíu con xente que viña repregada de Asturias, xente de Galicia… Girón representaba a alma do guerrilleiro. Era moi humano, valente, capaz militarmente, comunicaba moi ben co pobo… É certo que se creou certo mito, e eu estou en contra dos mitos, pero tamén é un pouco inevitable que xurdan… A policía tíñalle moito odio.
M.RGH.-No Bierzo oficializouse, no congreso de Ferradillo de 1942, a Federación de Guerrillas de Galiza-León, con xente coma Marcelino Fernández, os irmáns Ríos, Mario Morán… A Federación actuou no Bierzo, Sanabria en Zamora, este de Ourense, sureste de Lugo, Ibias en Asturias… Vostede di que o apoio popular á guerrilla era forte. Harmunt Heine opina que o prezo foi demasiado alto: a represión sobre a poboación…
FML.-O movemento guerrilleiro de León-Galiza foi a primeira guerrilla de España, e a que lle deu o modelo ás outras: orgánico, de regulamentos… E a guerrilla foi onde vin as mellores dotes de humanismo, compañeirismo, solidariedade, camaradería… Hai que dicir que, en Galicia e León, as mulleres e os nenos xogaron un papel determinante. As mulleres non eran meras auxiliares ou noivas dos guerrilleiros. Nuns pobos había apoio dunhas cantas casas, e noutros, todo o pobo estaba coa guerrilla. Apoiar o movemento guerrilleiro era un xeito de recobrar a adhesión á República, á liberdade… Ademais, había unha organización: debates, relacións persoais, axudábase aos labregos e, no momento de apoxeo, mentres a guerrilla estaba presente repelía os abusos: os fascistas tíñannos medo… Cando fomos derrotados militarmente, a cousa cambiou, claro.
Máis en Murguía, Revista Galega de Historia nº17-18