Aproximación á Biblioteca Histórico-Militar da Coruña

A Biblioteca Histórico-Militar da Coruña (BHM) depende organicamente do Instituto de Historia e Cultura Militar. Está situada no Acuartelamento de Atocha fronte ao antigo Campo da Leña, nun cuartel construído entre 1859 e 1864 polo enxeñeiro militar Joaquín Montenegro, espléndido edificio que se aproxima aos paradigmas do neoclasicismo e apenas sufriu cambios nos seus máis de 150 anos de historia. A colección da BHM conta con 55.000 volumes, que corresponden a 35.000 títulos, dos cales un importante número refírese a historia militar, principalmente española. Ademais da súa sede coruñesa, a biblioteca tutela 29 salas de lectura nos diversos acuartelamentos da súa ampla área xeográfica de influencia, a cal inclúe unidades situadas en seis comunidades autónomas.

A BHM créase no ano 1996, sobre a base da anterior Biblioteca Rexional que se atopaba no antigo Acuartelamento de Macanaz. A súa primeira ubicación é o Cuartel de Atocha, dependendo do Cuartel Xeral do Mando Rexional Noroeste, aínda que en 1998 pasa tamén a depender organicamente do Centro de Historia e Cultura Militar Noroeste. En 1999 trasládase ás instalacións do Museo Histórico Militar da Coruña e posteriormente, en 2003, retorna ao Acuartelamento de Atocha, a súa sé actual.

Da totalidade dos seus fondos, moitos deles procedentes de antigas unidades disoltas, a maior parte refírese á historia militar, destacando as coleccións dedicadas ás diversas campañas, entre elas as relacionadas coas da Guerra da Independencia, as Guerras Carlistas, Guerras de Cuba, Filipinas, Marrocos e Guerra Civil. Igualmente son de interese os seus fondos dedicados á historia das unidades do Exército de Terra español, así como os relacionados coa Primeira e Segunda Guerra Mundial e campañas militares doutros países. Entre as súas publicacións seriadas debe citarse a súa colección de Diarios Oficiais do Exército de Terra, Boletíns de Defensa, así como os seus Memoriais do Depósito da Guerra e das Armas. Así mesmo dispón dun importante fondo antigo. A riqueza dos seus fondos é debida, en gran parte, a que a BHM é herdeira de distintas coleccións: a Biblioteca de División da II República, a Biblioteca Militar da 8ª Rexión Militar, da 6ª e a Rexión Militar do Noroeste (…).

PEDRO INCIO

Siga lendo este artigo en Murguía, Revista Galega de Historia nº37 . Nas mellores librarías do país!

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman