Desde o Instituto Galego de Historia seguimos a pensar que é necesario coñecer e, sobre todo, socializar o que significou o golpe militar de xullo do 1936, dado o relevo que tivo para a construción do tempo futuro, nomeadamente corenta anos de ditadura franquista, e as implicacións (no político, cultural, económico…) derivadas daquela realidade no tempo posterior até os nosos días. Por riba do cuantitativo, sabendo dimensionar no cualitativo o que aquel golpe reaccionario levou por diante. Para o caso galego, por diante aquel golpe levou unha Galiza que viña sendo modelada por homes e mulleres que deron o mellor de si a favor do progreso colectivo, caso daquelas e daquelas que fixeran parte das Irmandades da Fala até 1931 ou do Seminario de Estudos Galegos até o propio 1936, creando no tempo republicano o Partido Galeguista, xunto a miles de demócratas de diversas tendencias, caso de socialistas, comunistas e anarquistas. É por iso polo que este volume recolle as achegas que se presentaron na XIV Semana Galega de Historia, organizada desde o Instituto Galego de Historia coa colaboración de Murguía, Revista Galega de Historia, arredor da represión franquista e a memoria histórica. Encontro que reuníu a diversos especialistas na materia, para alén de numeroso público, na Faculdade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña e no Concello de Oroso a finais do 2012.
****
Abrimos este volume cunha reflexión, a modo de conferencia inaugural, por parte do prolífico historiador Bernardo Máiz, arredor da ‘memoria histórica democrática fronte a desmemoria neofranquista’. A seguir, os investigadores Víctor Oia, Eliseo Fernández e Dionísio Pereira escriben arredor dos ‘escenarios de loita de clases e represión franquista’ na Galiza urbana, tratando a seguir o tamén investigador Manuel Pazos Gómez o que foi a represión franquista na comarca galega de Ordes. O profesor da Universidade de Vigo Xulio Prada Rodríguez reflexiona nun seu artigo arredor de novas categorías para do estudo da represión franquista, nomeadamente arredor de ‘exterminio, holocausto e xenocidio’, para a continuación o pesquisador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Alejandro Rodríguez Gutiérrez tratar a resistencia ao golpe militar e ao franquismo e a ‘orixe e formas de apoio á loita antifranquista’ por parte da sociedade galega, reflectindo sobre a ‘guerrilla de chao’. O profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, á súa vez, refire no seu texto cal foi a realidade do galeguismo político fronte ao golpe militar do 1936 e como o nacionalismo galego empregaría ao respecto, como arma de axitación e conscienciación democrática e patriótica, prensa (propia ou allea) creada daquelas no ámbito ibérico. José Enrique Portela Pisos da USC, pola súa banda, aproxímanos á mobilización e propaganda nas orixes da ditadura franquista para, por último, mergullarnos o catedrático da USC José Luís Castro de Paz e os investigadores Héctor Paz Otero e Natalia Alonso Ramos nun novidoso artigo arredor do coñecido “NO-DO” franquista, reflexionando sobre comunicación, cultura e sociedade na España do 1942 ao 1981.
A profesora da Universidade da Coruña Belén Mª Castro Fernández realiza un achegamento á ‘restauración monumental e o franquismo’, realizando un magnífico balance do patrimonio artístico rescatado, pechando as páxinas deste volume a investigadora Laura Novelle López, que realiza unha ampla panorámica sobre o Proxecto Disidencia, consenso y actitudes sociales durante el primer franquismo. Galicia 1940-1953.
Agardamos que este volume colectivo, que sae do prelo oitenta anos após o golpe militar do ‘36, contribúa a lle dar maior clareza a todos e cada un dos distintos temas que aborda, sumándose a unha rica produción bibliográfica á que se deu lugar nas últimas tres décadas, da man de ducias de historiadores e historiadoras; esforzo investigador que tivo no ano 2006 o seu momento álxido, sobre todo no referido á divulgación da memoria histórica, por ter sido decretado desde a Xunta de Galiza ‘Ano da Memoria’.
Esta obra está á venda na seguinte ligazón: http://www.revistamurguia.com/?page_id=451 .
Inicio da obra: